Chuvia de ocasións

C.D. BAIO 1 – BASTAVALES U.D. 1

Tarde de moita chuvia e partido televisado que non impediu que máis de 100 incondicionais se achegasen ao Platas Reinoso para presenciar o encontro da 1ª Galicia entre o CD Baio e o Bastavales UD, que rematou cun empate que a todas non mostra o acontecido no terreo de xogo, no que equipo local dispuxo de moitas ocasións claras de gol, pero non logrou materializar máis que unha, mentres que o equipo rival só dispuxo de unha e marcouna sen querer.

O partido comezou coma a tarde, frío, sen moita profundidade nos dous equipos, adaptándose a un campo mollado, que aínda así soportou moi ben as intensas chuvieiras. A primeira ocasión veu dunha xogada por banda de Santi, que centrou e o remate de Martín MC a gol foi anulado polo árbitro por mans do dianteiro (min.11). Mediada a primeira parte chegou a acción que acabou de pechar ao Bastavales no se campo e foi a expulsión do seu xogador Xaco por insultar ao liña, ao que lle seguiu o seu delegado (min.26). Aí comezou o asedio baiés e o gol de Yago, que tras unha serie de rexeites na área logo dun córner, cáelle o balón ante David Insua e pon o 1-0 (min.35). Debeu sentenciar o cadro local nunha serie de ocasións neste tramo final do primeiro tempo, pero DAvid Insua estivo soberbio ante os disparos de Martín MC e Santi Díaz. Cando xa se pensaba no descanso chegou o gol do empate nun balón que non despexa a defensa baiesa e permitelle a Eloy Campos presentarse ante DAni, pero o seu disparo forzado sácao o porteiro baiés co infortunio de que rebota o balón de novo en Eloy e entra mansiño na meta local (min.45).

O segundo tempo comezou co Bastavales aínda máis pechado atrás, e o Baio tratando de penetrar na tupida defensa visitante. A lesión de Yago trouxo o debut de Álex Figueiras, que moveu ben o equipo na busca de espazos, e a pesar de que o estado do campo non lle axudaba o cadro local combinou ben e chegou con perigo á meta contraria. Co cese da chuvia e o apoio dos afeccionados, os últiimos vinte minutos foi un acoso e derribo por parte do Baio. David Insua erixiuse novamente en heroe do seu equipo e sacou varios balóns de gol clarísimos, e cando non era el era o traveseiro o que repelía os disparos baieses. Dous consecutivos por parte de Iván Rojo e Martín MC, foron o preludio dun claro man a man de Santi Díaz, que sacou cos pés Insua. Como tamén sacou da escuadra un gran lanzamento de MC, que se cantaba xa na bancada, e no saque do córner, Álex Varela, en boca de gol, cabecea fóra. E incluso nos barullos que se formaban nos lanzamentos de córner non estaba afortunado o cadro baiés, pois ata por dúas veces no min.87 a defensa sacou o balón cando se coaba na meta. Intentouno o Baio ata o final, pero non se logrou o ansiado gol, e un partido que podía acabar en goleada acabouse empatando. Outros virán ao revés.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Peke, Yago (Álex Figueiras 48), Álex Varela, Damián, Norberto, Moreno (Rubio 51), Bieito, Iván Rojo, Martín MC e Santi Díaz. Polo Bastavales UD: David Insua, Fran, Emilio, Álex Vila, Baliño, Óscar (Gabriel Mirazo 46), Xaco,  Richi (Luis Rey 73), Laba, Eloy Campos (Brais 46) e Julián Nieto (Viti 73). Con este punto o Baio ocupa a 6ª praza, mentres o Bastavales é 15º, nos postos de arrastre de descenso. A vindeira semana o equipo baiés viaxa ata a capital do Deza para enfrontarse ao CD Lalín no Manuel Anxo Cortizo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *