Que ben se nos deu sempre a Pedra do Ouro

A Historia

O domingo o CD Baio viaxa ata Pino de Val para enfrontarse ao Mazaricos CF, nun derbi costeiro que se deu poucas veces na historia. O equipo mazaricán foi fundado en 1991, e comezou a competir na Liga da Costa (2ª Rexional) nesa campaña 1991-92. Na terceira temporada, a 1993-94, o Mazaricos proclamaríase campión da Liga da Costa en dura competencia co CD Baio, aínda que os dous acabarían ascendendo. Xogou, logo, a campaña 1994-95 o Mazaricos na 1ª Rexional provincial, mais os resultados non foron bos e pechou a clasificación e descendeu á 2ª Rexional. Aquí estaría as catro temporadas seguintes, ata que na 1998-99 descende e baixa para a 3ª Rexional. Dúas campañas na máis baixa categoría, remataron co título da 2000-01 e o consecuente ascenso. Mais só logrou estar unha campaña na 2ª e volveu descender á 3ª Rexional, na que estaría nada menos que 9 temporadas consecutivas. Na 2010-11 foi subcampión e ascendeu á 2ª Autonómica, e nela botaría as seguintes 8 campañas, ata na que pasada, a 2018-19 volveu gañar o título e sumar a súa segunda Liga da Costa. Xa que logo, na presente temporada está competindo de novo na 1ª Galicia, neste caso semiprovincial, con ganas de que a experiencia dure máis que na anterior vez. Resumindo as 29 temporadas que leva competindo, son 11 na 3ª Rexional, 16 na 2ª Rexional e esta é a segunda na 1ª. Os seus títulos foron 2 ligas da 2ª Rexional e unha da 3ª Rexional.

Esta é a sexta temporada que coinciden o Mazaricos CF e o CD Baio, a pesar de ser dous conxuntos costeiros. Esta vai ser a segunda na 1ª Rexional, e as outras foron na 2ª. O primeiro partido que xogaron foi o 17 de outubro de 1993, no Pino de Val, e o encontro acabaría en empate (2-2). Na campaña seguinte, a 1994-95, cadrarían na 1ª Rexional e o Baio logrou impoñerse pola mínima (1-2). Habería que agardar ata a 2011-12 para que volvesen coincidir, e foi na 2ª Rexional, e o Baio venceu por 2-3 en terreo mazaricán. Repetiron á temporada seguinte e de novo produciuse vitoria visitante, neste caso por 0-2. A última vez que cadraron foi na 2016-17 e o Baio seguiu impoñéndose no Pino de Val, agora cun solitario gol (0-1). Así pois, as estatísticas mostran cinco visitas baiesas ao Mazaricos, con catro vitorias e un empate, con 10 goles a favor e 5 en contra. As estatísticas xerais, falan de dez encontros, con 8 vitorias do Baio, un empate e un triunfo mazaricán; 21 goles marcados polos baiseses e 10 polos do Pino de Val.

O partido do domingo

O Mazaricos CF, despois de varias campañas facendo boas temporadas, logrou na pasada o ascenso á 1ª Galicia, e nela compite este ano coa intención de facer unha gran campaña. O seu comezo irregular pode vir marcado pola adaptación á categoría, na que non xogaron moitos dos seus compoñentes, pero tamén polos cambios internos que se produciron. O primeiro e máis importante foi a baixa de Roberto Amoedo, o adestrador-xogador que os levara ao ascenso, que causou baixa, deixando o mando definitivo a Chicho Suárez. Ata 14 xogadores continuaban da pasada temporada, polo que se mantiña o bloque campión. Para reforzar o equipo fixeron varias fichaxes, algunhas de categoría. Coa baixa de longa duración do seu porteiro Miguel, chegaron á Pedra do Ouro, os gardametas Dani Varela (Baio) e Toni (Soneira); do Monte Louro chegaba Adri García, e Joseph, con pasado no Lira e At. Ribeira, reforzaban o centro do campo. E para a dianteira unha fichaxe-estrela como era Stefan, procedente do Noia. Coa temporada xa empezada chegarían Jorge Viturro (Palmeira), Ángel (Outes) e Kevin (Xallas), que viñan paliar as baixas que se produciron ao mesmo tempo: a xa comentada de Amoedo, xunto coas de Toni e Stefan. En definitiva, o Mazaricos conta agora mesmo cun total de 19 fichas para competir.

Foron 20 os xogadores usados no que vai de temporada (2 deles foron baixa) e o porteiro Ángel aínda non debutou. Tres deles foron titulares en todos os partidos: Dani Varela, Pereiro e Borja (os dous primeiros xogando todos os minutos); outros tres saíron de inicio en sete partidos: Piki, Mario e Estéfano. Xunto a eles, Cutu e Fran Pose tamén parecen fixos nas aliñacións. Os outros postos son ocupados entre Sergio Barbeira, Raúl, Ricardo ou Adri García. Tamén habería que incluír a Jorge Viturro, fixo desde que chegou, e con menos incidencia tamén poderiamos falar de Joseph e Yago Dosil. Evidentemente, non contamos xa coas baixas, Amoedo e Stefan, e o completan os minutos a recente fichaxe Kevin, que xunto con Carreira e José Alvite son os que menos xogaron.

Actualmente o Mazaricos CF ocupa a 14ª posición, con 8 puntos. Leva dúas vitorias, dous empates e catro derrotas, con 8 goles a favor e 12 en contra. Sorprendentemente estes números baixaan nos partidos xogados como local, pois na casa só logrou 1 vitoria (no primeiro partido contra o Unión, 1-0) e acumula tres derrotas (Piloño, 0-1; Lalín, 0-2; e Flavia, 2-4). Polo tanto, só sumou tres puntos na Pedra do Ouro, con tres goles marcados e sete encaixados. Os seus goleadores son polo momento catro, encabezados por Piki, con 3 goles, seguido de Sergio Barbeira e o ex Stefan, con 2, e Jorge Viturro, con 1, completa o póker.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

MAZARICOS C.F. – C.D. BAIO

Domingo 3 de novembro; 16:15 horas.

Saída de Baio ás 14:15 horas.

Campo: Pedra do Ouro (Pino de Val).

Árbitro: Juan Núñez Fiúza.

Asistentes: Óscar Núñez Mayo / Andrés López López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *