U.D. VAL DO ULLA 3 – C.D. BAIO 2
Partido entretido e disputado o visto onte no campo do Coto entre o Val do Ulla UD e o CD Baio que acabou levándose o cadro local nunha tarde de sol, aínda que xa cos rigores do frío outonal. Boa presenza de espectadores que viron cinco goles e a actuación esperpéntica ¿habitual? de Paz Hermida, que os liñas lle salvaron en boa maneira. O partido non tivo un dominador claro, senón que foron os goles os que facían a un equipo virse arriba e ao outro acusalo en exceso.
Comezou máis asentado o equipo baiés, e froito do seu control do balón chegou unha grande oportunidade tras unha boa xogada por banda esquerda que rematou nun centro de Damián e o remate de cabeza de Iván Rojo na área pequena é detido por Monteserín cando xa se cantaba o gol (min.9). Pero ese dominio inicial rompeuse co primeiro gol, tras un roubo de balón de Julio en campo propio que filtra para Jaco, que tras desfacerse de Dani na saída marca a pracer (min.21). Acusou o golpe o cadro baiés que puido ver como o equipo local aumentaba a renda inmediatamente, nunha boa acción de Cristian por banda, que cede para Cidranes, que por dúas veces non logra bater a Dani; e aínda tería unha nova Cristian, que ante Dani envía o balón fóra (min.27). Pero cando máis abatidos estaban os baieses, incluso coa lesión de Álex, chegou o empate, grazas a un centro de MC, que un defensa non logra despexar e o balón cáelle a Santi Díaz e empalma á rede (min.31). Novo cambio de panorama e agora era o cadro local o que quedou mermado de moral e puido aproveitalo Iván Rojo para marcar o segundo, pero o dianteiro non está tendo sorte de cara ao gol, e o seu fermoso lanzamento desde fóra da área era sacado por Monteserín da escuadra (min.34). Empate ao final dos primeiros 45 minutos e todo quedaba para a reanudación.
Parecía que saía o Baio máis enchufado, pero axiña chegou o golpe do segundo gol local, cun centro de Cristian, que remata Jaco no segundo pau a gol (min.48), que o árbitro non concede e tería que ser o liña o que o sinale ao marcarlle que o balón entrara antes de que o sacase Dani. Estivo perdido o Baio no campo, sen lograr traspasar as liñas defensivas locais, e polo tanto sen crear ningún tipo de perigo. Mediado o segundo período unha contra levada por Óscar, que non logra detel ninguén ata que se interna na área e fano en falta sinalando o correspondente penalti, que transforma Carlos (min.66). Apenas se xogou no que quedou de partido, con continuas interrupcións e discursos arbitrais, que parecían xa poñerlle o ramo ao partido. Pero un balón entre liñas sobre Josiño, fai que o defensa o leve por diante, sinalando o colexiado falta, pero novamente é corrixido polo liña que lle indica que a falta fóra dentro da área e o conseguinte penalti, que transforma MC (min.87). Intentouno o equipo baiés no tramo final, con máis corazón que cabeza, e non logrou claras oportunidades salvo dous lanzamentos desde fóra da área de Josiño e MC, que se foron desviados da meta de Monteserín.
Pola UD Val do Ulla xogaron: Monteserín, Mattew, Julio, Martín, Barrio, Carlos, Franqueiro, Hermida, Cristian (Miguel 89), Pepe Cidranes (Óscar 46) e Jaco. No CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex (Moreno 28), Damián (Pablo 75), Norberto, Peke, Bieito, Iván Rojo (Sergio 65), Santi Díaz (Josiño 83) e Martín MC. Con esta derrota o Baio baixa uns postos, pero segue no grupo cabeceiro, agardando a próxima semana a visita do Bertamiráns no Platas Reinoso.

