Ramón Gómez Costa (Baio, 23 de xaneiro de 1982) decidiu retirarse dos campos de fútbol despois de 25 anos federado no club da súa vila. Xunto con Mario e Martín, Ramón será recibido este domingo pola súa afección para render homenaxe a un dos poucos da nosa historia que conseguiu alcanzar as vodas de prata sen cambiar nunca as cores da súa vida.
Recordas cando comezas a adestrar e a xogar no Baio? Que anos tiñas?
Si, empezamos no campo de atrás do pavillón, daquela o que había era o de Deporte Escolar, non había moito máis. Nós empezamos moi novos e non tiñamos ficha nin nada creo, no Baio entrabas directamente nos infantís aínda que tiveras menos anos; ías adestrando unha temporada con Chapista ao pavillón e despois xa ías entrando. Eu tería 8 ou 7, recordo que nos levaban Edelmiro e Manolo xogar aos maratóns por aí cando eramos infantís ou alevíns, e creo que inda non estabamos federados.
Mirando atrás, que é o primeiro que che ven á cabeza de todo este tempo?
A ilusión de cando ía cos grandes sendo máis pequeno, iso é o máis bonito que hai. Que te chamen para unha categoría superior…diso acordareime sempre, era o máis grande que había. E aínda que quedaras fóra da convocatoria, que algunha vez iamos 18 e quedabas fóra, pero era o máis bonito que había. Era o que queriamos: ir para arriba e ser grandes antes de tempo.
Recordas o primeiro partido?
Non…acórdome de xogar detrás dos colexios nun campo de area contra As Laisas ou contra o Laxe, pero non sei se era co Baio ou eran outras competicións.
E sempre xogaches atrás?
Si, sempre.
Daquela o primeiro gol recórdalo ben, non?
Goles poucos…non sei se terei máis en propia meta, ao ser defensa non vas marcar 40 goles! Eu dianteiro pouco xoguei, algún penalti ou calquera cousa así puido ser, pero goles poucos marcaría. E aínda así non me acordo do primeiro, son moitos anos e non é coma agora que hai foto para todo, cámara para todo…antes non había nada diso.
Cando foi o primeiro título?
Sería xuvenís ou infantís, digo eu que algunha liga ganariamos.
Que recordas dos primeiros anos? Como era ir adestrar fai 25 anos?
Era ir na bicicleta e non che pasa nada, íamos para o Balsiño ou para onde fora. Cambiou moito, agora protexémolos de máis.
Tamén ías ver os sénior? Quen xogaba no Baio cando ti comezaches?
Xogaría Loliño meu primo…a verdade é que non me acordo, cando xogaban no Balsiño eramos moi pequenos; acórdome da grada, do cuartiño que había alí á dereita, a cantina e pouco máis.
Tiveches algún futbolista como referente pola súa forma de ser ou xogar?
Eu como era de atrás gustábame moito Hierro, era máis de Hierro ou Puyol, pero máis ben Hierro. Despois Raúl creo que tamén sería o icono de todo o mundo.
Saberías calcular cantos partidos, goles ou títulos acumulas con esta camiseta?
Goles e títulos poucos, partidos moitos aínda que xogados ao mellor non tantos.
Ao longo de todos estes anos compartiches vestiario con moitas xeracións. Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches?
Polo menos, nas categorías inferiores, Anxo Mato; aquelo era unha bomba, ao fútbol e fútbol sala poñía medo, era unha cousa fora do normal. De xuvenís xa xogaba cos maiores e xogaba, que non ía facer número. O resto eramos todos máis ou menos normaliños. E despois xa Martín, Santi…houbo moitos! Algún de fóra tamén, pero Martín e Santi foron sempre a referencia, e tamén foron os que máis aguantaron.
E adestrador?
Para min os das categorías inferiores, era cando máis disfrutabas. A min marcáronme Edelmiro e Santi cando eran tándem, se non é por eles non chegariamos a onde estamos, son os que nos transmitiron os valores todos.
E rivais? Houbo alguén con quen che gustaría ter compartido vestiario?
Non, os que viñan de fóra era porque querían estar con nós…unicamente os de Baio que marcharon. Por exemplo, gustaríame que estiveran Nacho, Diego e esa xente toda de Baio cando eran bos, se eles estiveran non tiñan que vir os de fóra e ao mellor poderíamos chegar máis lonxe.
Cal é o teu mellor recordo como futbolista?
Ir adestrar e xogar en categorías inferiores a min foi o que máis me marcou.
E o peor?
Non teño recordos malos, nin sequera as lesións. A veces xogarías mais ou xogarías menos, pero ningún recordo malo que me marcara.
Sempre fuches feliz xogando ao fútbol ou nalgún momento tiveches tentacións de deixalo?
A verdade levo 5 ou 6 anos intentando deixalo pero pénsalo e…que vas facer senón.
Por que te retiras agora?
Porque agora toca familia tamén, a familia rómpeme a cabeza e hai que deixalo e deixar á xente nova.
Como é un verán sen pretemporada? Xa che dou tempo a botalo de menos?
Eu sigo indo adestrar, a miña pretemporada é igual que antes, máis ou menos. Non vou sempre, vou algo menos porque agora a prioridade é o traballo, pero estou indo cando podo e vou seguir indo todo o inverno se me deixan.
E non o botas de menos cando chega o domingo, empeza a liga…?
Non porque este ano fixo bo tempo, fun á praia…non está mal esta vida tampouco, nunca probara pero está mellor do que un pensa, sen o agobio de marchar da praia para ir xogar… Non sabiamos o que era pero sabendo o que é non se está mal.
Gustaríache seguir vinculado ao fútbol noutras facetas?
Gustaríame pero polo meu traballo non podo, para deixalo a medias non.
Como ves o futuro do Baio e do fútbol da Costa en xeral? Está cambiando moito respecto aos últimos anos?
Cambiou moito, xente nova non hai e ganas poucas, e cada dia vai a menos. O meu fillo este ano ao mellor nin ten categoría para el, cada día hai menos e teñen máis opcións que fútbol ou bicicleta. Agora hai Play e prefiren estar unha hora con ela e non unha hora correndo detrás do balón; ao meu fillo lévalle idea pero acaba de adestrar e xa se mete na play, nós aínda íamos dar unha voltiña na bici.
E ven fútbol na tele?
A algún gústalle pero non están cara a televisión como estabamos nós; ao meu aínda lle gusta pero iso de estar parado nada, poucos partidos ve, non aguantan.
Que futbolista consideras un exemplo para as novas xeracións? E adestrador?
Un canteirán que viviu o bo e o malo, hai que saber estar e saber esperar a que chegue o froito, pero mesmo os que non xogan. É un exemplo que esteas tantos anos, é o mesmo que di Mario de Nacho: sabe aguantar a que lle chegue a oportunidade e agora é o que é, eses son os valores que hai que transmitir. Incluso aquí tipo Mario, Martín ou eu, sempre vai chegar a oportunidade e hai que saber aguantar.
E adestrador?
Para min os mellores son os que teñen equipos pequenos, son os que fan o equipo grande. Os adestradores grandes se xa teñen bo equipo…adestra calquera! Eu valoro moito un equipo pequeno cun adestrador que non coñece ninguén e que consigue sacarlle o máximo rendemento.
Puideches ver o equipo na pretemporada ademais dos adestramentos? Cres que se acusará a falta de veteranía?
Vino ben, moi ben. Non se vai notar nada, estaos enchufando a todos, se están como estaban ata agora teñen un bo equipo.
Como prognosticas que será a nosa temporada?
Non se vai sufrir tanto coma o ano pasado, eu creo que entre os primeiros imos quedar. Se non se malvan e non hai problemas, claro; todos non van xogar, pero se o adestrador sabe levar ben o equipo, teñen un equipazo.
Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?
A xente se fai o que estivo facendo ata agora xa vale, eu creo que máis apoio que ten o Baio pouco hai, xa se viu ata agora.
Persoalmente sentícheste querido ou despreciado?
Dentro do que cabe, creo que pola miña humildade, nunca tiven problemas con ninguén. Faríao mellor ou peor pero facía o que podía, nunca fun máis do que quixen ser. Sempre hai algún que te quere sacrificar pero diso haberao en todos os lados, a min sempre me trataron bastante ben.
Algún agradecemento?
Gustaríame agradecer ás directivas todas por contar comigo e sobre todo a Martín, para min foi un apoio moi grande. Rompinlle moito a cabeza pero foi un dos que mais me axudou, foi o referente que tiven, o que me animaba sempre aínda que non fora ben.

