Adestrador novo vitoria segura

C.D. BAIO 2 – S.D. SAN LORENZO 0

Unhas 250 persoas na tarde do domingo no Platas Reinoso para ver un novo derby costeiro na Primeira Galicia, que nun día solleiro aínda que frío, deixou un pobre espectáculo, no que a importancia dos puntos se deixaba ver sobre o terreo de xogo.

Comezou o partido co dominio do balón para o San Lorenzo, que dominou ao seu rival, pero as súas ocasións reducíanse a disparos desde a media distancia, que apenas inquietaron ao meta Dani. Pola contra, tiña difucultades o cadro local para achegarse aos dominios de Javi Souto. Pouco a pouco se foron igualando as forzas, que non as ocasións, que neste primeiro período foron nulas, como se os dous equipos tivesen medo de que o primeiro que encaixase ía perder o partido. E así se chegou ao descanso sen máis historia.

E todo cambiou na primeira xogada do segundo tempo na que chegou o primeiro gol do partido. Unha internada de Isaac pola súa banda, acabou cun pase da morte para que Santi Díaz batese a Javi Souto a queimarroupa (min.46). O Baio pasou a controlar o balón e a non permitir as chegadas do rival, que seguía tendo nos disparos desde media distancia o seu único perigo. Tan só podemos citar un remate de cabeza de Diego Varela (min.57) como a súa mellor ocasión, pero o balón foise fóra. Pero o que chegou foi o segundo gol dos locais, que tras anularlle un gol anterior por fóra de xogo, Iván Rojo aproveitou un centro de Moreno tras rápido saque de falta de Martín (min.65) para poñer o definitivo 2-0. Puido marcar Rubio nada máis saír ao campo, pero o seu disparo tras chegarlle o balón rexeitado dun barullo área foise fóra por pouco cando o porteiro xa se daba por batido (min.69). E dúas novas ocasións claras máis tivo o cadro local, a primeira nas botas de Iván Rojo, que se presentou fronte a Javi Souto, pero o disparo sacouno ben o porteiro cos pés (min.74); e a segunda veu dunha galopada por banda de Martín MC, que se interna na área e tras fixar ao defensa dispara ao segundo pau pero o balón sáelle fóra por pouco (min.78). O San Lorenzo intentouno con balóns colgados ou coas internadas de Parafita por banda, pero non creou máis perigo que algún que outro barulla na área, que rapidamente sacaba a defensa baiesa. Pouco máis que dicir do partido, que non quedará marcado nos anais da historia, pero que serviu para que o equipo baiés sume tres puntos no debut do seu adestrador Diego Díaz. Coa vitoria sobe un posto na clasificación o Baio para chegar ao 13º posto, mentres que o San Lorenzo continúa pechando a clasificación.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Mario (Pablo Novo min.83), Adrián Lema (Josiño min.88), Fachal, Martín (Rubio min.66), Moreno, Santi Díaz (Ramón min.77), Iván Rojo e Martín MC. Polo SD San Lorenzo saíron: Javi Souto, Baneira, Juanjo, Pablo Díaz, Adrián, Álex Taibo, Mario, Parafita, Yago (Puñal min.77), Aitor (Brais min.63) e Diego Varela.

O resto da xornada.

Cambio de líder no Grupo 2 da Primeira Galicia, e agora é o Agolada o que releva aos seus veciños do Piloño á fronte da clasificación. E os agoladenses tiveron que agardar ao desconto para marcar o gol que lle dese a vitoria pola mínima ante o Soneira, e Álex puxo aos seus no máis alto da táboa, mentres o Soneira sumaba a terceira xornada seguida sen gañar e baixa ao 9º posto. E é que o Piloño perdía o seu segundo partido da temporada na súa visita a Bastavales, que se aproveitou do gol de Beiroa antes do cuarto de hora, e xa na recta final Viti sentenciaba de penalti. Con isto, o Piloño está de segundo por peor golaveraxe que o Agolada, mentres que o Bastavales segue quinto, pero só a tres puntos do líder. E no partido da xornada entre terceiro e cuarto, o Unión continúa a súa boa xeira e levou os tres puntos do Souto padronés, grazas a dous goles nos primeiros cinco minutos de partido obra de Chicho e Saviola; agora os dous quedan empatados a puntos, a dous do liderato.

O partido con máis goles viuse no Cortizo entre o Lalín e o Cordeiro, que principiou cun gol de Gabriel para os visitantes no primeiro minuto e empate de Camba no segundo; novamente Gabriel adiantou aos seus e Oca empatou pouco despois, e aínda antes do descanso Rubén puxo por diante de novo ao Cordeiro transformando un penalti. Principiou o segundo tempo co empate de Richi, e ao cuarto de hora Brais poñía ao Lalín por vez primeira por diante, pero dez minutos despois empata o Cordeiro cun autogol do porteiro Marcos para poñer o 4-4 definitivo. Quedan os dous nos postos medio-altos, xusto por detrás do Bertamiráns, que hoxe empataba na súa casa fronte ao Silleda, cun gol de Álex Boo nada máis reanudarse o segundo tempo, pero a falta de dez minutos Álex empata o encontro e sacaba un punto para un Silleda, que aínda así cae a postos de descenso.

Na zona media-alta queda tamén o Puebla tras golear ao Fisterra con tres goles na primeira parte de Xaco, Pap e Changui de penalti, que se completaron cun cuarto de Viturro contra o final de encontro, que fai que os fisterráns baixen ata o penúltimo posto da clasificación. A boa xeira do Chaián das últimas xornadas viuse cortada coa visita dun Sigüeiro que aproveitou un gol de Pepe Cidranes para levar os tres puntos de Augas Santas e quedar a un punto do seu rival. E quen leva tres vitorias seguidas é o Tordoia tras a chegada de Barca ao banco, e hoxe o seu verdugo foi o At. Ribeira, que quedou con 10 antes de chegar ao descanso, e para colmo encaixaría un gol de Denís pouco despois; tras empatar Manu Millán nada máis reanudarse, foi Che quen lle daría o triunfo aos tordoienses con dous goles e os sacase dos postos de descenso despois de moitas xornadas.

Na táboa de goleadores, marcaron os lalinenses Richi, que leva 13, e Camba, que leva 10, mentres que quedan por detrás Madiop (At. Ribeira), con 9, e con 8 están Jacobo López (Chaián), Pap (Puebla) e Basti (Soneira).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *