Empate no Cortizo

C.D. LALÍN 0 – C.D. BAIO 0

Tarde invernal, con moito frío e vento e chuvieiras intermitentes, que deparou unhas bancadas pouco poboadas nas que se fixo sentir máis a animosa afección visitante, que se achegou en bo número ao Manuel Anxo Cortizo. O partido foi coma o tempo, bastante frío, con poucas ocasións de gol e excesivas perdas de balón por parte de un e outro conxunto en zona media. Na primeira parte, co vento a favor, o Lalín intentou levar o control do xogo, pero a única ocasión seria de perigo veu dun remate de cabeza de Camba pero Dani estivo moi seguro e mandou o balón a córner (min.10). O Baio saía á contra sempre que podía e nun balón dividido Martín MC chegou antes que Moncho pero este reaccionou ben e desviou co pé o disparo do dianteiro baiés (min.17). Pouco máis que significar nun primeiro tempo que pasou con máis pena que gloria.

Mesma situación no comezo do segundo período, co Lalín intentando mover o balón para chegar á área rival e o Baio colocado atrás na busca da contra cos seus dous dianteiros. Tivo a súa ocasión Pablo Novo, que rematou unha falta lateral no punto de penalti, pero o balón fóiselle por riba do traveseiro (min.57). Tamén Camba tuvo a súa noutro remate de cabeza, que novamente Dani sacou en boa intervención (min.63). Intensificou o seu dominio o cadro local neste tramo do partido, pero tampouco chegaban a inquietar aos visitantes. E incluso contra o final o Baio puido aproveitar os ocos que deixaban os dezanos atrás, e aí veu a mellor ocasión cando Martín MC conseguiu irse por banda ata liña de fondo, pero na súa internada na área non puido ceder para Iván Rojo, que estaba só no punto de penalti, e cando o fixo Moncho logrou cortar o pase (min.81). Tamén Moreno tivo a súa nun roubo de balón en liña de tres cuartos, pero o seu disparo desde a frontal saíulle mordido e atrapou Moncho abaixo (min.84). E o Lalín tería a súa mellor oportunidade nun centro de Ocampo desde liña de fondo e David remata de tacón pero o balón váiselle fóra (min.89).

Ao remate un punto máis que suman os dous conxuntos, que pouco lle serve ao cadro local, e que lles permite aos visitantes sumar na procura de saír dos postos baixos, sobre todo nun campo difícil e diante do máximo goleador do grupo, logrando deixar a portería a cero, mais pola contra segue sen romper esa xeira negativa cara ao gol, que xa é de 622 minutos sen marcar. Polo CD Lalín xogaron: Moncho, Rubén, Ocampo, Nuno, Xairo (Rubén Ferreiro min.54), Xocas, Ferreiro (Rego min.51), Dani (David min.78), Brais, Matelo (Pituso min.86) e Camba. Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Norberto, Pablo Novo, Yago, Adrián Lema (Eloy min.69), Fachal (Moreno min.60), Peke, Martín (Rubio min.80), Iván Rojo e Martín MC.

O RESTO DA XORNADA

Xornada incompleta por culpa do temporal, que impediu a disputa de dous partidos: Bastavales-Tordoia e o sobranceiro Puebla-Agolada. Xa que tres dos catro primeiros non xogaban, aproveitou o Piloño para chegar ao coliderato grazas á súa goleada contra o Bertamiráns, que encarrilou cun gol de Matías ao cuarto de hora, e tras o descanso Dani Méndez puxo o segundo, e logo entre o 70 e o 75 virían o resto dos goles: Matías conseguiría o seu segundo e Kevin en propia puxo o 4-0, que se encargou de maquillar Pinaque para o 4-1 definitivo. O Flavia conseguiu alcanzar a Bastavales e Puebla co seu empate no derby co Cordeiro, noutro encontro sen goles. Tropezou o Unión na súa vista a Vimianzo, onde o Soneira foi amplamente superior, que xa sentenciara o partido na primeira parte con goles de De la Sierra, Basti e Álex Figueiras; a expulsión de Adrián ao comezo do segundo tempo aínda minguou máis as posibilidades dos rianxeiros, que vían como Nazo marcaba o cuarto no desconto.

Pola parte baixa, saíron triunfadores da xornada o Fisterra e o Sigüeiro, que coas súas vitorias en duelos directos conseguen unha boa marxe de puntos sobre a zona perigosa. Os fisterráns impuxéronse ao Chaián cun solitario gol do xuvenil Isaac xusto antes do descanso; mentres que os orosáns lograron a vitoria ante o At. Ribeira, grazas a un gol de Jorge ao pouco de comezar a segunda parte e remachou Pablo Mato no desconto. O terceiro club implicado no descenso que conseguiu os tres puntos foi o San Lorenzo, que noutro duelo directo se impuxo con claridade ao Silleda, que aguantou dous terzos de partido, pero o gol de Mario mediado o segundo tempo e o hat-trick de Parafita nos últimos dez minutos deixaron o marcador final nunha goleada, que achega aos verdilleses aos postos de salvación, superando ao At. Ribeira.

A clasificación por arriba vese claramente afectada pola non disputa do seus partidos dos tres primeiros clasificados, polo que o Piloño, cun partido máis, empata co Agolada a 54 puntos. Por detrás deles está agora o Flavia, que co seu empate colleu a Bastavales e Puebla, que non xogaron. O Unión segue a un punto destes tras a súa derrota e o Soneira achégase a dous puntos dese trío. Pola parte baixa, só o Tordoia non disputou o seu encontro, polo que os demais están ao día na clasificación: o Silleda segue pechando a táboa con 16 puntos, tres máis ten o At. Ribeira e o San Lorenzo suma xa 21 puntos. No posto de arrastre segue o Baio, cun punto de vantaxe sobre os verdilleses e un menos que o Tordoia, mentres que o Chaián ten tres máis que os baieses. Fisterra e Sigüeiro aumentaron a diferenza cos postos baixos, e están xa sete puntos por riba do posible arrastre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *