Tres goles, tres puntos, tres goleadores

C.D. BAIO 3 – PRAÍÑA SP. C. 1

Comezou a segunda volta da liga na Primeira Galicia e o Platas Reinoso recibiu por vez primeira na súa historia ao Praíña Sporting Club, de Pontevea, que veu acompañado de bo número de afeccionados, que a pesar da tarde fría deixaron unha boa entrada, con preto de 200 persoas nas bancadas. Quería o club baiés resarcirse ante a súa afección do mal partido anterior e conseguiuno a medias, cun bo resultado, pero con maior sufrimento do agardado, pois estivo por momentos moi deslabazado no seu xogo. Pode servir de escusa a praga de lesións -o que fixo que algún tivese que adaptarse a posicións que non son as súas habituais-, o que non permita unha continuidade no xogo, pero tamén pode ser o típico baixón que teñen todos os equipos. Por iso foi importante sumar os tres puntos, conseguidos con tres goles marcados por tres futbolistas distintos -e ningún deles Martín MC-, con especial relevancia para Moreno e Bieito que non se destacan nesta faceta a pesar das súas condicións para facelo.

Comezou ben o partido, pois practicamente na primeira ocasión importante, o Baio lograba adiantarse no marcador, pois un gran centro desde a banda que no segundo pau remata de cabeza Iván Rojo cruzándolle o balón ao pau contrario ao porteiro (min.11). O Baio pasou a controlar o xogo, e só faltaba atopar o último pase con claridade para chegar con máis perigo á portería de Luis. Pero pouco a pouco o Praíña veuse arriba e a chegar á área de Dani, aínda que non lograba crear perigo, salvo nalgún lanzamento a balón parado. Pero cando se estaba chegando ao descanso, un balón entre liñas sobre Javier Sánchez aprovéitao para marcar o empate, tras picar con clase o balón sobre a saída de Dani (min.43). Con este resultado chegábase ao descanso, e na bancada temíase que sucedese o mesmo da última xornada ante o Chaián.

Pero nada máis iniciarse o segundo tempo chegou o segundo gol local, nun libre directo lanzado por Moreno, que supera a barreira e introdúcese o balón na meta de Luis pegado ao poste (min.47). Supuxo algo de tranquilidade na escuadra local, que pouco a pouco se foi asentando e mostrando mellores sensacións, pero non foi ata mediados deste período cando parecía ter de novo o partido no seu poder. Con todo, a sentenza non chegaba e o Praíña creaba intranquilidade no balón parado, e foi logo dun lanzamento de esquina, no que o balón é rexeitado pero volve á área e tras controlar un dianteiro visitante e querer revolverse para tirar é derrubado e o colexiado sinala penalti. Encárgase do lanzamento o ex do Estradense Gato, pero o seu disparo vaise fóra a rentes do pau (min.80). Parece que o penalti lles meteu o medo no corpo aos locais e afundiu un pouco aos visitantes, pois nos seguintes minutos o Baio puido sentenciar, e sentenciou de feito o partido. Tivo o gol na súa cabeza Bieito, pero o seu remate no segundo pau foi sacado por un defensa cando se coaba o balón (min.85), pero tres minutos despois non errou ao recoller un balón na frontal e colocalo de forte lanzamento na escuadra sen que o porteiro puidese facer nada para impedir o terceiro dos baieses, e poñer o punto final ao partido.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Rubio (Álex Varela 66), Yago, Peke, Pablo, Norberto, Bieito, Moreno (Sergio 72), Iván Rojo, Santi Díaz e Martín MC. Polo Praíña Sp.C.: Luis, Róber, Diego Salgueiro (Fer 63), Ameijeiras, Toni Márquez, Pegaso, Tito, Álex Touceda, Gato, Javier Sánchez e Román. Vitoria sufrida do Baio ante un bo conxunto o do Praíña, que tamén chegou escaso de efectivos e que por riba se lle lesionaron dous xogadores no transcurso do encontro. Esta vitoria ten que dar tranquilidade ao Baio para afrontar os vindeiros partidos ante rivais da zona alta e tratar de ir recuperando xogadores para este duro tramo. O Baio mantense no quinto posto, mantendo a mesma distancia cos de arriba, pero aumentando cos seus perseguidores. Precisamente, o sexto na clasificación, o CF Dumbría, é o próximo rival dos baieses, nun bonito derby no Conco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *