CORDEIRO CF 2 – CD BAIO 0
Moita xente no Municipal de Baño para presenciar o partido da 1ª Galicia entre o Cordeiro CF e o CD Baio, que deparou un pobre espectáculo futbolístico, que se decantou do lado local grazas ao acerto de Bustelo nos minutos finais despois de que o Baio desperdiciase claras ocasións de gol e se vise gañador do choque antes de tempo, permitindo alegrías ofensivas e propiciando as contras que custaron o partido.
O primeiro tempo foi moi igualado, con pouco fútbol e escasas oportunidades, podendo citar dúas claras, unha por cada bando, que puideron darlle algo de cor a estes primeiros corenta e cinco minutos. A primeira veu a favor do Baio cun bonito pase en profundidade sobre Adrián Lema, que remata sobre a incorporación de Santi Díaz, que remata de cabeza na área pequena e o balón bate no lombo do porteiro que xa se vía batido e acaba atrapando o balón (min.16). Por parte local, chegou nunha xogada de Gabriel, que se foi dos dous centrais e o seu pase da morte non pode ser rematado con claridade por Bodaño, e tras o rexeite o disparo de Isaac vaise fóra (min.28). Todos os demais achegamentos foron lanzamentos desde fóra da área na que non puxeron en moitos apertos aos dous gardametas.
A segunda parte principiou cun Baio máis decidido a controlar o balón, e froito do control do partido chegaron as primeiras e grandes ocasións, como as que tivo Santi Díaz en dúas ocasións. A primeira delas nun pase en profundidade que lle chegou botando na frontal da área e a súa vaselina sobre a saída do porteiro fóiselle fóra (min.53), e a segunda aproveitando un desmarque que o deixou só ante Pablo, pero o tiro de Santi é despexado cos pés polo porteiro local (min.64). O Baio empezou a controlar o partido, pero a entrada do dianteiro Bustelo no cadro local cambiaría o encontro. É que el aproveitou moi ben os espazos que deixaban os baieses atrás, e tivo tres contras que acabaron con dous goles. Xa perdoou nunha internada, que despois de recortar a Norberto disparou e atallou ben Dani (min.72). Pero catro minutos despois aproveitou un pase en profundidade para adiantarse á saída de Dani e picarlle o balón e poñer o 1-0 (min.76). Puido empatar o Baio nun centro chut do debutante Iván Rojo, ao que non chegou por centímetros Josiño na boca de gol (min.85). E nunha nova contra, presentouse o Cordeiro na área visitante, e tras unha indecisión defensiva, o balón chégalle a Bustelo, que tras xirarse bate a Dani (min.87), e poñía o definitivo 2-0. Non houbo tempo para máis, e os locais levaron o partido en dúas contras e conseguirían deixar o Baio seis puntos por abaixo na clasificación.
O resto da xornada
O partido da xornada xogábase no Camballón, e o Piloño impúxose no derby ao Agolada, arrebatándolle así o liderato; tras chegarse ao descanso sen goles, a expulsión de Canutas nada máis reanudarse, e o gol de penalti de Santi, decidiu o partido, marcando dez minutos despois Matías para poñer o definitivo 2-0. Este marcador facía que os agoladenses perdesen a segunda posición, que é agora por goles para o Bastavales, que hoxe gañáballe ao Puebla, que non acaba de arrancar; Raúl Insua adiantou aos locais, para empatar Pap antes do descanso, pero medidado o segundo tempo a recente fichaxe Adrián Beiroa poñía o 2-1. Empatado con Bastavales e Agolada está o Flavia, que sacou un empate de Berdillo, logo de adiantarse en dúas ocasións: ao comezo do segundo tempo Esparís marcaba para os padroneses, pero empataba Diego Varela, e ao gol de Brais respondiu Dani Pena para o 2-2- final.
O Soneira-Bertamiráns tamén se presentaba interesante, pois os dous equipos proceden da Preferente e estábanse amosando como candidatos a estar arriba. Tras un dobrete de Basti e de Cacho, o partido resolveuse nos minutos finais, con goles de Bruno e de Juan en propia meta, para que os puntos quedasen en terras soneiranas. A Silleda chegaba o Unión con ansias de seguir no grupo perseguidor, e tivo que remontar os dous goles de Rubén na primeira parte para os locais, que foron neutralizados por outro dobrete de Adrián, e Saviola a dez para o final deulles a vitoria aos de Asados. O Lalín tamén se viu na primeira parte dous goles abaixo na súa visita a Sigüeiro, pois Juanito e Chema adiantaran aos locais, pero no segundo Richi e Matelo, este no desconto, lograron a igualada.
En Fisterra debutaban dous adestradores, e Noé levou o gato á auga sobre Barca, e o Fisterra impúxose na segunda parte cun dobrete de Víctor en cinco minutos, ao que non puide responder o Tordoia, e máis despois de quedar con dez pola expulsión de Dubra, e ao remate Roa puxo o 3-0 definitivo. E Ribeira o cadro local e o Chaián empataron a un gol, con tanto para os locais do xuvenil Juan Rial, e empate de penalti convertido polo seu goleador Jacobo López a dez para o final.
Tras estes resultados, como dixemos, o Piloño volve ao liderado, secundado a dous puntos por Bastavales, Agolada e Flavia, e a catro está o Soneira. Pola parte baixa, o Baio cae a descenso, logo de verse superado por Fisterra e Sigüeiro, continuado o San Lorenzo e o pechacancelas Tordoia nas mesmas últimas posicións da semana anterior. Na táboa de goleadores, o lalinense Richi lidera agora en solitario con 10, tras non marcar Madiop (At. Ribeira), que queda con 9, nin tampouco Camba (Lalín), con 8. Achégase a eles, tras o seu dobrete, o soneirán Basti, con 7.