Tarde de sol, chuvia de goles

C.D. BAIO 4 – C.D. LALÍN 4

Tarde de sol en Baio que trouxo moita xente ao Platas Reinoso, con máis de 200 persoas nas bancadas, aproveitando tamén para ver un dos clásicos do fútbol galego, como é o CD Lalín. E abofé que non se aburriron os espectadores, pois ata oito goles se puideron presenciar no partido deste domingo, nun choque no que os dianteiros foron moi superiores aos defensores. Porque ademais dos goles, houbo varias ocasións claras máis para que o resultado final fose de auténtico escándalo. No aspecto goleador destacaron, claro está, Martín MC por parte local, e Camba polos visitantes, que marcaron cadanseu hat-trick.

Principiou o partido practicamente co Lalín por diante no marcador, pois aos 3 minutos Camba recollía un balón no punto de penalti e colocábao no ángulo para inaugurar o marcador. Con este gol os lalinenses fixéronse amos e señores do partido, e as súas chegadas á área baiesa eran continuas. Sen ter ocasións moi claras o perigo roldaba a meta de Dani, e nunha delas Mario rexeita practicamente baixo paus un remate de Pitu despois do saque dun córner (min.17). Pero tras uns vinte minutos de dominio absoluto, unha gran combinación entre Isaac e Martín MC, e pase deste en profundidade sobre Santi Díaz, que este rematou e sacou José Ramón a córner (min.22), supuxo a primeira gran ocasión dos locais e tamén un punto de inflexión no devir do encontro. Perdéronlle o medo os baieses aos rivais e pouco despois chegaría o empate, nun balón en profundidade de Martín de novo sobre Santi Díaz, que agora si logra bater a meta rival cun disparo cruzado (min.22). A partir de aquí o Baio fíxose co control do partido e aproximouse con máis perigo á meta rival e minimizou as chegadas dos dezanos. Tivo a súa oportunidade clara nun doble remate de Martín MC, a segunda nun intento de vaselina, pero atallou o porteiro (min.39). Con todo, o Lalín tivo a súa nun balón perdido na saída baiesa, pero o remate de Brais foise alto (min.43). E do gol perdoado polos lalinenses chegou o gol local, ao aproveitar un erro defensivo dos visitantes, que permitiron que o balón chegase a Martín MC e bateu por baixo a José Ramón (min.44) e puxo o 2-1 xusto antes de chegar ao descanso.

Nada máis saír dos vestiarios puido sentenciar o Baio cun balón de Martín MC sobre Santi Díaz, pero o seu remate coa zurda a contrapé sae mordido e atalla o porteiro. E do perdón local chegou o empate visitante, ao aproveitar Camba un centro de Brais (min.50). Pero non se veu abaixo o equipo local, pois catro minutos despois Martín volvía meter un gran pase en profundidade sobre Martín MC, que definiu moi ben no man a man e puxo o 3-2. A partir de aquí o Baio parecía controlar o partido, pero a calidade dos homes de arriba do Lalín levaba a intranquilidade á bancada local. E precisamente a calidade de Richi, nunha xogada illada, permitiulle ao Lalín empatar cun bo tiro desde a frontal (min.72). E practicamente acto seguido chegou un novo gol visitante, cun remate de cabeza de Camba no segundo pau (min.74). E non se arredou o Baio e seguiu intentando chegar ao gol, e tras unha boa xogada de Peke -quizais o mellor sobre o céspede hoxe no Platas- que filtra para Martín MC, que bate ao porteiro polo primeiro pau (min.79). E dúa ocasións máis tivo o Baio nos minutos finais, a primeira tras xogada por banda e balón en profundidade sobre Adrián que se presenta na área e tras pase da morte sobre Martín MC, o remate deste é sacado por un defensa baixo paus (min.85); e xa no último minuto balón roubado sobre a defensa lalinense, e Martín en boa posición non consegue enganchar ben o disparo e o balón váiselle desviado (min.93).

Con esta oportunidade rematou o partido, cun empate que deixa sensacións contrapostas, nun partido que puido gañar calquera, e que se resolveu cun punto para cada un, que dá mostras do poderío ofensivo que atesouran estes equipos mais tamén afloran as súas carencias en moitos aspectos. A vindeira semana toca render visita ao sorprendente líder, o Bastavales, que tras ascender a temporada pasada está demostrando que a solvencia coa que gañou a súa liga da 2ª Galicia era debido á calidade dos seus xogadores.

Ficha do partido da FGF

O resto da xornada

Efectivamente, temos que falar do líder Bastavales, que se impuxo na súa visita ao campo do Tordoia cun gol en cada tempo, e son xa cinco as vitorias consecutivas. Empatado a puntos con eles segue o Piloño, que conseguiu vencer pola mínima na súa visita a Bertamiráns. A un punto deles continúa o Soneira, que sumaba a súa cuarta vitoria consecutiva ao vencer no difícil campo do Unión, tras adiantarse co gol de Basti, e reacionaba moi ben ao gol de Saviola, marcando Pichi ao minuto seguinte. No derby entre o Flavia e o Cordeiro impuxéronse os locais grazas a un solitario gol do veterano Adrián Nieto, o que lles permite aos de Camilo Perol seguir na loita. Loita na que continúa o Agolada que venceu no partido da xornada ao Puebla por 2-1.

Sorprendentes foron as goleadas, que non as vitorias, do Chaián por 4-1 sobre o Fisterra tras unha primeira parte igualada, e o primeiro triunfo do San Lorenzo, neste caso no campo do Silleda, e tamén por 1-4, a pesar de xogar toda a segunda parte cun home menos, e aínda así marcou tres goles e só encaixou nos últimos minutos o cadro verdillés, que tivo en Mario, cun hat-trick, o seu home clave. En Ribeira, o Atlético remontou o gol inicial de Ale, para alcanzalo na táboa aproveitando a boa xeira de Madiop, que sumou hoxe o seu sétimo gol.

Con estes resultados Bastavales e Piloño mantéñense no máis alto, aínda que está a táboa moi igualada e non hai grandes distancias entre os primeiros. Por abaixo, o San Lorenzo segue pechando a clasificación, pero agora ve máis preto aos seus rivais, pois a un punto está o Tordoia, e a dous o Chaián e o Baio. Na táboa de goleadores, hoxe mollaron os catro primeiros, polo que Richi (Lalín) segue en cabeza con 8 goles, seguido de Madiop (At. Ribeira) con 7, Camba (Lalín) suma 6 co hat-trick de hoxe e Pap (Puebla) leva 5 goles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *