Cuartos de final da Copa da Costa Xuvenil, e ao CD Baio tocoulle en sorte ao CF Pedreiras, o equipo xuvenil do San Lorenzo, que acaba de proclamarse campión da Liga da Costa Xuvenil, e xunta co subcampión Xallas xogará a fase de ascenso á Liga Galega. O equipo carballés, non obstante, sufriu para clasificarse nos oitavos de final, pois só puido empatar nos minutos finais co Monte Louro, e despois pasou na quenda de penaltis. Pero no torneo ligueiro mostrouse moi fiable, e mellorando co paso dos partidos. De feito na segunda fase ligueira tan só perdeu un partido e foi o máximo goleador, con case tres goles de media por partido, e na primeira perdeu tres partidos, pero dous deles foron cando xa estaba clasificado para disputar a segunda fase. O seu máximo goleador é Brais Cancela, que sumou 30 goles na liga, 17 na primeira fase e 13 na segunda; David Lorenzo, con 12, e Álex Cotelo, con 10, ségueno na clasificación. Nos enfrontamentos ligueiros entre o Baio e o Pedreiras gañaron estes nos dous encontros, pero os xogadores baieses deron moita guerra e a pesar do marcador final apiques estiveron de sacar algo positivo, sobre todo no partido xogado en Berdillo. Polo tanto os baieses deben ter confianza en pasar esta eliminatoria, mantendo a concentración e seguindo na liña demostrada o pasado sábado contra o Outes, outro equipo que disputou a segunda fase ligueira.
COPA DA COSTA XUVENIL (CUARTOS IDA)
C.D. BAIO – C.F. PEDREIRAS XUVENIL
Sábado 8 de abril; 17:00 h.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Castreje Ferrío.