Esa delgada liña

C.D. BAIO 0 – PUEBLA F.C. 1

A delgada liña que separa a vitoria da derrota, esa liña que parte para un lado ou para o outro, cae do lado do Puebla, quizais por culpa desa lei non escrita que cando algo pode ir mal irá mal,e o Baio pagou moi caro intentar ir pola vitoria cando podía conformarse co empate. Nunha tarde invernal con moito frío, moito aire e moita chuvia, máis dun centenar de seareiros viñeron animar ao CD Baio nun choque importante contra o Puebla FC.

Partido moi serio do Baio que presentaba unha defensa moi distinta á habitual polas baixas dos tres centrais habituais, pero a tripleta Ramón-Pablo-Peke estivo moi solvente e non concedeu que os perigosos dianteiros visitantes tivesen claras ocasións. De feito, a única oportunidade clara que tivo o Puebla no primeiro tempo foi no primeiro minuto, cando Pap gaña no corpo a corpo con Pablo Novo, pero o seu disparo váiselle fóra. E a mellor ocasión do Baio veu aos 11 minutos, cando Iván Rojo queda só ante Juan, pero o seu forte disparo tamén se vai por riba do traveseiro. Puido marcar tamén Martín MC nun dos seus habituais lanzamentos desde medio do campo, pero sorprender ao espigado Juan nestes lides é complicado e atallou sen problemas. Pouco máis que contar do primeiro tempo, no que o Puebla dominou pero o Baio moi ben colocado sobre o campo impedía que as penetracións, sobre todo de Espi, chegasen a bo porto. A decoración foi a mesma no segundo tempo, na que o Puebla presionaba pero non conseguía atopar ocos na ben colocada defensa baiesa. Pero faltando un cuarto de hora, o Baio foise un pouco arriba na busca do gol da vitoria, e puido logralo cun lanzamento de falta de Santi Díaz na frontal da área pero o seu lanzamento saíu fóra (min. 74). Pero a busca do gol trouxo unha contra rápida do Puebla, que chegou ao lateral da área baiesa e o centro atopa a un desmarcado Diego Rivas no primeiro pau, que bate de colocado cabezazo a Dani (min. 76). O gol trouxo un cambio de decoración, pois o Puebla pechouse atrás e se xa amosaban unha gran seguridade defensiva incrementaron a súa fortaleza, e deenvolveron o xogo de contraataque que tan ben practican e aí estiveron máis próximos ao gol que o Baio. Puido marcar Diego Rivas a pase de Changui no minuto 89 e o propio Changui no 93, pero malograron as ocasións enviando o balón fóra.

En definitiva, o Baio non aproveitou a súa gran ocasión na primeira parte e vía como o Puebla conseguía marcar a súa primeira clara. Pero este ten que ser o camiño que debe seguir o Baio nos vindeiros encontros, xogando con seriedade en defensa e buscar o gol cos dianteiros que a pesar de levar varios partidos coa pólvora mollada a súa calidade fará que volvan ver porta axiña. Mantense o Baio en posto de arrastre, agora a dous do Tordoia, e mantendo a vantaxe de dous puntos co At. Ribeira por abaixo. Polo CD Baio xogaron: Dani, Ramón (Josiño min.80), Pablo Novo, Peke, Isaac, Adrián Lema, Fachal, Martín (Rubio min.71), Moreno (Santi Díaz min.71), Martín MC e Iván Rojo. No Puebla FC xogaron: Juan, Pablo Pérez, Jesús, Rafa, Sandro, Treus, Sergio (Diego Rivas min.61), Changui, Álex Teira, Espi (Monson min.88) e Pap (Nacho min.71).

O RESTO DA XORNADA

Vitorias dos dous primeiros clasificados que manteñen as distancias entre eles. Meritorio o triunfo do Piloño no campo do Souto, que lle permite seguir no segundo posto por detrás do Agolada. Os agoladenses venceron sen problema ao Sigüeiro, cun gol temperán de Aitor, e aos vinte minutos Canutas xa sentenciaba; Bautista en propia meta marcaba o terceiro para os do Deza na segunda parte. Un gol de Zequi á media hora valeulle ao Piloño para impoñerse no campo do Flavia, que non foi quen de empatar a pesar de xogar 25 minutos cun home máis pola expulsión de Mosquera. Tamén venceu o Bastavales nun difícil campo como o do Bertamiráns, pero un gol de Beiroa no primeiro minuto chegoulle para subir ao terceiro posto, empatado co Puebla, superando ao Flavia. Empatado cos padroneses está agora o Unión, que sufriu para impoñerse ao Fisterra, pero un gol de Vigo ao cuarto de hora do segundo tempo valeu para que os tres puntos quedasen no campo das Vilas e nin a expulsión de Juanma a vinte minutos para o final variou o marcador. Quen parece que tira a toalla do ascenso é o Lalín, que vía como perdía os tres puntos no desconto en Tordoia; os locais adiantáronse mediado o primeiro tempo por medio de Dubra, pero o Lalín dáballe a volta con dous goles de Matelo no treito final do segundo tempo, pero Chino no desconto salvaba un punto para o Tordoia que pode valer moito na loita pola salvación.

Tamén sumaba un punto o Chaián no seu enfrotamento contra o Cordeiro no único partido que rematou sen goles. E nun enfrontamento por abaixo entre dous equipos situados en postos de descenso resolveuse nos minutos finais; o At. Ribeira adiantouse cun gol de Vicente ao cuarto de hora da segunda parte, pero a falta de dez minutos empatou de penalti Parafita e no desconto Diego Varela dáballe os tres puntos ao San Lorenzo que sacan ao equipo de Verdillo do último posto despois de moitas xornadas. Quen ocupa agora o farol vermello é o Silleda, que este domingo era goleado polo Soneira no Outeiriño, con gol temperán de Basti, e antes do descanso Vía poñía o segundo de penalti; coa expulsión do local Miguel e un novo gol de Vía mediado o segundo tempo finiquitaban o encontro.

O Agolada suma xa 54 puntos, tres máis que o Piloño; agora os terceiros Bastavales e Puebla están con 45, un máis que Unión e Flavia. Parece que a falta de dez xornadas estes son os equipos que se xogarán as dúas primeira prazas, pero a traxectoria e vantaxe dos dous primeiros non vai dar moita opción a fallar aos seus perseguidores. Pola parte baixa só houbo un cambio entre os oito equipos que están na pelexa por non descender, e é como xa comentamos o ascenso do San Lorenzo á penúltima praza, quedando o Silleda na cola, con 16 puntos. Os verdilleses, con 18 achéganse a un do seu rival de hoxe, o At. Ribeira e a só tres do Baio, que con 21 ocupa posto de arrastre. Os baieses teñen ao Tordoia dous por riba, a catro o Chaián e a seis a Fisterra e Sigüeiro. Na táboa de goleadores non marcou ningún dos sete que destacaban na cabeza, polo que Richi (Lalín) segue na cabeza con 19 goles, tres máis que o seu compañeiro Camba; con 12 están Viturro (Puebla), Jacobo López (Chaián) e Madiop (At. Ribeira); e con 11, Changui (Puebla) e Rubén Fernández (Silleda).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *