Remontada e sufrimento. Isto é a Copa da Costa

C.D. BAIO 2 – S.D. SOFÁN 1

Tarde calorosa do sábado para ver un auténtico partidazo da Copa da Costa entre dous equipos que realizaron un gran torneo ligueiro. A SD Sofán, que perdera a final da pasada edición no Platas Reinoso no lanzamento de penaltis, volvía a este campo para enfrontarse ao propietario do terreo, o CD Baio. Unhas trescentas persoas nas bancadas viron un entretido partido, con máis ocasións no segundo período e con emoción ata o final.

Moito respecto no tramo inicial do partido, no que o Sofán se fixo coa posesión do balón e o Baio pretendía saír á contra, coa velocidade dos seus dianteiros. As ocasións no primeiro tempo ben se poden contar cos dedos dunha man, e os porteiros apenas viron perigar a súa meta. Intentouno Martín MC por parte local e Raúl pola visitante, pero os dous con pouco éxito. A expulsión de Rubio por unhas protestas desde o banco foi o contrapunto á deportividade do choque. E cando xa parecía que se ía chegar ao intermedio co marcador inicial, un duro disparo desde fóra da área de Alexandre, batía no poste e entraba na portería tras rebotar no lombo de Dani (min.43).

A segunda metade trouxo un Baio máis ambicioso, e aínda que Alexandre tivo unha oportunidade para repetir, foi o conxunto baiés quen sacou tallada. O míster local fixo un cambio ofensivo, quitando un dianteiro como Iván Rojo polo central Álex Varela e reactivouse o ataque. Porti entrou máis en xogo e unha falta cometida sobre el aproveitouna o Baio para sacar rápido sobre Bieito, que se interna na área e o seu centro é cortado coa man por Rubén. O conseguinte penalti encárgase de marcalo Martín MC (min.62). Acto seguido puido ampliar o marcador o dianteiro baiés, pero o seu disparo coa zurda ante Rumbo fóiselle fóra. Pero non perdoou o propio Martín MC, tras un gran pase en profundidade de Bieito, no que o goleador local se foi en velocidade dos centrais e coloca o balón pegado ao poste ante a saída de Rumbo e marcaba o 2-1 (min.65). Duro golpe que sufriu o cadro sofanista que parecía moi tocado e non lograba poñerlle remedio. Intentouno Iván Cancela metendo máis pólvora arriba, pero puido ser o ex do Sofán Iván Rojo quen sentenciase o partido nunha boa internada na área, pero tras desfacerse dos dous centrais, o seu disparo logra desvialo Rumbo nunha grande intervención. Os minutos finais foron moi emocionantes, como unha eliminatoria copeira deste nivel merecía. O Sofán foise con todo arriba e tivo dúas claras ocasións que non entraron de milagre, sobre todo un balón colgado nun córner, que tras unha prolongación, chega ao segundo pau no que intentan rematar tres xogadores visitantes, e ao final Alexandre mete o pé e o coiro vaise fóra. Xa no último minuto da prolongación, Raúl disparou en posición franca pero Dani fixo unha grande intervención e detivo o balón.

Con sufrimento e emoción, o Baio logrou eliminar ao gran favorito desta edición da Copa da Costa, nun encontro dos que fan afección. Por parte baiesa hai que destacar a volta, tras lesión de longa duración de Álex Varela e Javi Suárez, e tamén a de Iván Rojo, aínda que este estivo menos tempo fóra dos terreos de xogo.

Polo cadro baiés xogaron: Dani, Isaac, Yago, Álex Varela (Iván Rojo 54), Damián, Norberto, Álex Figueiras (Moreno 73), Peke, Bieito, Porti (Javi Suárez 81) e Martín MC. Pola SD Sofán xogaron: Rumbo, Sera, Antonio, Rubén (Iván Rey 68), Pablo, Iván Canedo, Fabián, Camilo (Quintela 71), Alexandre, Parafita (Matías 75) e Raúl. Tras este triunfo o Baio enfrontarase nos oitavos de final coa SD Buño o vindeiro venres, de novo a partido único, pero nesta ocasión seremos os visitantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *