A afouteza baiesa conquistou o Camballón

S.D. PILOÑO 0 – C.D. BAIO 3

Tarde de temperatura cambiante, cun sol que se vía interrompido por chuvieiras ocasionais e un frío que foi aparecendo contra o final do partido, que non impediu que houbese un bo ambiente nas bancadas do Camballón, cunhas 200 persoas, moitas delas chegadas desde Baio, co equipo musical comandado por Chema á cabeza. Non era tarefa doada a que tiña hoxe o Baio en terras cruceñas ante o líder (provisional), o único equipo do grupo que non perdera como local (de feito gañara 11 dos 12 partidos que xogou no seu campo), pero a calidade nas dúas áreas marcou a diferenza a favor dos baieses. Tivo que sufrir e moito, pero a afouteza baiesa impúxose ás hostes do Camballón.

Comezou o equipo local como un vendaval pechando ao Baio na súa área, con continuos lanzamentos a balón parado, que eran sinónimo de perigo para a meta visitante, pero aí emerxeu a figura de Dani Varela, que foi infranqueable. No minuto 9 Dani Méndez remata un córner libre de marca pero consegue rexeitar en felina intervención Dani, e o rexeite chégalle a Matías e nova intervención prodixiosa de Dani para enviar a córner. No saque deste córner, novamente Matías dispara case na área pequena e unha man de Dani desvía o balón ao traveseiro, Seguíu presionando o equipo local, con disparos desde a frontal, sobre todo nas botas de Dani Méndez, pero Dani Varela non estaba polo labor de recoller o balón nas redes e conxuraba o perigo con solvencia. Pouco a pouco, despois do arreón inicial foi saíndo o Baio cara a terreo atacante, pero sen concretar xogadas de perigo, tan só lanzamentos desde longa distancia de MC ou Santi Díaz. Pero nun balón en longo sobre Martín MC, o porteiro local erra a súa saída e quédalle o balón franco a Martín MC, que dispara desde 35 metros para poñer o primeiro gol no marcador. O perigo do Piloño seguía estando no balón parado grazas ao guante que ten Marc nas súas botas, ou nas internadas por banda de Víctor ou Romero, pero unhas veces a defensa e as máis das veces Dani o balón abandonaba a área baiesa. Chegada a media hora puido chegar o segundo do Baio nunha contra levada por Santi Díaz, pero tras zafarse dos rivais intérnase na área pero o seu disparo sáelle frouxo ás mans de Álex. E polo mesmo camiño seguiu o resto do primeiro tempo, co Piloño metendo balóns á área e a defensa baiesa multiplicándose para despexalos. Co tempo máis que sobrepasado, unha falta botada por Marc envelénase e o balón vai bater ao poste de portería dun Dani xa superado. Co 0-1 chegouse ao descanso, e a afección baiesa puido repoñer forzas despois da competida primeira parte.

Saíu con forzas tamén o Piloño dos vestiarios, pero o Baio parecía incluso mellor armado atrás, aínda que as temperás lesións de Pablo Novo e Martín fixo que Diego tivese que introducir cambios. O Piloño atopou neste segundo tempo en Romero ao seu home máis incisivo, e un centro seu a piques estivo de converterse en gol, pois foise pechando e petou na parte superior do traveseiro antes de saír fóra (min.56). Pero a calidade de Dani Méndez, última fichaxe cruceña, tamén se deixaba notar e tras unha gran internada preséntase ante Dani e o seu remate sácao o porteiro nunha nova intervención de mérito (min. 65). A resposta veu do outro 7, o visitante Martín MC, que sacou unha contra en combinación con Santi Díaz, que lle devolve o balón a Martín MC, que tras desfacerse de dous rivais logra marcar o 0-2 (min.68). ESte foi un golpe moi duro para os locais, que pouco a pouco vían imposible colleitar nada de proveito.  Os ocos atrás eran cada vez maiores e as contras baiesas ameazaban a defensa local, aínda que o Piloño seguiu apertando arriba con balóns sobre Dani Méndez e a presenza dun cuarto dianteiro como Zequi, pero o que chegou foi unha contra mortal por parte do Baio para sentenciar o partido. A xogada naceu nunha recuperación en área propia de Adrián Lema, que saíu co balón controlado e cedeu na liña de medios para Iván Rojo, que se foi por banda de dous rivais e centrou sobre a chegada de Martín MC, que tivo a tranquilidade de parar o balón e colocalo no fondo da portería e conseguir así un hat-trick (min.83). Xa baixou completamente os brazos o cadro local, que se limitaba xa a colgar balóns sobre a área, e nin a presenza do “tanque” Terri inquietou á meta dun Dani que se erixiu novamente no baluarte defensivo deixando por terceira semana consecutiva a protería a cero.

Pola SD Piloño xogaron: Álex, Pablo Rodríguez (Zequi min.67), Otero, Maceiro, Dani Soto (Javi López min.53), Juan (Iván min.84), Matías, Marc (Santi min.79), Romero, Víctor (Terri min.80) e Dani Méndez. Polo CD Baio foron os protagonistas: Dani, Isaac, Yago (Ramón min.88), Pablo Novo (Fachal min.49), Norberto, Adrián Lema, Peke, Martín (Rubio min.54), Moreno, Santi Díaz (Iván Rojo min.71) e Martín MC. Con esta vitoria o cadro baiés non modifica a súa posición na táboa clasificatoria, pero si logra ampliar a renda sobre os seus catro perseguidores que esta xornada non lograron sumar. Agora, tras o descanso da Semana Santa, visitará o Platas Reinoso o Cordeiro.

O RESTO DA XORNADA

Achégase o final da liga e todos os equipos apertan na busca de mellorar a súa situación e esta semana ningún dos catro primeiros conseguiu a vitoria. Tras a derrota do líder (provisional) Pilño na súa casa co Baio, o Agolada (que estaba a un punto e un partido menos) tamén caía derrotado, neste caso cun rival directo como é o Bastavales, que no Municipal de Brión deu boa conta dos dezanos e impúxose con claridades grazas a dous goles de Mirazo no primeiro tempo, e un final de Viti para un 3-0 que iguala o golaveraxe particular entre eles. O Flavia e o Puebla non puideron achegarse máis que un punto, pois os dous empataron nas súas difíciles saídas. Os padroneses visitaban ao Soneira que se adiantaba nos minutos iniciais por medio de Aarón, pero tras o paso polos vestiarios Brais puxo a igualada definitiva. Mesmo resultado foi o que se deu no Anexo ao Cortizo entre o Lalín e o Puebla; aos dez minutos da reanudación Espi adiantaba aos barbanzanos, pero Camba lograba a igualada a quince para o final. Xunto co Bastavales, o beneficiado da xornada é o Unión que volve engancharse á parte alta grazas á súa vitoria no derby en Ribeira, cun gol nada máis iniciarse o partido de Saviola, que refrendou Juanma cun segundo á media hora.

Pola parte baixa, perderon os catro últimos clasificados. O Silleda parece cada vez máis sentenciado, e era goleado na súa visita a Sigüeiro, que con dous goles mediada a primeira parte obra de Fer e Pablo Mato, e outros dous no segundo por parte de Jorge e Cidranes goleaba ao cadro pontevedrés, que novamente se presentaba curto de efectivos. Dura derrota para o San Lorenzo ante un rival directo como o Chaián, que levou a vitoria das Pedreiras con dous goles nos minutos finais, obra de Iván e da recente fichaxe Juancar. En posto de arrastres segue o Tordoia, que veu goleado da súa visita ao Cordeiro, que axiña sentenciou con goles do xuvenil Antón e de Rubeén, que serían completados nos segundo tempo cun dobrete de Álex. Por último, o Fisterra parece que abandona definitivamente todo perigo ao remontar ante o Bertamiráns: aos dez minutos adiantáronse  os visitantes con gol de Jorge, pero axiña Sande en propia meta igualaba, para xa no segundo tempo marcar Adrián o segundo forasteiro, pero Edu, a falta dun cuarto de hora, igualou e o xuvenil Isaac no desconto deixaba os tres puntos no Ara Solis.

A falta de que esta Semana Santa se xoguen os dous partidos suspendidos (Puebla-Agolada e Bastavales-Tordoia), o Piloño segue encabezando a táboa con 55 puntos, un máis que o Agolada; a seis da cabeza están o Flavia e o Puebla, e a sete Bastavales e Unión. Dos resultados deses partidos pode apertarse aínda máis a clasificación. por abaixo, o Silleda tras a súa quinta derrota consecutiva (leva catro puntos na segunda volta) ve como as oportunidades se lle escapan, e os 16 puntos parecen xa sentencialos. Seis máis teñen o San Lorenzo e At. Ribeira, que teñen ao Tordoia a dous puntos, pero os tordoienses teñen que disputar o partido aprazado. Algo de respiro colleron o Baio, con 28 puntos, e o Chaián, con 29, tras as súas importantes vitorias, ao igual que Fisterra e Sigüeiro, que, con 32 puntos, teñen un colchón de oito sobre o arrastre. Na táboa de goleadores, tan só Camba marcou estea semana dos primeiros clasificados, e con 17 goles achégase ao seu compañeiro Richi, que con 20 segue no máis alto. Parafita (San Lorenzo) e Jacobo López (Chaián), con 13, completan o podio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *