“Sabía que ía volver ao Baio” Diego Mallo

Diego Mallo

Diego Mallo (Basilea, 1995) chegou a este club fai tres anos, conseguindo gañar a Liga da Costa na única temporada que estivo con nós. Dúas temporadas despois volve con outra liga no peto, neste caso de Terceira Rexional, sen perder un só partido e nomeado o mellor porteiro da Costa da pasada campaña.

Aínda que a maioría xa te coñecemos, poderías resumirlle o teu currículum deportivo aos últimos en sumarse á familia?

A verdade é que, para os anos que teño, é bastante extenso. Xoguei case toda a base no Bergantiños excepto un ano, que xoguei no Montañeros. Sendo xuvenil tiven a sorte de debutar en Terceira División e en Preferente co Bergantiños e, ao acabar xuvenís, disfrutei un ano no San Lorenzo. Ao rematar este primeiro ano de sénior chamoume un coñecido do Baio e un dos mellores adestradores, Félix, co que disfrutei un ano en Preferente co Laracha. Cando rematou esta etapa chamoume Chino, onde gañei a primeira Liga da Costa co Baio. Saín do Baio e fun para a terra da pataca dous anos, os meus dous mellores anos futbolísticamente falando, onde gañei a liga de Terceira Rexional. E, agora, volvo á que foi a miña casa durante un ano, o Baio!

No 2016 chegabas ao CD Baio e, na única temporada que estiveches con nós, conseguías darnos unha liga. É difícil tomar a decisión de saír dun club ante esta situación?

Pois a verdade que sí, non me gustou marchar da maneira que marchei, gustaríame disfrutar da Primeira Rexional ese ano pero o fútbol é así ás veces. O importante é que estou de volta e o fútbol quixo que disfrutara da Primeira por primeira vez. E, quen o ía dicir, no Platas co Baio.

Nese momento, imaxinabas que volverías tan pronto?

Sabía que ía volver ao Baio porque é unha familia na que estiven moi cómodo e na que disfrutei xogando, sobre todo, ó lado de xente como Mc, ó que lle teño moito aprecio e admiro moito. É un dos culpables da miña volta.

Esta pasada temporada gañas outra liga co Coristanco sen perder nin un só partido, e saes elixido mellor porteiro da Costa na gala do fútbol que se celebra cada temporada. Con eses números habería máis equipos interesados, por que decides volver a esta casa?

Os grandes culpables deses premios individuais e deses números son a familia do Coristanco, que nunca olvidarei; sen eles, eses números serían imposibles. Sí que houbo equipos interesados, pero a oferta do Baio e a insistencia e ganas de que volvera por parte da directiva e do capitán decantáronme por volver ao Platas.

A túa característica camiseta rosa co número 25 quedou agardando ata que volviches recuperala. Ten algún segredo escoller esa cor e número?

Pois a verdade é que dende que levo o 25, que foron tres temporadas, gañei dúas ligas de tres posibles. Por iso este ano quixen volver a repetir ese numero e esa cor, quen sabe (risas).

Primeiro partido de liga e primeiro MVP da temporada, elixido mellor xogador do partido tanto pola afección como polo club, incluído un penalti detido aos quince minutos de xogo. Hai que preocuparse se un porteiro é o xogador máis destacado do partido ou pode estar tranquila a afección?

Eu creo que porque destaquen a un porteiro nun partido é como se destacaran a un xogador, porteiro e xogador teñen a mesma importancia. Non creo que España estivera preocupada cando Casillas foi o mellor en todos os partidos do Mundial… así que diría que poden estar tranquilos.

A nivel individual, como afrontas a temporada que acaba de comezar?

A nivel individual afróntoa con moitas ganas xa que nunca xoguei nesta cateogoría, e teño ganas de superar os números do ano pasado.

Como estás vendo o equipo? Notas moita diferencia respecto a fai dúas temporadas?

Máis que un equipo vexo a un grupo de amigos, algo moi importante para que un equipo poida cumprir os seus obxectivos. Creo que o traballo que está facendo Pablo día a día é espectacular, a intensidade de cada adestramento é brutal!!!

Cal cres que debe ser o obxectivo? Como valoras esta pretemporada e comezo de liga?

Pois o obxectivo deste ano vai a ser ir partido a partido e asegurar a permanencia o antes posible, e despois xa se verá. Non foi o mellor comezo de liga pero isto acaba de comezar, queda moito por diante.

Vendo o panorama, cales cres que serán os favoritos ao título?

A verdade é que non sei como está a Primeira Rexional, como dixen antes, é o meu primeiro ano nesta categoría. Vin o Soneira e paréceme moi bo equipo, e do Flavia tamén escoitei boas referencias.

Tes algunha espiña ou obxectivo que marques conseguir con este club?

A nivel individual quero volver a estar nominado entre os 3 mellores porteiros da Costa ó final da temporada, e a nivel grupal acabar o máis arriba posible!

Para rematar, gustaríache deixarlle algunha mensaxe á afección?

Si, só pedirlle que estean tranquilos, que queda moita temporada por diante e moitas alegrías. Quero pedirlles que volvan coas mesmas ganas que viñeron este domingo e que volvan a animar como animaron este partido, porque para nós é un orgullo contar con semellante afección.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *