UNHA LIGA DE MOITOS GOLES E BRILLANTES GOLEADORES

Un total de 1.181 goles se marcaron esta temporada na Liga da Costa, o que supón unha media de 3’86 goles por partido, moi cerca dos números acadados na excelente pasada temporada (1205 goles e 3’94 de media). 229 xogadores lograron marcar polo menos un gol na portería contraria, destacando Cee, Coristanco e Esteirana con 16 goleadores distintos, mentres que no lado contrario están Corcubión e Monte Louro, con só 10 xogadores que lograron marcar. Marcáronse un total de 20 goles en propia meta, sendo o Ponteceso o máis afortunado, pois 6 dos seus goles foron anotados por xogadores rivais.
A nivel de clubs destacou o SD San Lorenzo, que, con 107 goles, foi o máximo realizador do campionato, cifra esta que supón a 6ª mellor cifra na historia da Liga da Costa, e bater o récord do propio equipo que estaba nos 104 da temporada pasada. Tamén superou o centenar o Corme CF, e os 101 goles colócano no 10º posto histórico, sendo tamén marca propia. Pola parte contraria, na dos encaixados, os 118 goles que recibiu o SD Laxe sitúano na 12ª posición, empatado co Volantes de Baño da temporada 15-16. Evidentemente, ningún dos tres rexistros desta temporada figuran nos primeiros postos en canto a porcentaxes.
En canto ao apartado goleador individual, o protagonista da temporada foi o cormelán Alejo, que sumou a excelente cifra de 56 goles, colleitados en igual número na primeira e na segunda volta. Tal cantidade de goles supón a segunda marca histórica da Liga da Costa, moi preto dos 61 do fisterrán Isidro da 91-92, aínda que neste caso a liga disputábase en 26 partidos fronte aos 34 actuais. Tamén é moi destacable a cifra alcanzada polo baiés Martín MC, pois os seus 44 golescolócano no cuarto posto histórico, por detrás dos xa indicados e os 52 de Isidro na 92-93. O dianteiro baiés mellorou na segunda volta os marcados na primeira. O terceiro posto do podio desta campaña ocupouno o baiñés Pablo Muíño, que tras apenas participar na primeira volta, marcou 20 goles na segunda, para sumar un total de 25. O equipo máis goleador, o San Lorenzo, presenta cinco xogadores entre os 20 primeiros goleadores, con Fuentefría 4º, Juni 5º e Parafita 6º.
     
Un total de 37 hat-tricks se conseguiron esta campaña, destacando neste feito os dous máximos goleadores, pois tanto Alejo como Martín MC conseguiron nada menos que cadanseus 7. Dous xogadores, Fuentefría e Pablo Muíño, lograron cadanseu póker ao marcar catro goles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *