S.D. PILOÑO 0 – C.D. BAIO 5
Xa refrescaba en Vila de Cruces cando comezou o partido de fútbol entre a SD Piloño e o CD Baio, con boa presenza nas bancadas, moita dela que quedou do derbi da Segunda Galicia que disputou o Cruces co Silleda, e con menor afluencia de afeccionados chegados desde Baio do habitual polo intempestivo da hora, aínda que os Coperos e Coperas non faltaron á súa cita e mesmo en horario nocturno seguiron adorando a este club cos seus bombos e cánticos. En canto ao partido en pouco máis de media hora o conxunto baiés tiña sentenciada a vitoria, cunha grande efectividade ante unha sorprendentemente sobrepasada defensa local.
Saíu de inicio moi forte o Piloño e na primeira xogada xa tivo que intervir con acerto Dani para evitar o gol, pero a resposta baiesa foi contundente e un balón en longo para Martín MC permítelle a este encarar o porteiro e tras desfacerse del remata a gol e o balón entra sen que Santi chegue a tempo de sacalo (min.3). Seguiu o empuxe local, con balóns sobre Dani Méndez e lanzamentos a balón parado de Marc, que deixaban sensación de perigo na área baiesa, pero a defensa e o porteiro mostráronse moi seguros. A insistencia local era moita, pero o contragolpe baiés era mortal, e Martín MC metiulle un balón a Iván Rojo, que este de primeiras colocaba na escuadra dun superado Álex e conseguía o segundo (min.19). Quixo darlle emoción Peke cun mal despexe de cabeza cara a atrás, que superou a Dani, pero petou na parte superior do traveseiro e foise a córner, e no lanzamento deste boa intervención de Dani (min.26). Se Marc o intentaba de todas as maneiras co balón parado, o Baio si sacaría proveito da estratexia, pois unha falta ensaiada acabaría cun lanzamento de MC, que lograba despexar Álex, o balón cáelle a Yago que dispara e nova intervención de Álex que desvía e o novo centro remátao de novo Yago por dúas veces e por fin o balón entra na portería local (min.30). Quedou atordoado o Piloño e pouco despois o máis listo da clase, Martín MC róuballe a carteira a Santi na área e coloca o balón no ángulo dun atribulado Álex, que non daba feito (min.34). Combinaba e triangulaba o conxunto baiés e puideron chegar máis goles, ante un Piloño que o intentaba con máis corazón que acerto, e no que Martín explotaba a súa velocidade, pero non dispuña de acerto dentro da área. Co partido xa case resolto chegouse ao descanso.
Non se confiou o cadro baiés na reanudación e axiña avisou Martín MC cun lanzamento duro ao primeiro pau ao que respondeu fenomenalmente Álex (min.48). O Piloño modificou esquema e xogadores, pero a situación non variou, a pesar de que dous lanzamentos foron petar nos postes de Dani, o primeiro dun tiro da frontal de Zequi, que tras rebotar en dous xogadores, foi bater á base do poste e recolleu o porteiro baiés (min.57) e outro lanzamento desde a frontal de Javi que petou na parte superior do traveseiro. Co Baio máis repregado atrás, deixando que pasasen os minutos, e dominando a situación, con perigosas contras, como unha internada de Martín MC que encara a Álex pero en vez de disparar cedeu para a chegada de Santi Díaz, pero no último momento un defensa logrou meter a punta da bota para enviar a córner. Non ocorreu así minutos despois, cando unha xogada por banda esquerda remata coa internada na área de Damián que cede para Martín MC, que converte un novo hat-trick na súa carreira (min.67). A partir de aquí foi baixando marchas o Baio e máis que as baixou logo da dobre expulsión no cadro local por protestas ao colexiado, que acabou con Otero e Javi camiño dos vestiarios (min.70). Aínda así puido chegar algún gol máis para os baieses, nas botas de Josiño e Santi, pero tamén puido marcar o Piloño grazas a un infatigable Martín, que seguiu intentándoo ata o final. Pero os últimos minutos xa sobraban e os xogadores dos dous equipos xa desexaban que chegase o minuto 90 para dar por finalizada a contenda.
Pola SD Piloño xogaron: Álex, Manuel García (Pablo 46), Santi (Tuco 46), Marc, Otero, Imanol, Matías (Zequi 46), Juan (Tuco 66), Javi, Martín e Dani Méndez. Polo CD Baio xogaron Dani, Rubio, Yago, Peke, Damián (Pablo 77), Norberto (Raúl 77), Álex Figueiras, Bieito, Moreno (Santi Díaz 52), Iván Rojo e Martín MC (Josiño 72). Con esta vitoria afiánzase o Baio na cuarta praza, con 7 puntos de vantaxe respecto do Esclavitud, e seguimos a cinco puntos do líder, o Sigüeiro, conxunto ao que visitaremos a vindeira semana.

