Set navideño

C.D. BAIO 6 – C.F. SILLEDA 1

Tarde agradable para presenciar o partido de fútbol entre o CD Baio e o CF Silleda da 1ª Galicia, nunha xornada dominical que tivera a previa da feira e da polbeira na carpa do Concello. O partido non tivo máis historia que unha sucesión de goles e un resultado final que se pode considerar escaso para as moitas oportunidades que tiveron os locais, sobre todo na segunda parte. A noticia desagradable foi a lesión de Martín MC nun xeonllo, que veremos como evoluciona esta semana.

Foi o propio Martín MC o autor do primeiro gol, ao aproveitar unha indecisión do porteiro visitante Lázara (min.12). Algunhas ocasións máis antes da lesión de Martín, pero non se veu abaixo o equipo local e seguiu atacando. E aí chegou o segundo, obra de Moreno (min.36). Pero axiña se meteu o Silleda no partido, cun disparo do seu dianteiro Rubén Fernández (min.41), aínda que o equipo baiés tería tempo para sentenciar o encontro nesta primeira parte, con dous goles de Santi Díaz (min.44 e 47).

O Silleda non deu mostras de ir polo partido tras o descanso, e baixou os brazos, o que aproveitou o Baio para mover o balón e aproveitar a velocidade do balón e de xogadores como Santi Díaz, que errou dous mans a mans con Lázara, que se converteu no salvador do seu equipo para que a goleada non fose maior. Aproveitou o míster Diego para dar entrada a xogadores que tiveran menos minutos esta temporada, e cambios de posicións nalgúns deles, que aproveitaron con éxito, como é o caso de Adrián Lema, que como extremo esquerdo foi un verdadeiro encordio para a defensa silledense. Tería varias ocasións Adrián Lema antes de marcar o quinto nunha xogada individual, batendo por baixo ao porteiro na súa saída (min.68). Puideron Bieito, nunha deixada de Adrián, ou Rubio, nun disparo desde fóra da área que saíu lambendo o traveseiro, aumentar a renda. Pero sería Josiño o que marcase o sexto dos baiseses, aproveitando un rexeite de Lázara (min.84).

Set dos baieses que lles permite seguir subindo na táboa, colleitado contra un Silleda que deixou unha pobre impresión na tarde de hoxe. O Baio aproveitará o descanso de Nadal para xogar o partido suspendido da semana pasada e o sábado 30 desprazarase a Ribeira para xogar na Fieiteira.

Polo CD Baio xogaron: Dani (Adrián Vázquez min.80), Isaac, Yago, Mario, Adrián Lema, Martín (Pablo Novo min.65), Peke, Moreno (Ramón min.60), Rubio, Santi Díaz (Josiño min.69) e Martín MC (Bieito min.28). Polo CF Silleda: Lázara, Asier, Álex, Souto (Esteban min.36), Vilas (Cristian min.44), Alan, Manu, Rubén Matos, Martín, Richi e Rubén Fernández.

O RESTO DA XORNADA

Segue o man a man entre o Agolada e o Piloño na cabeza da clasificación e na xornada deste domingo os dous gañaron con solvencia. No Hospitalillo o Agolada tivo que sufrir máis do que indica o marcador, pois tivo que agardar case unha hora para marcar ante o At. Ribeira; co gol de Aitor, xa todo foi máis fácil e despois sentenciarían Rubén e Álex. No Camballón, partido de tolos na primeira parte entre o Piloño e o Cordeiro, con festival de goles nos primeiros minutos. Adiantáronse o visitantes con gol de Gabri, pero axiña empatou Zequi, pero Xenxo ao minuto seguinte volveu poñer por diante ao Cordeiro, pero Matías, por partida dobre deulle a volta ao marcador, e Víctor, de penalti, marcaría o cuarto antes do descanso; no segundo tempo, só houbo un gol, obra de Zequi, para poñer o 5-2 definitivo. Tras eles segue un Unión, que se mostrou intratable na súa visita a Tordoia, con goles de Juanma e Saviola na primeira parte, e de xabi e Tubío na segunda.

Sorprendente foi a derrota do Flavia na súa visita sabatina ao Lino Balado, a pesar de adiantarse no marcador con gol de Juancar ao pouco de iniciarse o partido, pero á media hora empatou Arturo; no segundo tempo, Pepe Cidranes marcaría un dobrete para deixar os tres puntos en Sigüeiro. Supera agora aos padroneses o Bastavales, que se impuxo a un Fisterra que estivo no partido ata o final; Laba marcou no primeiro cuarto de hora, e non sería Viti que marcase o segundo xa no desconto do partido, no que era expulsado o dianteiro local Julián Nieto. O Lalín impúxose ao Soneira grazas a dous goles conseguidos mediada a primeira parte, obra dos seus pichichis Camba e Richi, o que lle permite seguir enganchado ao grupo cabeceiro. O Puebla, no campo de Cadreche, impúxose con claridade ao San Lorenzo, grazas aos tempraneiros goles de Pap e Diego Rivas; no segundo tempo aumentaron a vantaxe Espi e Viturro, para recortar distancias o equipo verdillés cun autogol de Treus, e contra o final Viturro marcaría o seu segundo para poñer o 5-1 final. E por último, Bertamiráns e Chaián empataron no seu partido, con goles na primeira parte, obra de Jacobo López para os visitantes e empate de Julio Diaz.

Con estes resultados o Agolada e Piloño colideran a táboa con dous puntos de vantaxe sobre o Unión e tres sobre o Bastavales; a cinco está agora o Flavia e a seis o Lalín. Os cinco últimos clasificados mantéñense pois todos eles saíron derrotados, co que Sigüeiro, Baio e Chaián aumentan a vantaxe sobre a zona perigosa. Silleda, Fisterra e San Lorenzo ocupan as tres prazas de descenso directo, con Tordoia e At. Ribeira por riba deles. Na táboa de goleadores, os lalinenses Richi, con 14, e Camba, con 11, seguen na cabeza; tras eles Jacobo López (Chaián) e Pap (Puebla) alcanzaron a Madiop (At. Ribeira) na terceira posición, con 9.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *