Acabou a liga: gran temporada do CD Baio (e de Martín MC)

CHAIÁN C.F. 0 – C.D. BAIO 4

Última xornada de liga e o CD Baio despedía esta temporada visitando o campo de Augas Santas, en Chaián, para poñer o ramo a esta ilusionante campaña que nos levou ata o cuarto posto na clasificación. Puido ser mellor, é certo, se non quedasen polo camiño puntos contra equipos da zona baixa que se botan de menos ao final, e se puidésemos contar con algún xogador máis que pasou boa parte da liga lesionado, pero tamén é certo que o equipo cumpriu e deuno todo, e os tres primeiros este ano estiveron de sobresaliente. Toca felicitar a todo o plantel de xogadores e ao corpo técnico polo seu traballo durante todo o ano e, en especial, ao seu capitán Martín MC, que a título individual conseguiu ser o máximo goleador do grupo e incluso de todos os grupos da 1ª Galicia.

En canto ao partido de onte, pouca historia entre un equipo local que xa estaba descendido (aínda que fose en posición de arrastre, pero nunha posición xa insalvable), o Chaián CF que apenas opuxo resistencia nos primeiros minutos, e un CD Baio, que xogando a un ritmo medio logrou golear e conseguir un resultado, que vistas as ocasións aínda parece escaso. Os primeiros minutos foron de dominio baiés, pero era o Chaián o que levaba máis perigo nas súas chegadas, pero deu mostras de porque era un dos conxuntos menos goleadores do grupo. Un disparo de Adrián García que foi ao poste foi o máis preto que estivo o cadro local do gol. O Baio tamén tiña as súas e Martín MC intentouno con disparos desde a frontal que conseguiu atallar moi ben Peri. E o propio MC rematou ao pau un pase da morte de Iván Rojo cando estaba en boca de gol. Pouco a pouco foi intensificando o seu dominio o cadro baiés, e chegando ao descanso veu o primeiro gol, nun pase de Iván Rojo cara á internada de Martín MC, que logra meter a punteira do pé para desviar ante a saída do porteiro local (min.40).

Comezou a segunda parte co Baio sentenciando o partido, pois xa na primeira acción Martín MC lograba superar a defensa e tras regatear ao porteiro, marcaba a porta baleira. Este gol acabou por finiquitar o partido, pois o Chaián xa se vía sen forzas para chegar á meta rival, pois non dispuña de ningún cambio no banco. Martín MC ampliou a conta cun disparo desde fóra da área que tras pegar no poste introducíase na meta local (min.54), e o propio dianteiro calcaría a acción quince minutos despois para conseguir o seu cuarto gol (min.68). Puido marcar máis goles o dianteiro baiés pois dispuxo de varias ocasións, a máis clara nun man a man co porteiro, pero tras regatealo quedou sen ángulo e o seu posterior remate sacouno un defensa a córner.

Polo Chaián CF xogaron: Peri, Botana, Rubén, Dani García, Antonio, Martín González, Jacobo Álvarez, Paco, Adrián García, Adrián Cabado e Juancar. Polo CD Baio xogaron: Julián, Rubio, Yago, Álex Varela, Damián (Pablo 72), Norberto, Álex Figueiras (Isaac 56), Bieito, Iván Rojo (Porti 56), Javi Suárez (Josiño 64) e Martín MC. Con este triunfo o Baio chegou aos 60 puntos e rematou na cuarta posición, na que estivo boa parte da temporada. Toca felicitar á SD Fisterra, un histórico da Liga da Costa que conseguiu o título e volve á Preferente despois de moitos anos. Agora o CD Baio volve centrarse na Copa da Costa, que nos deparará unha nova eliminatoria a vindeira semana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *