C.D. BAIO 0 – SIGÜEIRO F.C. 1
Na tarde deste domingo, con menos público do habitual (pouco máis de 100 espectadores), o CD Baio e o Sigüeiro FC xogaban unha final. Pero o cadro baiés chegou tarde á final, e cando a quixo xogar xa o Sigüeiro gañara o partido. Por segunda xornada consecutiva un rival directo, sen facer moito, levaba os tres puntos do Platas Reinoso e deixa nunha situación crítica ao equipo local, que se ve máis próximo á Costa cada semana. No primeiro cuarto de hora de partido Pablo Mato puido marcar tantos goles como os que leva na temporada, pero das tres ocasións clarísimas que tivo, só marcou unha (min. 7), outra fóiselle pegada ao poste e a terceira rexeitouna Dani. Do Baio non tivemos noticias ata que no minuto 18 unha falta na frontal da área foi maxistralmente lanzada por Martín MC á escuadra, pero Souto voiou para sacar o balón a córner. E a outra ocasión que tivo o cadro baiés na primeira parte veu doutro lanzamento de falta que o propio MC lanzou, desta vez moi centrada e Souto atallou sen complicacións. Ao Sigüeiro chegoulle con estar ben colocado no campo para non pasar apuros.
O segundo tempo trouxo cambios e présas pero non cambiou a decoración. O veterano equipo orosán xogaba o seu partido, con continuas interrupcións e perdas de tempo, nas que picaban os locais, o que impediu que houbese unha continuidade no xogo. E as xogadas de perigo escaseaban, por dicir que eran inexistentes. O Sigüeiro apenas xa saía do seu campo, pero non o necesitaba; chegáballe con exercer de frontón dos balóns que enviaban os defensas locais, ou con impedir que as xogadas individuais prosperasen pola acumulación de homes. Intentouno con rabia nun par de ocasións Martín MC con lanzamentos desde fóra da área, pero os seus disparos non alcanzaron o obxectivo desexado. Martín, xogando de dianteiro centro, tamén tivo a súa ocasión, pero tras desfacerse dun rival, o seu disparo foi sacado por outro que se cruzou. De feito, a mellor ocasión local veu dun desvío dun defensa tras un centro de MC, que Guti sacou coa cabeza cara á atrás, pero Souto impediu que o balón se coase na súa portería, sacando coa punta dos dedos a córner. No saque de equina, o balón chega tras varios rexeites a Martín MC que dispara duro e raso, pero Souto nunha nova intervención conseguía atallar o esférico e os tres puntos para o seu equipo.
Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago (Adrián Lema min.55), Mario, Pablo Novo (Rubio min. 66), Norberto, Peke, Martín, Bieito, Iván Rojo e Martín MC. Polo Sigüeiro FC: Souto, Julio Prol, Ale, Bautista, Aitor, Guti, Felipe, Ferreiro (Maroño min.32), Juanito (Isma min.87), Chema (Pepe Cidranes min.85) e Pablo Mato (Arturo min.75).
O RESTO DA XORNADA
A SD Agolada aumentou a súa vantaxe á fronte da clasificación ao empataren os seus dous máximos perseguidores, Piloño e Bastavales. Os agoladenses impuxéronse na tarde do sábado no campo do Tordoia grazas a dous goles conseguidas no segundo tempo; nada máis volver dos vestiarios Aitor marcaba o primeiro e contra o final Álex daba tranquilidade ao equipo dezano. Nun dos partidos da xornada, o Unión tomaba clara vantaxe ante o Piloño con dous goles, un de Néstor xusto antes do descanso e Juanma aumentaba a renda ao volver dos vestiarios, pero os de Vila de Cruces demostraron que son un equipo forte mentalmente e a pesar deses dous goles psicolóxicos conseguiu empatar o partido, primeiro cun gol de Fran, e a quince minutos para o final o debutante Dani Méndez (procedente do Arzúa) estreábase como goleador. O terceiro do podio, o Bastavales tivo que suar para puntuar na súa visita a Augas Santas, pois o gol no minuto inicial de Jaco López non o puideron igualar ata os últimos instantes do partido, por medio de Miguel. Partido de altos voos o que se disputaba no Souto, onde o Flavia recibía a un Lalín que chegaba ao partido logo dunha convulsa semana que rematou coa dimisión do adestrador Manu Cerón. A pesar disto os visitantes lograban adiantarse aos 8 minutos por medio de Richi, pero pouco despois empataría Calderón; no segundo tempo sentenciaron os locais con dous goles en dous minutos, á hora de xogo, o primeiro en propia meta de Nuno e o segundo de David Pérez; Álex Pérez, no desconto, pechou a goleada.
Quen pouco a pouco se vai achegando á cabeza é o Puebla, que onte se impuxo no sempre difícil campo do Bertamiráns, con dous goles, un en cada tempo: Xaco marcou no primeiro, e no tramo final Changui fixo o segundo. Interesantes encontros tamén na parte baixa, que ademais do Baio-Sigüeiro, había un At. Ribeira-Fisterra que rematou nun empate que lles permite aos dous seguir sumando. Adiantou Fran aos locais ao cuarto de hora e no segundo tempo Isaac empataría o encontro. Moitos goles no Outeiriño, con continuos cambios de dono, entre o Silleda e o Cordeiro, que acabou decantándose do bando local; Rubén Fernández adiantaba aos silledenses aos dez minutos, pero antes do descanso empata o seu tocaio, pero Iván aínda tería tempo de marcar un novo gol para chegar ao intermedio con vitoria local; na reanudación, o Cordeiro deulle a volta ao marcador con dous goles seguidos, obra de Bustelo e Pablo, pero axiña empatou Richi, de penalti, e no desconto, o goleador Rubén Fernández deixaba os moi necesitados tres puntos na casa. E por último, sorpresa no derby costeiro, onde o pechacancelas San Lorenzo facía bo o de adestrador novo vitoria segura e o debut de Pablo Mallón trouxo sorte aos berdilleses que se impuxo ao irregular Soneira grazas a un gol de Diego Varela a pouco para o descanso.
Con estes resultados, o Agolada avantaxa agora en tres puntos ao Piloño e en seis ao Bastavales. O gran beneficiado da xornada, o Flavia, está a sete, pero só a catro da promoción, mentres que o Puebla segue dous puntos por debaixo dos padroneses, e o Lalín e Unión perden posicións e quedan un punto abaixo dos pobrenses. Pola parte baixa, puntuaron seis dos oito últimos clasificados, o que fai que a táboa se fose apertando, porque ademais os dous últimos conseguiron gañar, e aínda que non abandona zona de descenso, o San Lorenzo e o Silleda ven máis cerca aos seus rivais. O At. Ribeira segue ocupando a terceira praza de descenso, pero a só dous puntos está o posto de arrastre, que agora ocupa o Baio. Un punto por riba dos baieses está o Tordoia, e dous o Sigüeiro e Fisterra, mentres que o Chaián ten tres de vantaxe sobre o arrastre. Na táboa de goleadores, Richi (Lalín) marcou un novo gol e suma 19, tres máis que o seu compañeiro Camba. Viturro (Puebla) segue terceiro, con 12, e agora ocupan o trío perseguidor, con 11, Jaco López (Chaián), Madiop (At. Ribeira) e Rubén Fernández (Silleda).

