C.D. BAIO 2 – BASTAVALES U.D. 0
Nun encontro disputado nunha tarde na que a chuvia respectou aos habituais espectadores que se deron cita no Platas Reinoso, o CD Baio volveu á senda do triunfo tras nove partidos sen facelo, e volve marcar un gol para deter a conta de seca goleadora nos 658 minutos. O equipo baiés non tiña fácil rival, pois o Bastavales UD está sendo a revelación do grupo, e conta con moi bos xogadores, como Adrián Beiroa, que foi o protagonista negativo, ao lesionarse no primeiro tempo. Pero a superioridade baiesa foi palpable ao longo de todo o encontro, pero sobre todo a partir de poñerse por diante no marcador. O ansiado gol, que chegou nas botas do capitán Martín MC no minuto 36, sacoulles un peso de arriba aos locais. Tras o descanso chegarían novas oportunidades, e sería Norberto, quen marcase o segundo no minuto 57. Puido ampliar a renda Santi Díaz se aproveitase algunha das que tivo, pero o Baio limitouse a controlar o ritmo do partido, controlando o balón para non sufrir defensivamente. Nos últimos minutos, cos trocos chegaron os debuts de dous xuvenís: Raúl, que mesmo estivo a piques de marcar nada máis saír, e Regueira disputaron os seus primeiros minutos co primeiro equipo do CD Baio. Un equipo que ten que alabar o apoio que está recibindo dos seus afeccionados, sobre todo dese incansable Chema, que co seu bombo puxo a nota de música nas bancadas sen descansar un segundo.
Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Norberto, Pablo Novo, Yago, Adrián Lema (Ramón min. 91), Peke, Martín (Rubio min. 80), Moreno, Santi Díaz (Raúl min.78) e Martín MC (Regueira min.92). Polo Bastavales UD saíron: David Insua, Baliño (Miguel Castro min.69), Mariño, Vila (Danuite min.69), Xaco, Dani Santos, Vitu, Fran (Márquez min.64), Laba (Mirazo min.64), Pereira e Adrián Beiroa (Raúl Insua min.33).
O RESTO DA XORNADA
Atípica xornada na que non gañaron ningún dos dous primeiros clasificados, o que lles permite a algúns dos seus seguidores achegarse un pouco a eles. Na tarde do sábado o Piloño vía como perdía dous puntos no desconto, pois o gol que marcara Dani Méndez ao cuarto de hora de partido, era igualado por Maki para darlle ao Tordoia un importante punto. E no último partido da xornada chegaba o gran derby do Deza, e o Lalín levaba os tres puntos do Hospitalillo grazas a un gol de Richi, conseguido pasada a media hora. Como vimos, o Bastavales non aproveitou o picazo dos dous primeiros, pero si o fixeron o Flavia e o Puebla. Os padroneses conseguiron a goleada da xornada ao meterlle nada menos que seis a un descoñecido Fisterra: dous goles, de Calderón e Brais, nos dez primeiros minutos xa sentenciaron o partido, e Andrés antes do descanso puxo o terceiro; no último cuarto de hora, de novo Brais, Damián e Álex Pérez redondearon a goleada. O Puebla, pola súa banda, chegoulle co olfato goleador de Pap, que marcou un gol aos dez minutos de cada período, que valeron para que o Sigüeiro non puidese levar nada positivo do campo de Cadreche. O Unión tampouco puido recortar distancias coa promoción, pois só sumou un punto ante o San Lorenzo, que prolonga así a súa xeira de bos resultados, nesta ocasión grazas a manter a súa portería a cero.
Pola parte baixa había un encontro que podía resultar dramático, e así foi para o Silleda, que perdeu na casa co Atlético Ribeira e ve a salvación cada vez máis lonxe; e iso que comezou gañando grazas ao olfato do seu goleador Rubén Fernández; pero no segundo tempo empatou Vicente ao cuarto de hora, e logo de que os locais quedasen con 10 pola expulsión de Cristian, ao minuto seguinte o xuvenil Juan deulles os tres puntos aos barbanzáns. Tamén sumou un punto o Chaián, que recibía en Augas Santas ao Soneira, e a pesar de adiantarse á volta do descanso cun gol de Jacobo López, un penalti convertido por Aarón mediado o segundo período puxo a igualada no marcador. Pouco en xogo no Municipal de Bertamiráns, onde o equipo local se impuxo ao Cordeiro ao marcar dous goles no tramo medio da segunda parte obra de Moscoso e Ricardo.
Na clasificación o Piloño é agora líder en solitario, con 55 puntos, por 54 do Agolada, pero este ten un partido menos, o que ten que disputar na Pobra ante un Puebla que agora está, xunto co Flavia, con 48 puntos, pero de gañar ese encontro aprazado meterase de cheo na loita polo título. Máis lonxe, con 45 puntos, están o Bastavales e o Unión, pero os de Brión teñen tamén un partido menos. Pola parte baixa, xa comentamos que o Silleda vai ter moi difícil saír do último posto, mentres que os outros dous postos de descenso seguen sendo para At. Ribeira e San Lorenzo, agora empatados a 22 puntos. Pero moi preto deles están o Tordoia, con 24 e un partido menos, o Baio, con 25, e o Chaián, con 26. Na táboa de goleadores, marcou o líder Richi (Lalín), que se sitúa con 20 goles, catro máis que o seu compañeiro Camba; na terceira posición están Parafita (San Lorenzo) e Jacobo López (Chaián), con 13; e con 12 están Viturro e Pap (Puebla), Madiop (At. Ribeira), Basti (Soneira) e Rubén Fernández (Silleda).

