Mario Romero Rodríguez (Baio, 16 de outubro de 1983) anunciou a súa retirada dos campos de fútbol este verán despois de 24 temporadas neste club. Despois de toda unha vida defendendo e representando o mesmo escudo, a afección agárdao este domingo xunto a Martín e Ramón para homenaxear a quen escribiu a historia do club das últimas decadas.
Recordas cando comezas a adestrar e a xogar no Baio? Que anos tiñas?
Recordo cando empecei pero non que anos tiña, calcúlolle que sobre 8 ou 9.
Mirando atrás, que é o primeiro que che ven á cabeza de todo este tempo?
Que me da pena despois de tantos anos, desde a infancia dedicándome a isto. A pena que teño é ter 35 anos, oxalá tivera 10 outra vez para volver empezar e volver aprender.
Como comezaches no Baio?
De pequenos xogábamos co colexio nisto de “Deporte Escolar” que había, íamos xogar a Cabana, Corme, Ponte do Porto, Zas…empezamos a adestrar nese equipo e despois xa creo que foi Chapista que nos colleu e xa comezamos a adestrar no pavillón co Baio.
Recordas o primeiro partido? E o primeiro gol?
Non, non recordo nin o primeiro partido nin o primeiro gol.
E o primeiro título?
O primeiro título é fácil…foi a liga do ano pasado! Bueno, participei nunha liga de xuvenís.
Que recordas dos primeiros anos? Tamén ías ver os sénior? Quen xogaba no Baio cando ti comezaches?
Recordo ir ver os partidos ao Balsiño pero non sei dicir quen xogaba, xa que os sénior empezaron no Platas no 90 e eu daquela tiña 7 anos. Os meus primeiros recordos dos sénior xa son no Platas, os máis vellos serán a xeración de Gerardo, David…
O meu primeiro adestrador creo que era Chapista, pero directiva xa non sei; serían Pepe de Muíño ou Touriñán, non sei con que anos empecei a adestrar nin cando foi a miña primeira ficha co Baio.
Tiveches algún futbolista como referente pola súa forma de ser ou xogar?
Ningún, ata non me parezo a ningún dos que me gustaban a min. Cando empecei o meu ídolo era Laudrup, xa ves que non me parezo nada a el futbolísticamente. E logo xa foi Raúl toda a vida, veu Raúl e foi Raúl sempre.
Saberías calcular cantos partidos, goles ou títulos acumulas con esta camiseta?
Títulos está claro, pero partidos desde infantís….ponlle 24 anos a unha media de 20, serán 400 máis ou menos. Goles poucos, nos infantís inda metía algún pero…ponlle 60 en toda a miña vida.
Ao longo de todos estes anos compartiches vestiario con moitas xeracións. Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches?
Martín. Martín con moita diferencia.
E adestrador?
Varios. Teño que dicilos case todos, uns por unhas cousas e outros por outras, pero destacaría o tándem Edelmiro e Santi Núñez, Moncho Varela, Chema Rivadulla e Félix.
E rivais? Houbo alguén con quen che gustaría ter compartido vestiario?
Ningún. Os meus ídolos da Costa xogaron no Baio: Santi, Martín, Chema Rivadulla…cos que compartín xa quedei satisfeito.
Cal é o teu mellor recordo como futbolista? E o peor?
O mellor foi o ascenso de fai 5 anos con Félix. O peor foron as lesións, aínda que nunca me lesionei ata o final.
Nunca pensaches ou tiveches tentacións de fichar por outro equipo?
Non, nunca.
Sempre fuches feliz xogando ao fútbol ou nalgún momento tiveches tentacións de deixalo?
Empecei a pensalo estes últimos 3 anos, desde unha lesión larga de tobillo funo preparando. Costoume moito porque desde que volvín non quería deixalo, pero este ano ao romper o nariz xa foi outro pao.
Por iso te retiras agora?
Evidentemente non só polo nariz senón por un cúmulo de cousas: pola idade, as lesións…a verdade é que tomei a decisión cando rematou a temporada e nunca me volvín plantear seguir.
Como é un verán sen pretemporada? Xa che dou tempo a botalo de menos?
De momento non o boto de menos, agradéceme o corpo non estar xogando; síntome moi ben, tiña falta de descanso.
Gustaríache seguir vinculado ao fútbol noutras facetas?
De momento non, prefiro desconectar.
Como ves o futuro do Baio e do fútbol da Costa en xeral? Está cambiando moito respecto aos últimos anos?
O futuro non o vexo moi ben porque cada vez hai menos rapaces; non hai novas xeracións que empuxen moito, nin hai a ilusión que había antes tampouco. Agora teñen máis cousas que facer, antes só tiñamos unha pelota e unha bicicleta.
Que futbolista consideras un exemplo para as novas xeracións?
Raúl. Dos de agora non hai ningún que represente os valores que me gustan a min, soamente Nacho; agora mesmo é o exemplo.
E adestrador?
Cholo é máis do meu estilo pero cáeme algo mal.
Puideches ver o equipo na pretemporada? Cres que se acusará o exceso de xuventude sen os tres pilares dos últimos anos?
Non se vai notar nada, creo que temos un equipazo este ano. As fichaxes foron moi boas e temos unha gran plantilla. A directiva fixo un gran traballo a pesar das dificultades.
Como prognosticas que será a nosa temporada? Cal cres que debe ser o obxectivo?
O obxectivo é estar o máis arriba posible, da metade da táboa para arriba.
Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?
Que sigan animando ao equipo e apoiando á directiva, que todo o que fan é moi complicado e é de agradecer. Gustaríame dar as grazas a todas as directivas dende que comecei a xogar, que grazas a eles puiden xogar tantos anos no equipo da miña vila. E tamén dar as grazas a tantos compañeiros e adestradores; grazas aos bos aprendín moito e, grazas a outros que non eran tan bos, aprendín o que non tiña que facer, que tamén é importante.

