SONEIRA SD 1 – CD BAIO 0
Moita xente no Municipal vimiancés para ver o derbi soneirán que acabou levándose o cadro local, máis necesitado dos puntos que o baiés, nun encontro moi malo en canto a calidade, pero que deixou moitas ocasións de gol. Máis de 200 persoas nas bancadas nunha tarde con orballos intermitentes pero sen que iso fose motivo para que os xogadores estiveses fríos.
Xogábase máis o cadro local, intentando saír definitivamente dos postos de posibles arrastres, pero foi o Baio quen dominou os primeiros minutos con continuas chegadas sen que tivesen reflexo no marcador. Pouco a pouco foi caendo o cadro visitante na espesura, perdendo innumerables balóns e non combinando como é habitual. Isto fixo crecer ao cadro local, que aproveitaba o mínimo erro para saír á contra en balóns longos sobre Basti e Pichi, e desas contras naceron algunhas ocasións destes dianteiros que solventou con seguridade Dani. Chegouse ao descanso sen goles, aínda que ben puido haber algún.
A decoración foi a mesma no segundo tempo, aínda que o Soneira estivo máis intenso e chegou con máis claridade nos primeiros minutos deste período, pero Pichi e Basti fallaron contra Dani un par de ocasións moi claras. O Baio estaba perdido e non lograba fiar xogadas perigosas. Mediado este período chegou o único tanto do encontro, nunha contra ben levada por banda dereita, que Pichi, logo de desfacerse da defensa, fusila a Dani no man a man (min. 66). Tivo ocasión o Baio de empatar o partido en dúas clarísimas oportunidades, pero primeiro Santi Díaz dispara fóra un pase da morte de Martín MC, e xa no tramo final do encontro, o propio Martín MC dispara á escuadra e apareceu unha man milagreira de Javi Souto para enviar a córner cando xa se cantaba o gol. Últimos minutos de intentalo máis co corazón que coa cabeza por parte visitante e ao final o Soneira logrou conservar a portería a cero e levar estes tres puntos tan importantes para eles.
Polo Soneira SD xogaron: Javi Souto, Brais Pereira (Samuel 89), Alemán, Aarón, Darío, Álex Taibo (Moreira 86), De la Sierra (David Agra 67), Mayor, Luisito, Pichi e Basti (Chapela 64). polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Yago, Peke (Santi Díaz 46), Damián (Pablo 79), Norberto, Álex Figueiras, Bieito, Iván Rojo (Rubio 52), Moreno (Josiño 70) e Martín MC. Con esta derrota o Baio segue instalado na cuarta praza, con nove puntos de vantaxe sobre o quinto, o Dumbria.

