C.D. BAIO 2 – CHAIÁN C.F. 4
Acabou a primeira volta da competición e fíxoo con derrota do CD Baio ante o Chaián CF nun partido no que os dous equipos xogaron a dúas velocidades distintas e acabou impoñéndose a lóxica de que quen o busca atopa a recompensa. Boa tarde climatolóxica no Platas Reinoso, coa entrada habitual neste tipo de encontros, unhas 200 persoas que puideron despedir o ano futbolístico presenciando seis goles.
Xa no primeiro minuto se intuía que o Baio estaba fóra do partido, pois dous erros de concentración puidéronlle custar aos locais dous goles, pero evitouno Dani con dúas boas intervencións, sobre todo unha a tiro de Adrián García. Pouco despois veu un espellismo co primeiro gol local, ao conseguir Martín MC revolversa na área e marcar de tiro cruzado (min.8). O Chaián veuse abaixo con este mazazo e nos minutos seguintes cometeu graves erros defensivos que lle puideron custar caros, e o Baio dispuxo de boas ocasións. Tras unha xogada de Martín MC por banda, cun centro cara a Rubio, que dispara e tras desviar un defensa minimamente o balón peta no pau (min.13); minutos despois unha serie de erros no despexe do cadro visitante permítenlle a Moreno presentarse ante Puga pero o seu tiro co exterior da zurda vaise lambendo o pau. No saque de porta desta acción o propio Moreno recupera o balón e cede para Martín MC que só ante o porteiro non perdoa e pon o 2-0 no marcador (min.16). Quixo o Baio emular ao seu rival e pouco despois comete un erro na saída do balón e tras un centro desde a banda que ningún defensor logra sacar Jacobo López fusila a Dani por alto (min.20). A partir de aquí fíxose completamente co control do partido o Chaián e agardou a súa oportunidade, que chegaría nunha nova acción de pillería de Jacobo López, que logrou meter a punteira da bota para desviar un centro ao primeiro pau e superar a Dani (min.33). Completamente en shock o cadro local, agardaba como auga de maio o descanso, pero aínda levaría un susto máis cun novo centro desde a esquerda que supera a Dani e Isidro no segundo pau remata de cabeza fóra (min.44).
Non mellorou a cousa tras o descanso para o cadro local, que intentaba combinar pero o Chaián xogaba con dúas velocidades máis e anticipábase a todas as accións ofensivas baiesas. Ben posto no campo agardaban os visitantes a súa ocasión e esta chegou nun novo erro dos baieses que perden un balón na frontal e Adrián García encara a Dani e tras desfacerse del marca a porta baleira (min.65). O Chaián era xa amo e señor do partido, con continuas chegadas á área rival que xeraban máis perigo que os tímidos ataques baieses, e nunha desas chegadas veu o cuarto gol, novamente nas botas de Jacobo López, que remataba no primeiro pau un novo centro desde a banda (min.74), e conseguía así o seu hat-trick que igualaba o número de goles que levaba na temporada. Os minutos restantes só serviron para o debut en partido oficial do xuvenil Carlos nas filas baiesas, e a última ocasión do partido nas botas de Josiño, que rematou en boca de gol, pero Puga logrou deterlle o lanzamento e evitar así a emoción dos minutos finais.
Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex Varela (Carlos 81), Damián, Peke (Josiño 81), Bieito, Rubio, Moreno (Sergio 61), Iván Rojo e Martín MC. Polo Chaián CF interviron: Puga, Botana, Martín González, Rubén, Rodri, Jacobo Álvarez, Losada (Sergio López 88), Isidro, Cabado, Adrián García e Jacobo López (Sergio Varela 89). Con esta derrota o CD Baio baixa un posto na clasificación e remata a primeira volta na quinta posición, con 29 puntos, con dez de distancia do líder Fisterra e tamén do Val do Ulla, que agora mesmo ocuparía posto de descenso por arrastre. Agora virán dúas fins de semana de parón na competición e retomarémola o 13 de xaneiro recibindo no Platas Reinoso ao Praíña Sporting Club.

