“A idea foi deixar o fútbol, pero cada día que vou ver o Baio xogar…máis e máis ganas teño de volver”

Roi Fachal naceu en Baio e neste club desenvolveu practicamente toda a súa traxectoria deportiva, a excepción dun breve paso polas categorías inferiores do Bergantiños. A súa sexta temporada no primeiro equipo viuse truncada moi cedo; a mediados de agosto, na II edición do Trofeo Gasthof na que recibían ao Montañeros no Platas, acababa de comezar o partido cando a perna esquerda lle quedou cravada. Foi no xiro cando notou que algo non ía ben, e o diagnóstico non deixou lugar a dúbidas: rotura de ligamento cruzado anterior e esguince no lateral interno da súa perna esquerda. Finalmente, pasou polo quirófano o 30 de novembro para comezar así a conta atrás dunha longa recuperación.

Para comezar, como te encontras?

Ben, a verdade é que me encontro mellor do esperado. Pouco a pouco vou collendo máis confianza coa rodilla grazas á axuda de Félix sobre todo, e facendo exercicios de maneira diaria no ximnasio para fortalecer.

En que parte do proceso estás?

Atópome na fase de ganancia muscular, é dicir, gañar musculatura e fortalecer cuádriceps e isquiotibiais fundamentalmente, ademais de que estou comezando a realizar exercicios de equilibrio.

Déronche ou marcaches algún prazo para volver adestrar e competir?

No que a prazos se refire non teño nada marcado na miña cabeza, soamente encontrarme ben comigo mesmo; o resto virá só. Aínda que a xente que me coñece sabe que empezaría o antes posible se por min fose, pero teño que manter a calma.

Esta lesión afectouche á túa vida persoal ou laboral?

Claro que afectou. Aparte das fracturas de nariz, nunca tivera unha lesión de larga duración na que necesitase depender de terceiras persoas no día a día, e para min foi moi duro ó principio. A nivel laboral estou de baixa no ximnasio, pero estanme tratando moi ben e preocupándose continuamente.

Nalgún momento pensaches na posibilidade de deixar o fútbol ou sofres demasiado na grada?

Bueno, a miña vida está ligada ao mundo do deporte polos estudos que estou a realizar e por esa razón, dende o momento que rompín, a idea foi deixar a un lado o fútbol e comezar a pensar noutros deportes menos lesivos. A pesar disto pasan os días, as semanas, e cada día que vou ver o Baio xogar…pois teño máis e máis ganas de volver. Entón a ver que pasa, non sei o que farei de aquí a 3-4 meses.

Como ves o equipo dende fóra?

Vexo un equipo moi moi compacto, que apenas recibe goles e arriba estamos sendo letais. Ademais creo que estamos xogando moi ben e fisicamente, aínda que as lesións nos castiguen, os que están ben andan como auténticas motos.

Como ves a Primeira? Cales cres que son os favoritos?

Eu creo que os favoritos, por plantel, son o Sigüeiro e o Flavia. Pero creo que é unha liga bastante dura e longa, e aínda pode haber lugar a sorpresas.

Cres que sería difícil ter un oco no once?

Sen dúbida, sería moi difícil ter un oco no once. O nivel está realmente alto, pero creo que non soamente afecta a calidade para entrar, senón tamén a intensidade, a táctica, o que lle fai falta ao equipo en cada momento…

Estanse cumprindo os teus prognósticos de principio de temporada? Despois do sufrimento da pasada temporada, crías que o equipo estaría na parte alta da táboa a estas alturas?

Desde a pretempada viuse outra cousa moi distinta ao ano pasado. Aínda que eu me vin apartado moi cedo, creo que as cousas se estaban facendo moi ben desde un principio, e os resultados estanse demostrando.

Que é o que máis che sorprende do que levamos de temporada?

Sorprende o nivel físico de todos, pero en especial o de Bieito, pois empezou con problemas e molestias e agora está espectacular. Ten a calidade e este punto físico faino imprescindible. Por outra parte, a chegada de Pablo ao banquillo fixo que o equipo mudase en todos os aspectos, así que gran parte de culpa do que vai de tempada é del.

Cada vez que se acada a salvación, a afección pide sempre o mesmo: a Copa da Costa. Que posibilidades ves?

A Copa nos últimos anos estanos costando, xa sexa por estar xogándonos ligas ou descensos. Esta tempada, que polo momento estamos máis liberados, creo que pode ser o ano que cheguemos lonxe.

Atréveste a prognosticar como acabará esta temporada?

Para min o ideal para este equipo sería manter isto: postos cabeceiros e non sufrir. Creo que un hipotético ascenso faría perder a esencia do que é o Baio e, ao mesmo tempo, perder aos xogadores da casa, que foron os que fixeron que o equipo estea onde está.

Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?

Gustaríame dicirlles que sigan mantendo a ilusión por ir ver o Baio cada domingo, que son eles os que dan ese extra que, sobre todo, canto se nota cando se xoga fóra! Forza Baio!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *