A Historia
A SD Tordoia visita este domingo o Platas Reinoso na 19ª xornada de liga e tras dous tropezos nas dúas últimas xornadas, o CD Baio espera reverter a situación. Para iso terá que impoñerse a un duro rival, como é a SD Tordoia. O club tordoiés foi fundado en 1982, polo que está disputando a súa 38ª temporada consecutiva. Desde que comezou a competir na temporada 1982-83 na 3ª Rexional, estivo catro temporadas nesta categoría, ata que as reformas da 1ª Rexional, coa creación de catro grupos na provincia da Coruña, eliminou as terceiras, polo que a partir da 1986-87 vai competir na 2ª Rexional. Na 1988-89, aínda na 2ª Rexional, vai cambiar de zona competicional, pois pasa das Mariñas ao Sar. Na 1990-91 baixa para a 3ª Rexional, e nesta categoría vai botar as seguintes 16 temporadas, cando o subcampionato da 2005-06 o levou á Liga do Sar. Tres campañas nesta competición, e novo descenso á 3ª Autonómica. Na 2011-12 quedou cuarto clasificado, pero na promoción logrou ascender de novo á Liga do Sar. Outras tres temporadas seguidas na categoría, ata que o subcampionato da 2014-15 lle valeu para xogar a promoción de ascenso, na que foi segundo do seu grupo (con Palmeira e Sp. Zas) e ascendeu por vez primeira á 1ª Autonómica, na que leva cinco campañas.
Esta é a cuarta temporada que coinciden os dous conxuntos, todas na 1ª Autonómica, sendo a primeira delas na temporada 2015-16. O seu primeiro enfrontamento tivo lugar en Tordoia o 15 de novembro de 2015 e rematou sen goles; na segunda volta, en Baio, o conxunto local impúxose por 3-1. A segunda vez foi na temporada 2017-18, e o Tordoia logrou vencer no Platas Reinoso pola mínima (0-1), e a pasada campaña foi o Baio o que se impuxo con claridade (4-1), polo que as estatísticas dos partidos xogados en Baio amosan dúas vitorias locais e unha visitante, mentres que no global o Baio venceu en cinco partidos, empatou en un, e perdeu outro, con 14 goles a favor e só tres en contra (os tres no Platas Reinoso).
O partido do domingo
A SD Tordoia chega a este partido logo de tres vitorias consecutivas, que fixeron que pillase ao Baio na clasificación, e tendo ademais un partido menos xogado polo aprazamento do seu encontro co Piloño. O equipo adestrado un ano máis polo oleiro Dani Calvete mantén a base da temporada pasada, pois seguen 16 xogadores dos que estaban no plantel. As baixas máis significativas foron as de Damián Lois, Che ou Elías, pero viñeron outros xogadores suplilos, como Manu Vázquez (Dubra), Álex Estévez (Esclavitud), Brais (Ordes xuvenil), Breogán e Lucio (sen equipo) e Andrade, que regresou ao equipo desde o Trazo. Nas últimas semanas, Breogán e Lucio marcharon xogar na Liga da Costa e o club conta na actualidade con 21 fichas sénior. Dani Calvete fixo xogar aos 23 xogadores, aínda que ningún participou en todos os partidos. Liñares, titular en 17 encontros, é o que máis se aproxima. Álex Estévez e Dani Pena saíron de inicio en 15, un máis que Seo e Rubén Fariña e dous máis que Nico ou Maki. Na portería Santi, con 12 partidos, foi escollido máis veces, e canda el suman tamén moitos minutos, Jorge Liñares, Denís e Andrade. Menos minutos tiveron ata o momento Manu Vázquez, Martín Torres, Pombo, David, Miguel Mallo, Manu Prego ou o porteiro Juanjo. Testimoñal foi a presenza de Chino e Brais, mentres que Dubra volvía a semana pasada ao equipo tras unha lesión.
Como dixemos a SD Tordoia está empatado co Baio, na 10ª posición, con 25 puntos, que obtivo mediante sete vitorias e catro empates, con 31 goles a favor e 36 en contra. Tan só xogou 7 partidos como visitante (lembremos que ten aprazado o do Piloño), nos que colleitou dúas vitorias e dous empates, con tres derrotas. Empezou perdendo en Padrón co Flavia (4-0), para despois lograr a igualada co Dumbría (2-2) e Volantes (0-0), e dúas vitorias consecutivas fóra da casa en Negreira (2-3) e Esclavitud (2-4); as súas dúas últimas visitas foron contra os dous primeiros, e se co Soneira se daba un marcador estraño (5-4), máis o foi o do Pino (7-0). Polo tanto, sumou oito puntos lonxe de Santaia, con 13 goles marcados e 22 encaixados. O seu máximo goleador é Dani Pena, con 7 goles, seguido por Denís, con 6; levan 4 Maki e Rubén Fariña, 3 suma Martín Torres, e 2 Andrade e Pombo; quedan con 1 Manu Vázquez e Álex Estévez, xunto con outro en propia meta.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
C.D. BAIO – S.D. TORDOIA
Domingo 19 de xaneiro; 16:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Vázquez Lema.
Asistentes: Carlos Señarís Balsas / Sebastián Pérez Rellán.