Vitoria co freo de man posto

BASTAVALES U.D. 1 – C.D. BAIO 3

Pouco público no Municipal de Brión, con pouco máis de 100 afeccionados nas bancadas, coa representación baiesa en maioría como en moitos encontros. Tarde de sol pero con aire frío, que se deixou traducir nun partido frío pero disputado, con moitas ocasións de gol propiciadas polas dimensións do campo, e que acabou gañando o Baio pola súa maior contundencia na área rival e pola inercia que levan os dous conxuntos.

Comezou o partido enchufado o equipo baiés, que axiña atopou a febleza na defensa local, e nunha internada Santi Díaz puido inaugurar o marcador, pero o seu tiro coa dereita rebotou nun defensa e foise a córner. Repetiu a mesma xogada Santi uns minutos despois para agora si inaugurar o marcador cun tiro cruzado de novo coa perna dereita (min.8), o que supoñía o gol 3.100 na historia do CD Baio. Puido empatar o cadro local nunha xogada a balón parado, pero axiña chegou o segundo dos baieses, nunha nova penetración cómoda na área, que esta vez leva Martín MC que marca tras picar ante a saída de Minifonti (min.12). Puido ampliar o resultado o cadro visitante nun balón en profundidade de Norberto, que tras roubar en liña defensiva lanza cara a Martín MC, pero este quere superar o meta cunha vaselina e o balón váiselle fóra. As chegadas do Bastavales viñan sempre en xogadas a balón parado, pero non estaban atinados a introducilas na meta de Dani, e tamén Julián Nieto intentaba pola súa conta crear perigo con algún balón que lle mandaban en profundidade pero non atopaba portería. O Baio víase superior e pouco a pouco foi baixando a intensidade do seu xogo, sen que o Bastavales, bastante tocado, lograse incomodalo.

Mesma tónica na reanudación, pero a intensidade dos baieses aínda decaeu máis e o Bastavales logrou ter a posesión do balón e colgar balóns á área, dos que poder sacar algo. E nun deses balóns chegou un penalti, que se encargou de materializar David Mirazo (min.55). Colleu ánimos o cadro local, na busca do empate, que agora vía máis cerca, pois o Baio seguía co mesmo ritmo, e nin sequera creaba perigo cando lograba combinar varios pases seguidos. O Bastavales, con máis corazón que xogo, lograba cercar a área baiesa, pero os seus intentos morrían en tímidos centros ou disparos desde lonxe que atallaba Dani sen problema. E cando o partido esmorecía, un balón en profundidade de Álex Figueiras para Martín MC acabou no gol da sentenza, logo de que o dianteiro regatease ao porteiro e marcase a porta baleira (min.85).

Polo Bastavales UD xogaron: Minifonti, Baliño, Emilio, David Mirazo, Gabriel Mirazo (Farrah 77), Jacobo Estévez (Fran García 62), Xaco (Viti 53), Villaverde, Richi, Labandeira (Picallos 68) e Julián Nieto. Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio, Yago, Peke, Damián (Isaac 37), Norberto, Álex Figueiras (Sergio 85), Bieito, Moreno (Porti 46), Santi Díaz (Josiño 89) e Martín MC. Con este resultado o Baio mantense no cuarto posto, coa mesma distancia cos de arriba e aumenta a nova a vantaxe sobre o quinto clasificado. A vindeira semana visita o Platas Reinoso o CD Lalín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *