C.F. DUMBRÍA 0 – C.D. BAIO 2
Derbi costeiro na Primeira Galicia e primeira visita ligueira do CD Baio ao CF Dumbría na historia que se saldou con vitoria baiesa por un marcador de 0-2 que permite seguir nos postos altos da clasificación. Bo ambiente nas bancadas a pesar do día, con chuvias intermintentes pero que non impediron ver un bo espectáculo. Moitas ocasións para os dous bandos a pesar de estar moi ben plantados no campo os dous conxuntos.
É que xa nos primeiros minutos houbo claras ocasións que puideron decantar a balanza, pero Martín MC por dúas veces non acertaba a bater a Iván Baña, e o mesmo sucedía con Diego Cespón con Dani no outro arco. Tras este frenesí inicial pouco a pouco foise calmando o xogo, co Baio máis disposto a levar o control do partido ante un Dumbría que se repregaba e buscaba as contras sobre todo a través de Marcote. E foi pasada a media hora cando un magnífico pase de Bieito que buscaba a internada de Santi Díaz acabou converténdose no primeiro gol, ao non chegar o extremo baiés ao balón, pero a súa presenza foi suficiente para despistar a Iván Baña e o balón introducíase na meta local (min.33). Non foi quen de responder o cadro local nos minutos seguintes e o Baio foise coa mínima vantaxe ao descanso.
Na reanudación o Dumbría saíu algo máis arriba intentando lograr o empate, pero non conseguía claras ocasións de gol a pesar de combinar ben en tres cuartos, pero tan só os tiros de media distancia poñían en perigo a meta baiesa, como un de Iago que se foi lixeiramente alto, ou un libre directo que lanzou Diego Cespón e o balón foise fóra rozando o pau. Pero o Baio tamén combinaba e chegaba arriba e nunha xogada por banda, o balón chégalle a Martín MC que se orienta na frontal para sacar un duro lanzamento que conseguía rexeitar Iván Baña pero o balón quedoulle morto a Iván Rojo que marcaba o segundo da tarde (min.68). Puido incrementar a renda o cadro baiés nun gran pase de Bieito que deixou só a Moreno ante Iván Baña, pero este logrou pechar ben os ocos e abortou a oportunidade (min.74). Aínda quedaban dous postes por ver no encontro, o primeiro deles logo dun córner a favor dos locais, no que tras varios rexeites conseguía meter a cabeza Rivi e o balón batía no pau e a defensa sacaba o perigo (min.78). Dous minutos despois, Martín MC buscou o seu gol cun lanzamento desde fóra da área que petaba no poste dun xa superado Iván. Seguiuno intentando o cadro local nos minutos finais, con máis corazón que acerto e ao final non se movería o marcador e os puntos foron para Baio.
Polo CF Dumbría xogaron: Iván Baña, Alberto Loureiro, David Carreira (David García 62), Eloy (Xacobe 75), Pablo Paz, Canario, Diego Cespón (Xabier Castro 89), Iago (Charly 75), Rivi, Marcote e Yuyo. Polo CD Baio xogaron Dani, Rubio, Peke, Álex Varela (Josiño 85), Damián (Pablo 89), Norberto, Bieito, Moreno (Sergio 75), Iván Rojo, Martín MC e Santi Díaz (Álex Figueiras 66). Con esta vitoria o Baio consegue subir ata a cuarta praza da clasificación ao superar á SD Esclavitud, conxunto que visitará a vindeira semana o Platas Reinoso. Gran vitoria dos baieses que a pesar das baixas van sumando de tres en tres.

