Cando non está de ser…

C.D. BAIO 1 – VAL DO ULLA U.D. 2

Nunha tarde de domingo totalmente desapracible, con moita auga caída do ceo que anegou o terreo de xogo en boa parte do encontro, e cun público fiel que se congregou no Platas Reinoso en cifra superior aos 150 espectadores, o CD Baio encaixou a segunda derrota consecutiva, nesta ocasión ante un Val do Ulla UD que lle ten tomada a medida ao conxunto baiés pois venceuno nos catro encontros que disputaron. Ao igual que na anterior visita dos de Vedra, o Baio non soubo aproveitar as súas ocasións, cousa que fixo o conxunto visitante, que levou un botín superior ao merecido, pero que premiou o seu esforzo por anular as ofensivas baiesas.

A primeira parte foi de control absoluto do equipo local, e aínda que tardou en atopar os espazos na tupida rede defensiva, as incorporacións dos laterais foron letais para a liña de contención vedrense, pero os perigosos centros de Rubio e Damián non atopaban un dianteiro que empuxase o balón ao fondo da portería, e en máis dunha ocasión o esférico paseábase por diante da meta de Zubi sen ninguén que o tocase. O Val do Ulla intentábao á contra, con balóns en profundidade para o veterano Pepe Cidranes, que tamén tivo a súa oportunidade de marcar, pero non chegou no segundo pau por pouco.

A tónica continuou no segundo período, pero pouco a pouco o Baio foi incrementando o ritmo de ataque e chegaron varias ocasións claras, como un man a man de MC que detivo coas pernas Zubi, ou un lanzamento de falta de Álex Figueiras que o porteiro desvía a córner. Pero cando máis o intentaba o Baio, unha perda de balón en medio do campo permítelle a Ismael irse só cara á meta rival e unha vez fronte a Dani marca de forte disparo (min.70). Un xerro de auga fría por riba da chuvia para os locais, que tardaron un pouco en reaccionar, pero volveron á carga e embotellaron ao Val do Ulla na súa área, e Zubi en plan estrela sacándolle un balón que se coaba de álex Figueiras, ata que chegou un empate cun forte lanzamento desde a frontal de Porti, que rexeita Zubi pero o balón cáelle franco a Damián que remacha ao fondo da rede. Foise nos últimos minutos o Baio pola vitoria con todo, pero un balón despexado pola defensa ullesa, conségueo levar Óscar ante a defensa local, e bater a Dani na súa saída para desesperación baiesa, que non podía crer que encaixase dous goles neste partido.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio. Yago, Peke, Damián, Norberto (Moreno 70), Álex Figueiras, Bieito, Iván Rojo, Martín MC e Santi Díaz (Porti 61). Polo Val do Ulla UD xogaron: Zubi, Martín, Julio, Jacobo, Mattew, Carlos, Franqueiro, Óscar (Alberto 90), Ismael (Hermida 81), Adrián Barrio (Cristian 78) e Pepe Cidranes (Miguel 86). Con esta derrota o Baio afástase máis dos postos cabeceiros, mentres ve como se lle achegan o Esclavitud e o Dumbría, vencedores nesta xornada. A vindeira semana temos visita a Bertamiráns, para enfrontarnos a un equipo da parte baixa, pero que tantos apuros nos deu no encontro da primeira volta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *