C.D. BAIO 2 – S.D. PILOÑO 1
No partido ligueiro 1600 na historia do CD Baio chegou a primeira vitoria no Platas Reinoso nesta temporada, e facíao nada menos contra o líder, a SD Piloño, que rompe dúas xeiras deste club, que perde o primeiro partido desta campaña e á vez é a primeira vez que cae nas súas visitas a Baio. O sol mantívose presente para que os 200 espectadores puidesen ter unha tarde cómoda nas bancadas e puidesen presenciar un emocionante encontro que se resolveu de lado local. E enfronte estaba un gran rival, que se presentou no campo ben colocado e que deu sinais de bo xogo en moitas fases do partido, pero non tivo moita mordente de cara á portería e só no balón parado daba mostras de poder marcar.
Inicíabase o xogo co equipo baiés buscando o gol, e Martín MC tivo a primeira cun tiro desde a frontal pero o balón fóiselle lambendo o traveseiro (min.3). E sería o killer baiés o que marcase o primeiro gol, ao máis ben un golazo, similar ao que lle marcara a temporada pasada ao Corme, pero agora máis difícil aínda, pois con menos ángulo. Veu dun pase en profundidade de Bieito paralelo á liña de banda, e Martín MC, vendo o porteiro adiantado, sorpréndeo por alto cun lanzamento ao segundo pau (min.19). Despois dunha gran xogada combinativa, Peke puido facer o segundo, pero o seu disparo ao primeiro pau foi sacado por Álex a córner. Pero o que chegou foi o empate nunha xogada a balón parado, pois o córner botado polo Piloño é peiteado no primeiro pau por Imanol, e tras unha serie de rexeites acaba o balón pegando en Peke e o balón cóase na meta de Dani (min.30). Non lle afectou o gol aos locais, que seguiron buscando o gol, e puido chegar nas postrimerías do primeiro tempo, nunha contra levada por Martín MC, que disparou raso, pero Álex tapou ben a portería e enviou a córner. A xogada causou tamén a lesión de Martín MC, que tivo que ser reemprazado no descanso.
A segunda parte principiou con moito centrocampismo, sen moitos achegamentos, ata que o Pilño sacou a pólvora que tiña no banco, e aí chegou a súa mellor xogada, levada por banda por Romero, que se foi de cantos lle saíron e deu o pase de morte para Matías que só tiña que empurrala, pero o seu lanzamento fóiselle alto. Sacou de meta rapidamente Dani, e o balón chégalle en profundidade a Santi Díaz, que sacou un violento disparo que se estrelou na mesma cruceta botando o balón dentro do terreo de xogo, o rexeite quédalle a Bieito que dispara e saca un defensa baixo paus, e o rexeite deste cáelle a Adrián Lema que dispara colocado e marca o segundo gol baiés (min.59). A partir de aquí pouco a pouco o Piloño foi apertando para lograr a igualada, e o Baio pertrechándose para saír á contra, e tivo máis ocasións o cadro local que o visitante. Tívoa outra vez Adrián Lema, pero tras irse en velocidade, o seu disparo non logrou superar ao meta Álex, que sacou a córner (min.83). Os balóns colgados eran a baza principal dos de Vila de Cruces, así como algún disparo afastado, como un de Marc, que detivo moi seguro Dani. Tívoa Santi Díaz, nun balón que se levou Martín por banda e deu o pase da morte, pero o zurdo baiés rematou coa dereita fóra (min.89). Conseguiu o Baio defenderse con orde nos minutos finais, sen pasar moitos apuros e no último minuto do desconto (min.95) puido marcar Adrián Lema outro gol, que conseguiu rematar un balón dividido adiantándose á saída do porteiro, pero o balón fóiselle fóra.
Vitoria necesaria a do cadro baiés que lle permiten subir dous postos na clasificación e saír dos postos de descenso, ante un Piloño que perde a súa condición de líder, quedando terceiro pero só a un punto do novo líder, a SD Agolada. A vindeira semana o Baio xogará contra outro novo equipo pontevedrés, o Cordeiro CF, en Valga.
O resto da xornada
O partido da xornada estaba no campo da Alta, cun Puebla-Lalín, os dous favoritos a priori para gañar a liga, pero que de momento non chegan ao podio clasificatorio. Un gol de Camba pasada a media hora , outro de Richi de penalti mediada a segunda parte, e un segundo de Camba contra o final puxeron o sorpresivo polo avultado 0-3, que puxo fin á mala xeira dos dezanos. Tamén era interesante pois enfrontábanse os perseguidores do líder Piloño, e no Hospitalillo o Agolada goleou ao Bastavales, con tres goles dos chamados psicolóxicos, dous deles nos tres últimos minutos da primeira parte, obra do porteiro Peti -de saque de portería- e de Jemba, e un terceiro de Aitor nada máis saír dos vestiarios. Tamén por 3-0 se impuxo o Flavia ao Soneira noutro choque de aspirantes, cun gol tempraneiro de Calderón, ao que se sumou outro de David Pérez antes do descanso, para redondear a goleada Brais de penalti no desconto do partido.
E un terceiro 3-0 deuse en Bertamiráns, que lle permite aos locais colocarse nos postos sobranceiros, e non tivo moitos problemas para impoñerse ao Fisterra, cun gol de Álex Boo nada máis comezar e outro de Meijide aos dez minutos; Cacho, no desconto, marcou o terceiro e definitivo. E interesante presentábase o derby entre o Unión e o At. Ribeira, que rematou con goleada a favor dos de Asados, con dous goles nas postrimerías da primeira parte, e un terceiro ao reanudarse o partido no segundo tempo, para chegar o cuarto no tramo final. Duelo de ascendidos en Augas Santas, que rematou con vitoria do Chaián sobre o San Lorenzo, cun gol de Anxo á media hora e sentenciaba o debutante Valdo no desconto. O Silleda impúxose ao Sigüeiro nun duelo de necesidades, que se chegou ao descanso cun gol do local Rubén; empatou Hugo Arnejo no comezo da segunda parte, pero enseguida Richi volveu poñer por diante os de Silleda, e no desconto Gustavo sentenciou. Por último, o Cordeiro conseguiu golear na súa visita ao pechacancelas Tordoia, a pesar de adiantárense estes con gol de Denís, pero antes do descanso Jesús e Álex remontaran para os visitantes, para na segunda parte aumentar a renda con goles de Rubén e Sergio.
Despois desta xornada, o Agolada é o novo líder, con 22 puntos, un máis que Flavia e Piloño; fóra do podio quedan o Bastavales, con 19, Bertamiráns con 18, e a cinco do líder quedan Lalín e Soneira. Pola parte baixa, segue o Tordoia pechando a táboa, con dous equipos costeiros acompañándoo nos postos de descenso, o San Lorenzo e o Fisterra, estes logo de sumar a súa quinta derrota consecutiva. Na táboa de goleadores, o lalinense Richi alcanzou ao ribeirense Madiop, con 9 goles, e un por detrás queda Camba, bigoleador hoxe na vitoria do Lalín.