A balón parado

C.D. BAIO 1 – FISTERRA S.D 1

A balón parado. Así chegaron os goles no histórico derby costeiro da Primeira Galicia que se disputou este domingo no Platas Reinoso, con 400 espectadores nas bancadas, nunha tarde de sol que animou á xente a presenciar un máis emocionante que bonito partido. É o que teñen os derbys, moita emoción e menos fútbol, e onte houbo máis ocasións que fútbol. Serviu este partido para o reencontro de vellos amigos fisterráns e baieses que formaron parte do Baio dos anos oitenta e noventa, e así os Manín, Dito, Ayala, Cachuso ou Bareta confraternizaron e recordaron vellos momentos cos baieses Braulio, Juan Calabanda, Lolo, Santi Díaz, etc.  Ao final do partido un punto para cada un e outro perdido na loita por saír dos postos baixos.

Moita igualdade nos primeiros minutos, sen achegamentos ás áreas, e de feito o primeiro disparo chegou desde máis de trinta metros por parte de Martín MC, que se envelenou tras tocar nun defensa e obrigou a Joselu a usar os pés para paralo (min.13). Acto seguido veu a mellor ocasión dos fisterráns, nun balón roubado polo xuvenil Isaac a Dani que lle chega a Jesús en posición moi ventaxosa, pero o seu disparo sácao Martín sobre a liña de gol (min.16).  No minuto 25 chegou o primeiro gol, e tivo como orixe unha falta lateral que rematou entrando desde atrás Andrés para fusilar a Dani. O gol deulle máis viveza ao partido e o Baio foise arriba na busca do empate, e puido conseguilo Santi Díaz tras unha boa triangulación na frontal da área, que deixou ao dianteiro só ante Joselu, pero o porteiro tapou o disparo e o balón foise a córner (min.29). Acto seguido chegou o gol do empate, e veu nunha xogada ensaiada tras unha falta en tres cuartos, que lle chegou a Santi Díaz, que rematou cruzado ante a saída do porteiro para poñer a igualada (min.30). Tivo o Baio dúas ocasións moi claras antes de chegarse ao descanso: na primeira, Bieito, só en boca de gol cabecea alto (min. 43), e Santi Díaz, desde a mesma posición na que marcara dispara e desvía Joselu (min.45) .

Non deparou cambios a segunda metade, que se mantivo igualada, con maior dominio do balón por parte baiesa, pero sen concretar xogadas de perigo. O Fisterra mantívose ordenado atrás e aínda que non sacou moitas contras, non se sentía agobiado. A mellor ocasión baiesa veu dun magnífico pase de Martín sobre Santi Díaz que o colocou en posición franca pero o seu disparo fóiselle alto (min.76). Nos minutos finais tivo o Fisterra a súa, tras unha gran cabalgada de Jesús, que filtrou o pase para Mané, pero este ante Dani non resolveu e sacou o meta local coas mans (min.88). Con isto acabouse un partido que non quedará na memoria dos afeccionados, pero que volveu reencontrar dous equipos históricos da Costa tras varios anos sen coincidir. O empate final deixou máis satisfeitos aos visitantes que aos locais, pero os dous teñen que seguir remando para abandonar os postos baixos da clasificación.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac, Mario, Yago, Adrián Lema, Martín, Moreno (Rubio min.68), Peke, Bieito (Iván Rojo min.58), Santi Díaz e Martín MC. Polo Fisterra SD: Joselu, Fabián, Andrés, Robertín, Dani, Roa, Jesús, Gabi Pazos, Tati, Ezequiel (Mané min.72),  Champi (Noé min.80), Isaac (Gabriel min.86). Arbitraxe de Miguel Suárez Carnota, sen problemas.

O resto da xornada

A xornada trouxo a consolidación do Piloño como líder, tras sacar un punto da súa visita á Pobra e perder os seus inmediatos perseguidores, Agolada e Bastavales. Os de Vila de Cruces conseguiron manter o marcador inicial no seu partido na Alta, ante un Puebla que non acaba de arrancar. A sorpresa veu da derrota do Agolada no Hospitalillo ante o Cordeiro, a pesar de adiantarse moi cedo cun gol de Jemba, pero Xenxo empatou á media hora e, como a semana pasada, Bustelo converteuse en revulsivo e anotou o gol da vitoria nos minutos finais. O Flavia púidose poñer líder e de feito xa contaba cando gañaba grazas aos goles do debutante Juancar e de David Pérez, pero o Ribeira non se rendeu, e con dous goles nos últimos cinco minutos (de Josema e do xuvenil Juan) sacou un punto do Souto. O Lalín volveu á senda dos triunfos coa súa vitoria ante o Bastavales, pero para iso tivo que esperar á segunda parte para marcar, por mediación de Richi e Brais, cumprida a hora de partido; Camba sentenciou ao final e Raúl Insua maquillou o resultado no desconto. O Unión achégase aos postos de cabeza ao vencer, con goles de Néstor e Jorge, a un Sigüeiro que só sumou un punto dos últimos 18.

O Soneira caía na tarde do sábado na súa visita ao Tordoia, que aproveitaba o “efecto Barca” para sacar os tres puntos en xogo; os tres goles chegaron en oito minutos nada máis volver dos vestiarios: Maki adiantaba aos locais, para empatar no minuto seguinte Basti, e Liste poñer pouco despois o 2-1 definitivo. O Chaián é nestes momentos un dos equipos máis en forma e suma a sétima xornada sen perder, e onte desfacíase sen problemas do Silleda, que pola contra só sumou tres dos últimos 18 en xogo; Dani marcou á media hora, e na segunda parte sentenciaron Pablo Franco e Jacobo López. E, por último, no encontro con máis goles da xornada atopamos o protagonista, Iván Parafita, que tras volver a súa semana da súa grave lesión, marcou nesta un hat-trick que lle permitiu ao San Lorenzo sacar un empate da súa visita a Bertamiráns; adiantáronse os berdilleses ao comezar o partido, pero enseguida empatou Pinaque, para marcar Diego Vidal e de novo Pinaque para os locais xusto antes do descanso, pero na segunda parte Parafita logrou empatar o encontro con dous novos goles.

Con estes resultados, o Piloño encabeza a táboa, agora con dous puntos de vantaxe sobre o segundo, o Flavia, mentres que a tres quedan Unión, Agolada e Bastavales, co Lalín a catro. Nesta igualada liga, ninguén se pode confiar, e na zona media tan pronto miran para arriba como para abaixo, e é que dos que ocupaban as nove últimas prazas antes de principiar esta xornada, tan só o Silleda e o Sigüeiro non puntuaron. O Tordoia, a pesar da súa vitoria, segue pechando a clasificación co San Lorenzo un posto por riba; a posto de descenso directo cae o Sigüeiro, Baio e Silleda ocupan agora do postos de arrastre, con Fisterra un punto por riba deles e o At. Ribeira a tres. Na táboa de goleadores, Richi (Lalín) aumenta a súa conta, con 11 goles, seguido do seu compañeiro Camba que pillou a Madiop (Ribeira) no segundo posto, co soneirán Basti afianzándose na cuarta praza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *