C.D. BAIO 4 – C.D. UNIÓN 4
Chegábase á última xornada ligueira deste Grupo 2 da 1ª Galicia na que o CD Baio e o CD Unión, sen nada en xogo, disputaron un entretido partido no que, a pesar de que eran dous dos equipos menos goleados, deixaron unha boa selección de goles que puxeron un bo broche a este campionato. Unhas 150 persoas achegáronse ao Platas Reinoso para presenciar este partido en tarde de sol e calor que impuxo un ritmo baixo de xogo, polo que en moitas fases parecía un partido de pretemporada que unha última xornada de liga. E é que os dous conxuntos tiñan xa os deberes feitos, cun CD Baio coa salvación asegurada desde a semana anterior e un CD Unión sen opcións de chegar a ocupar a praza de promoción. Antes do inicio do partido, o centrocampista do CD Baio, Peke, recibía o trofeo ao xogador máis regular do equipo baiés nesta temporada.
Ritmo lento no inicio con dous conxuntos que querían ter o control do balón, aínda que este foi máis do equipo visitante, era o Baio o que amosaba máis perigo coas perdas do conxunto rianxeiro. Intentouno por dúas veces Martín MC con lanzamentos desde o centro do campo sen atopar portería, pero sería nun roubo na medular por parte de Peke, que mete en profundidade para Martín MC, que bate de disparo cruzado a Eloy na súa saída (min.12). Non tardou en responder o conxunto de Asados, nun novo erro defensivo, neste caso na saída do balón por parte da defensa baiesa, que aproveita Néstor para empatar o partido (min.14). E mediado o primeiro tempo, un pase ao interior da área é recollido por Pablo Reboiras, e de disparo cruzado bate a Adrián Vázquez (min.22). As ocasións do partido contábanse por goles, e así a seguinte oportunidade acabou sendo o terceiro para os visitantes, nun balón que lle chega a Mauro na área, que dispara a queimarroupa, e Adrián consegue desviar o balón, que se vai ao poste e ao final acaba entrando (min.29). E dun despexe de Pablo Novo chega o segundo baiés, pois o balón chégalle por banda a Martín MC, que tras desfacerse do seu defensor, intérnase na área e cede para que un desmarcado Martín fusile a Eloy (min.35). Con este resultado deuse por finalizada a primeira parte.
O segundo tempo volveuse máis insulso, e sen apenas achegamentos, cun Unión dominando o partido, movendo o balón de banda a banda, pero sen aparente perigo e o Baio non atopaba camiños para chegar á área contraria. Cos cambios houbo un aire novo no encontro, e parecía que os baieses podían empatar, pero o que chegou foi o cuarto dos rianxeiros, que veu dunha serie de rexeites de Adrián e da defensa, para ao final chegarlle o balón a Juanma que marca de disparo cruzado (min.68). Puido recortar distancias Martín MC nun balón que se levou pola banda, e tras desfacerse do porteiro o seu lanzamento é sacado por un defensa baixo paus (min.83). Parecía que estaba pechado o partido, pero nos minutos finais chegou o empate. Primeiro marcou Martín MC nun balón que controlou na frontal e de disparo raso pegado ao poste bateu a Eloy (min.88), e xa no desconto, un balón do propio MC sobre Iván Rojo, permitiulle a este dispara de zurda e marcar o definitivo empate.
En definitiva, un entretido partido para o espectador pola cantidade de goles, no que os adestadores aproveitaron para dar minutos a xogadores que non foron moi habituais. Polo CD Baio xogaron: Adrián Vázquez, Ramón (Isaac 77), Fachal, Pablo Novo, Norberto (Iván Rojo 58), Adrián Lema, Rubio, Peke (Santi Díaz 65), Josiño, Martín (Bieito 77), Martín MC. Polo CD Unión xogaron: Eloy, Bebeto, Cristian, Óscar Blanco, Álex Conde, Jorge, Borja (Ismael 71), Pablo Reboiras (Marcos 66), Mauro (Varela 75), Juanma, Néstor (Galbán 52). Con esta igualada o CD Baio acaba a liga nunha meritoria undécima praza, empatado co Cordeiro CF -décimo-, pero coa golaveraxe perdida. Pola súa parte, o CD Unión remata quinto, nunha magnífica campaña, na que puido ser cuarto se gañase o encontro, pola derrota do Flavia en Bertamiráns, pero que non empana a boa temporada do equipo rianxeiro.
O RESTO DA XORNADA
Con todo decidido no que respecta ao campión de liga, e aos tres postos de descenso, a última xornada deixaba dúas pelexas. por unha parte, a praza de promoción de ascenso entre Puebla, Piloño e Flavia; e pola outra, a da posible praza de arrastre entre o Fisterra e o Tordoia. En Agolada, día de festa para celebrar o título ligueiro, coa entrega do trofeo de campión logo dun encontro fronte ao pechacancelas da clasificación, o Silleda. Os agoladenses despedíronse cunha cómoda vitoria, con goles de Aitor no primeiro tempo e dobrete de Pablo Rodríguez no segundo. O Puebla era o favorito para ocupar o posto de promoción, pois dependía del mesmo, e tiña ao descendido At. Ribeira como rival; os da Pobra sufriron na primeira parte, pois só lograron marcar un gol á media hora por parte de Pap, pero a expulsión no descanso de Esteban deixou moi tocado aos ribeirenses que se viron totalmente superados no segundo período. Álex Teira ampliou distancias aos dez minutos da reanudación, e logo xurdiu de novo a figura de Pap, que marcou outros tres goles para axustizar ao seu ex-equipo e deixar sentenciado partido, que só tivo o consolo para o Ribeira co gol da honra que foi un autogol de Jorge Lojo contra o final. De nada lle valeu a vitoria ao Piloño ante o Fisterra, máis que para certificar unha gran temporada; así dous goles de Marc e Dani Méndez nos dez últimos minutos do primeiro tempo, e un terceiro de Zequi ao cuarto de hora do segundo, supuxeron un 3-0 que deixou aos locais no terceiro posto e ao Fisterra nesa inquietude de acabar nesa 15ª praza que agora mesmo supón o descenso, do que pode librar polo ascenso do Puebla na promoción á Preferente.
E é que a derrota do Fisterra foi aproveitada polo Tordoia, que gañou o seu partido ante o Chaián, cun gol de Jorge Paz en propia meta á media hora, que foi certificado por Dubra no segundo tempo para deixar na tranquilidade en Gorgullos. O Flavia tiña escasas opcións de chegar á segunda praza, pero intentouno ata o final; un gol de Calderón no primeiro tempo parecía chegarlle para vencer en Bertamiráns, pero nos minutos finais Pinaque e Diego Vidal remontaron para os de Amaía. Dous conxuntos que pensan máis nos trofeos copeiros que na liga enfrontáronse no Municipal de Brión, e ao final o Soneira levouse a vitoria ante o Bastavales, con goles de Darío e Basti. Os dous quedan nos postos medio-altos da clasificación, xusto por diante dun decepcionante Lalín, que onte pechou a liga cunha goleada ante un San Lorenzo que se presentou no Cortizo con once xogadores xustos (catro deles xuvenís), e os lalinenses golearon sen piedade aos verdilleses. Camba e Brais marcaron no primeiro tempo, e logo Manu Rego, Rubén e Ocampo marcaron nun espazo de cinco minutos, reduciu distancias Parafita cun penalti, pero Ferreiro puxo o 6-1 definitivo. E moitos goles tamén no Sigüeiro-Cordeiro, que se iniciou cun gol do visitante Manu; antes do descanso un penalti convertido por Guti puxo o empate, e ao cuarto de hora do segundo Álex Pri puxo por diante aos locais, pero primeiro Jesús e logo Sergio déronlle de novo a volta ao marcador, e xa no desconto de novo Álex Pri puxo a definitiva igualada.
Chegouse ao remate da competición, co Agolada campión con 73 puntos, e será o Puebla, con 69 puntos, o que xogue a promoción de ascenso contra o Carral. O Piloño, cos mesmos puntos cos pobrenses, pecha unha magnífica campaña na que dominou en varias xornadas. A cuarta praza é para o Flavia, con 64 puntos, dous máis que o Unión de Asados. Séguenos o Bastavales, Soneira e Lalín, que quedaron en terra de ninguén, cando se esperaba máis destes dous últimos conxuntos. O Bertamiráns, nunha campaña de transición, quedou na novena praza, sen apuro de ningún tipo. Xa entre os que estiveron loitando pola parte baixa, Cordeiro e Baio ocuparon ao final a décima e undécima praza, con 40 puntos, un máis dos que sumaron o Sigüeiro e Chaián. Sufriu o Tordoia para alcanzar a 14ª praza, algo impensable en moitos momentos da primeira volta, e foi o Fisterra o que caeu a esa temible praza de posible arrastre. At. Ribeira, San Lorenzo e Silleda pagaron co descenso os moitos problemas que tiveron ao longo da temporada e terán que competir a próxima temporada na 2ª Galicia. En canto aos goleadores, o lalinense Richi aguantou toda a temporada no máis alto da clasificación e a pesar de que a súa segunda volta non foi tan efectiva como a primeira acabou por ser o máximo goleador con 22 goles. Rematou segundo Pap (Puebla) grazas aos catro goles desta última xornada, para sumar un total de 20 goles. Completan o podio Camba (Lalín) e Changui (Puebla), con 18; aos que lles seguiron Madiop (At. Ribeira) e Martín MC (Baio), con 17 goles. Nos dez primeiros postos remataron tamén Parafita (San Lorenzo), con 15, e con 14 Jacobo López (Chaián), Basti (Soneira) e Saviola (Unión).

