CHAIÁN CF 3 – CD BAIO 1
Tarde fría de domingo aínda que non chuviosa que levou a escasos 100 espectadores ao campo de Augas Santas para presenciar o partido da 1ª Galicia entre o Chaián CF e o CD Baio. Vitoria do equipo local, que soubo aproveitar mellor as súas armas ante un conxunto baiés que dominou sen perigo cara a gol.
Coa novidade de Adrián Vázquez na portería como titular por vez primeira na temporada pola sanción a Dani, comezou o encontro, e non puido empezar peor para os visitantes, pois aos 2 minutos Rubén remata na área pequena o primeiro córner do partido. Con este gol o equipo local puido repregarse e buscar as contras a través de Jaco López, mentres o Baio movía ben a pelota no centro do campo, pero as súas xogadas morrían unha e outra vez na beira da área. Polo tanto non podemos salientar máis ocasións neste primeiro tempo.
Empezou o segundo máis animado, cunha ocasión de Rubio que despois de roubar un balón na frontal da área o seu disparo raso é detido sen dificultade por Miguel (min.47), e na xogada seguinte foi Cea o que disparou desde fóra da área e fixo lucirse a Adrián, que desviou a córner. Coa entrada de Santi Díaz parece que os baieses gañaron en profundidade, pero cando estaban a dominar dun balón en longo de Miguel, chegou un córner, e do lanzamento deste o remate de cabeza de Antón, que chegou completamente só ao punto de penalti para poñer o 2-0 (min.56). Este gol descentrou aos baieses, que puideron levar un terceiro nun remate á reviravolta de Jaco desde a frontal, que petou no traveseiro (min.58). Coa entrada de Iván Rojo, o Baio foise arriba na busca de recortar diferencias e acabou encerrando ao Chaián no seu campo. Tivo unha clara oportunidade Yago, a quen lle chegou o balón despois dun mal despexe de Miguel, pero o seu disparo, en boca de gol, foise fóra. Dunha boa combinación dos dianteiros baieses chegou o gol de Iván Rojo, que bateu a Miguel dun disparo raso (min.75). A pesar da expulsión por dobre cartón de Ángel (min.79) os intentos do cadro visitante con máis corazón que cabeza eran cortados unha e outra vez pola defensa do Chaián, aínda que a piques estivo de conseguir o empate nunha carambola entre dous defensas locais, pois un despexe de Rubén peta nun compañeiro e supera a Miguel, pero este puido chegar antes de que o esférico cruzase a liña de gol (min.87). Co tempo a piques de cumprirse e co Baio envorcado na área rival no remate dun córner, a defensa evita o perigo e lanza un balón en longo sobre Álex Caiero que chega antes que Adrián na súa saída e marca o definitivo 3-1.
Polo Chaián CF xogaron: Miguel, Raúl, Rubén, Martín, Antón, Cea, Álvaro (Pablo min.25), Dani López (Álex Caeiro min.58), Róber (Javi min.73), Ángel, Jaco López (Andrés min.67). Polo CD Baio saíron: Adrián Vázquez, Isaac, Yago, Mario, Pablo Novo, Martín, Peke, Moreno (Santi Díaz min.46), Rubio, Bieito (Iván Rojo min.61), Adrián Lema.
O RESTO DA XORNADA
A SD Agolada é líder en solitario tras o seu triunfo en Asados no partido da xornada e a derrota do Piloño en Vimianzo. No campo das Vilas enfrontábanse terceiro contra primeiro, e o Unión non puido achegarse ao Agolada na clasificación, pois un dobrete de Álex á volta do descanso fixo que os tres puntos voasen para terras dezanas. O Piloño queda agora a tres puntos do liderato, pois perdeu na súa visita ao Soneira, no que era a súa segunda derrota do curso contra o míster Pedro Gómez; un gol de Chapela na primeira parte, e outros dous na segunda de Pichi e Aarón deixaron en goleada o marcador final. Agora terceiro é o Flavia, que sufriu máis do que amosa o resultado final, pois os tres goles chegaron nos minutos finais: Padín marcou a falta de 20 minutos, e despois no desconto sentenciaron Brais e Kevin, ante un Tordoia que perdería dous homes por expulsión nestes minutos finais. Tres vitorias seguidas permítenlle ao Lalín achegarse á zona alta, e o sábado impúñase con clariadade ao At. Ribeira, con goles do seu tridente: Richi, Brais e Camba. Empatado cos dezanos está o Bastavales, que se impuxo no campo do pechacancelas San Lorenzo, con goles na primeira parte de Beiroa e Julián Nieto, que ampliaría Jacobo cun terceiro no segundo período, e Brais recurtaría distancias ao final.
O Puebla acumula seis xornadas sen perder, pero empates coma o desta xornada no Outeiriño co Silleda fan que non dea chegado a alcanzar aos de arriba; e iso que se adiantou con gol de Viturro, pero xa no primeiro perído igualou Álex. Con todo, os silledenses seguen en posición de descenso, onde segue tamén o Fisterra que volvía perder esta semana (son xa 10 dos últimos 12 partidos); ao Cordeiro chegoulle un gol tempraneiro de Pablo para levar os tres puntos do Ara Solis. No último encontro da xornada o Sigüeiro non puido levar nada positivo de Bertamiráns a pesar de adiantarse cedo por medio de Pepe Cidranes, pero Julio Díaz empatou ao cuarto de hora, e ao cuarto de hora do segundo tempo Cacho poñía o definitivo 2-1 nun partido que acabou con 18 cartóns amarelos e 2 vermellos (Juanito e Álex Pri). A clasificación segue comandada polo Agolada, con tres puntos sobre o Piloño, que xogaría nestes momentos a promoción. Por abaixo mantéñense os tres postos de descenso, para San Lorenzo, Fisterra e Silleda, e o Tordoia tamén descendería a tal hora polo arrastre do Dumbría, aínda que contan cun partido menos que o At. Ribeira. Na táboa de goleadores, marcaron os dous primeiros, os lalinenses Richi e Camba, que levan 16 e 14 goles, respectivamente. Xa máis lonxe queda Madiop (At. Ribeira), con 11, e a 9 chegou Jorge Viturro (Puebla), que alcanzou ao seu compañeiro Pap, a Jaco Lóepz (Chaián) e Rubén Fernández (Silleda).

