A Historia
O domingo o CD Baio viaxa ata Agolada para disputar unha xornada máis da 1ª Galicia, no seu Grupo 2. A SD Agolada compite dende a temporada 1997-98, aínda que non de forma consecutiva. De feito, estivo as súas dúas primeiras campañas na 3ª Rexional e logo deixou de competir durante cinco anos, para volver na 2004-05 de novo na 3ª Rexional. Tras cinco campañas o subcampionato da 2008-09 valeulle o ascenso á Liga do Sar. Tras asentarse nesta categoría na 2009-10, ao ano seguinte chegou o subcampionato que lle deu opción de xogar a promoción de ascenso, pero tras superar ao Bertamiráns B, non puido co Carral. Non puido ascender na campaña 2011-12 a pesar dos moitos ascensos pola creación dun novo grupo na 1ª, pero na 2012-13 foi de novo subcampión e na promoción puido conseguir o ascenso, xunto co Baio, deixando eliminado ao Sálvora ribeirense. Debutaba na 2013-14 na 1ª Autonómica semiprovincial, acumulando cinco temporadas consecutivas nesta categoría. Nunha delas, na 2016-17, estivo a piques de ascender á Preferente, pois o seu segundo posto deulle dereito a xogar a promoción, pero nesta non puido superar ao San Tirso. Pero si o logrou na 2017-18 tras proclamarse brillantemente campión de liga, polo que xogou a temporada 2018-19 na Preferente, non logrando manterse na categoría e volvendo para a presente campaña á 1ª Galicia. Polo tanto, leva a SD Agolada 18 temporadas competindo, divididas entre as 7 da 3ª Rexional, 4 na Liga do Sar, 6 na 1ª Autonómica e 1 na Preferente.
Esta é a sexta temporada na que coinciden os dous clubs, cinco delas na 1ª Autonómica e a previa na fase de ascenso a esta categoría. Polo tanto, o seu primeiro enfrontamento foi na temporada 2012-13, e o 20 de maio de 2012 tivo lugar ese partido no Hospitalillo, con vitoria local por 2-1. Xa na competición provincial, na 2013-14 o seu primeiro partido en terras dezanas acabou co empate final (1-1), mesmo resultaddo que se deu na 2014-15; e na 2015-16 o Agolada gañou por 2-1. A última visita do Baio a Agolada foi na temporada 2017-18, e o cadro dezano volveu vencer, neste caso por 2-0. Polo tanto, o Baio non foi capaz de gañar nunca no Hospitalillo, pero puido conseguir o empate en dúas ocasións, con tres derrotas. As estatísticas xerais son tamén favorables ao club agoladense, pois o Baio só lle logrou gañar nunha ocasión, con cinco empates e catro derrotas para os baieses.
O partido do domingo
A SD Agolada volveu esta temporada á 1ª Galicia despois do descenso da Preferente, e fíxoo con moitos cambios no seu cadro. Segue todo un seguro nos bancos como é Luis Pichel aos mandos, e tan só 10 xogadores continúan do equipo da campaña pasada, algúns xa clásicos como o porteiro Rafa, xunto cos Rubén Areán, Santi, Jacobo, Brais ou o goleador Aitor (autor de 20 goles na Preferente). Para completar o plantel chegaron 12 fichaxes, moitas delas moi novas, como os aínda xuvenís Álex Fernández (EF Lalín) e Oliver (Cire Melide), e desde equipos xuvenís proceden Xavi Rendo (Compostela) e da EF Lalín: David Coego, Álvaro, Cristian e Francisco. Fichou ao porteiro do Cire Melide, Rubén Nogueira, e volveron ex-xogadores, como José Tovar ou Pablo Rodríguez, e outros que estaban sen xogar como Pablo Vicente ou Jorge Mathias.
Conta na actualidade con 22 fichas, dos que Pichel usou 19 xogadores, dos que dous deles foron titulares en todos os partidos: son o porteiro Rubén -que xogou todos os minutos- e mais Joel -deixou de xogar 7 minutos-. Aitor xogou un partido menos e Jacobo faltou a dous; con 11 saídas no once están David Coego, Pablo Rodríguez e Bieito. Os outros postos repártense entre Cristian, con 10 titularidades, José Tovar, Brais, Xavi Rendo, Oliver, Alexandre Sánchez, Álvaro, Santi, e menos minutos xogaron Jorge e Francisco, e apenas tiveron intervención Pablo Vicente e Rubén Areán.
Actualmente a SD Agolada ocupa a 14ª posición, con 13 puntos, colleitados mediante 3 vitorias e 4 empates, con 7 derrotas. Como local presenta uns números lixeiramente peores que como visitante, pois só sumou 6 puntos no Hospitalillo, por 7 como visitante. Unha vitoria e tres empates na casa, con tres derrotas: At. Ribeira (0-1), Mazaricos (1-1), Esclavitud (2-1), Soneira (2-3), Praíña(2-3), Unión (0-0) e Lalín (1-1). No apartado goleador os seus números son exactamente os mesmo como local e como visitante: 8 a favor e 10 en contra, para facer un total de 16 marcados e 20 encaixados. O seu máximo goleador é Aitor, con 5 goles, seguido polo xuvenil Oliver, con 3; levan 2 Brais, Alexandre Sánchez e Pablo Rodríguez, e os outros dous foron logrados por José Tovar e Jacobo.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
S.D. AGOLADA – C.D. BAIO
Domingo 15 de decembro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 14:00 horas.
Campo: Hospitalillo (Agolada).
Árbitro: Rubén Rodríguez Vaamonde.
Asistentes: Iván Martínez Sequedo / Iria García Liste.