Yago: “estou convencido de que aínda nos queda moito que celebrar”

yago cdbaio

Yago (Camafreita, 1993) chegou ao club en categoría xuvenil e “ata colgar as botas”. Ía ao colexio a Agualada, motivo polo que empezou xogando ao fútbol sala no Coristanco. Alí estivo ata infantís, categoría na que fichou polo Bergantiños. Xa en cadetes pasou para o Sporting Zas, motivado pola Liga da Costa que gañaron ese ano os da súa idade e onde tiña varios amigos. Despois de catro temporadas en Zas, foi no último ano de xuvenís que veu para esta familia, da que hoxe en día é peza fundamental e un dos que porta o noso brazalete polos campos de Galicia.

Como estás levando o parón? Es dos que segues as rutinas do Míster? Son moi duras?

Pois o parón estase facendo duro. É moito tempo na casa, e aínda que haxa cousas mais importantes, o fútbol para nós é case o noso día a día e, sobre todo, competir e estar cos compañeiros bótase moito en falta. As rutinas vounas compaxinando co traballo. Algunhas son complicadas pero, ó final, son cousas que levamos facendo todo o ano e véxoas como algo moi positivo para nós nestes momentos que case non se pode facer nada.

Como está sendo o grupo na distancia? Quen é o que máis tira do carro para picar aos demais?

O grupo está bastante activo en xeral, tanto o oficial coma o que temos solo os xogadores (risas). É o mais parecido que temos agora mesmo a estar no vestiario todos xuntos, esperemos que iso volva pronto.

Como resumirías esta temporada? Cres que é unha boa opción que remate así?

Deportivamente resumiríaa como mala, creo que temos xogadores como para estar máis arriba, mínimo para igualar o que conseguimos o ano pasado. Pero ó final hai moitas cousas que inflúen e non é fácil gañar nunha liga tan competida como é a Primeira rexional. No humano resumiríaa como boa, coma sempre, somos un grupo de amigos que disfrutamos facendo o que máis nos gusta, e iso é o mellor que pode haber.

Por que estades tan seguros que é Manu Santiso o que máis se está coidando? Cal cres que é o seguinte que máis se está esforzando por non perder a forma?

O noso coruño trouxo uns moi bos hábitos da canteira do Depor, moito deporte e cero alcol (risas). En xeral eu creo que somos todos bastantes responsables niso, hai xente incluso coma Guau ou Bieito que están seguindo tamén outras rutinas de spinning, por exemplo, depende tamén un pouco do ocupados que están algúns (risas).

Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?

Os que levamos xa varios anos, que somos a gran maioría, non me sorprenden porque nos coñecemos moito e sei de sobra todo o potencial que teñen. E dos que viñeron ultimamente, o ano pasado Porti, Dami e Álex sorprendéronme moito, fixeron unha moi boa temporada. Este ano quédome con Santiso, xa me falara Damián algo del, pero a verdade é que, a pesar de ser do Barça, esta temporada estaba sendo o mellor, teño que recoñecelo (risas).

A quen lle poñerías as pilas?

Creo que deberíamos facer todos autocrítica, ó final cada un sabe en que aspectos pode dar máis. Somos un grupo para o bo e para o malo, e dando cada un un pouquiño máis, verémolo despois nos resultados.

Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?

Eu son dos que vai atrás de todo con Mc, Rubio, Porti e así algún mais, osea que estou moi ben acompañado para non aburrirme nunca.

Como chegaches ao Baio? Por que te decidiches a vir para aquí se os teus compañeiros de escola xogaban noutros equipos?

Pois eu estaba no instituto en Baio e xogaba no Zas. Tiña moitos compañeiros de clase e amigos no Baio coma Manuel de Pardo, Guau ou Rubio, e ademais levábame moi ben xa con algún dos maiores como por exemplo Jose ou Mc. Nacho, que daquela era o adestrador dos xuvenís, chamarame para vir e aquí estou, ata colgar as botas xa (risas).

Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches no vestiario?

No Baio sempre tivemos a sorte de ter  algúns xogadores doutro nivel, pero eu creo que o mellor co que xoguei foi Martin, vía o fútbol un segundo antes ca os demais. Foi unha sorte poder compartir vestiario con xente coma el, Mario, Alberto ou Ramón, ensináronnos moito, sobre todo a ser compañeiros e a ser un equipo, que é o primeiro e o mais importante.   Tamén incluiría na lista dos mellores a Mc; debinlle ver, como mínimo, marcar uns 200 goles tirando polo baixo, que se di pronto. Poucos xogadores vin máis determinantes.

O mellor adestrador?

De todos aprendemos moito, igual do que mellor recordo me quedou foi Félix. Colléranos a unha semana de empezar a liga en segunda, un equipo con moitas baixas e con moitos que saíamos de xuvenís. Eramos claros candidatos a baixar e acabamos ascendendo e quedando quintos en Primeira o ano seguinte. Foi un antes e un despois, creo.

E o mellor rival? Houbo algún co que che gustaría ter compartido vestiario?

Non sabería dicir, creo que nunca envidiei a un rival, non cambiaría a ningún dos nosos por outro porque dubido moito que os haxa mellores. Na miña opinión, somos unha xeración moi boa, e oxalá poidamos seguir moitos anos xogando xuntos. Aínda que si que houbo moitos rivais que nos teñen feito pasar tardes amargas aos da defensa, non vou mentir (risas).

Cal é o teu mellor recordo como futbolista? E o peor?

O mellor creo que é o primeiro ano de maiores, do que falei antes. Conseguimos máis do que todos imaxinabamos, disfrutamos moito. Creo que todos os que estabamos aquel ano o diríamos. O peor, sen dúbida, as lesións. Eu considérome afortunado, pero por desgracia tivemos algunhas moi graves durante estes anos, é algo moi duro. Tamén o ano que baixamos a segunda foi difícil, non nos saía nada.

Norberto envíache unha pregunta: “como levas as tixeiras despois de tanto tempo sen usar? Para a volta, tes pensado afialas ou comprar outras novas?”

Creo que vou seguir cas mesmas, agora xa están moi enseñadas, este ano incluso baixei en amarillas debido ás esixencias do presi (risas). Xa teñen ganas de volver polo Platas, así que que se vaian preparando. Eu estou con Norber, non todos podemos marcar goles e facer bicicletas, para iso xa temos aos figuritas da dianteira (risas). Algúns teñen que facer outro traballo e niso el e o número un, reparte máis que Casemiro (risas).

Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?

Pois faríalla ao noso querido Bruno Alberto “Bettoni”: Que botas máis de menos neste parón, poñernos multas por todo ou facer con nós os circuítos dos martes? (risas).

Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?

A afección primeiro mandarlle moito ánimo nestes momentos complicados para todos, e despois agradecerlle todo o que fan por nós. Moi poucos equipos na Costa xuntan a xente que temos nós cada domingo. Están nas boas e nas malas, e iso é de agradecer. Eu estou moi orgulloso de formar parte do Baio, e oxalá eles tamén o estean de nós. Imos facer todo o posible para que sigan disfrutando, e estou convencido de que aínda nos queda moito que celebrar. Forza Baio!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *