Primeiro partido na historia entre SD O Pino e CD Baio

A Historia

O domingo o CD Baio enfróntase por vez primeira na súa historia coa SD O Pino, o rival nº 139 nos 56 anos de historia do club baiés. Pola súa parte, o conxunto representativo do concello do Pino disputa coa actual a súa temporada 39º, desde que se debutara na campaña 1981-82 na 3ª Rexional. Tras dous anos na 2ª Rexional volve á 3ª outros dous, para regresar á 2ª Rexional na temporada 1986-87, onde se proclama subcampión. Subiría á 1ª Rexional, pero a Federación muda as categorías e toda a Liga do Sar compite agora no Grupo 2A desta división, grupo no que participa O Pino durante catro temporadas, ata que o ente federativo volve ao grupo único da 1ª Rexional e as ligas tradicionais á 2ª Rexional, que é onde vai estar o cadro do Pino nesa temporada 199192 e nas dúas seguintes. Tras o descenso da 1993-94 ao quedar de pechacancelas, vai estar as sete temporadas seguintes na 3ª Rexional, ata que na 2000-01 se proclama campión e ascende de novo á 2ª Rexional. E nesta categoría estaría as seguintes trece campañas, ata que na 2013-14 volve baixar á 3ª Rexional. Na 2014-15 compite na última categoría, á vez que o facía un novo equipo do concello, o Atlético Pino, que vai ser quen consiga subir despois de deixar fóra na promoción de ascenso ao propio SD O Pino. Dous aniños máis estiveron estes no inferno mentres os seus veciños disputaban a Liga do Sar, pero na 2017-18 volvéronse atopar os dous na 2ª Autonómica. Nesta campaña os dous conxuntos lograron manterse, con mellor resultado final para os do Atlético, pero ao remate da campaña este club desaparece e varios membros do seu plantel irían para o reforzado SD O Pino, que logra gañar o campionato da temporada 2018-19 tras dura loita coa SD Villestro. Así logra o ascenso á 1ª Galicia, na que está competindo este ano.

O partido do domingo

A SD O Pino fixo a temporada pasada unha magnífica campaña, proclamándose campión do grupo V da 2ª Galicia, no que sumou 76 puntos, colleitados con 23 vitorias, 7 empates e 4 derrotas, logrou marcar 80 goles e encaixou 31. Os seus números como local son peores que coma visitante, pois no Campo de Reboredo só sumou 36 puntos, pois gañou 11 partidos e empatou 3, con outras tantas derrotas; marcou 41 goles e encaixou 18. O máximo goleador da temporada pasada do Pino, e do grupo, foi Jesús, con 30 goles; a este seguiulle Rubén Ferreiro (con 11) -a pesar de chegar coa campaña empezada desde o Sigüeiro- e Rubén Duro (con 10).

Esta temporada, e a pesar de acabar de ascender, preséntase como un dos favoritos ao ascenso, debido á calidade das súas fichaxes, que se unen a un xa moi bo cadro de xogadores. Da man do seu míster, o arzuán Juan Vidal “Chofri”, o equipo conta na actualidade con 18 fichas do primeiro equipo. Máis da metade do plantel conta con pasado máis ou menos próximo no CSD Arzúa, o que dá boa conta da súa calidade. Esta temporada incorporáronse ao equipo Borja (Milladoiro), Brea (La Salle), Jorge Castro (Villestro), David Enjamio, Miguel e Damián (Arzúa), Dani Iglesias (Arzúa Fútbol Sala) e Johny (Ordes).

Nestas tres primeiras xornadas, nove xogadores foron fixos no once inicial, e cinco deles xogaron todos os minutos. Na portería Borja xogouno todo, un porteiro que aínda que procede da 2ª Galicia, xa disputou a Preferente co Ordes e co Bertamiráns, e mesmo a 1ª co Sigüeiro. Na defensa, a xuventude de Brea, contrasta coa veteranía dun David Enjamio, capitán do Arzúa nestes últimos anos e que na campaña pasada xogou 35 partidos na Preferente; Mosteiro repite campaña no Pino logo de abandonar o Arzúa da Preferente; o mesmo pasa con Julián Bendaña, que xoga por segundo ano no Pino despois de tres na Preferente co Arzúa. No centro do campo, Miguel chegou este ano a Reboredo tras toda a vida no Arzúa, onde disputou máis de 130 partidos na Preferente. Outro que xogou todos os minutos foi Rubén Duro, que chegou procendete do Atlético Pino tras a súa desaparición, o mesmo que lle pasou a Alfonso. E o último en ser titular en todos os encontros, sen perder un minuto ademais, é o seu goleador Jesús, que non hai que descubrilo agora tras os seus moitos anos como goleador en equipos da 2ª como Lamela ou Bastavales, pero antes na Preferente co Bertamiráns ou Estudiantil, e mesmo na 3ª División co propio Bertamiráns e Negreira. Foron titulares en dous encontros, outras das dúas figuras deste equipo, como o centrocampista Dani Iglesias, que estes últimos anos competiu na Liga Galega de fútbol sala, co Arzúa FS, tras deixar o cadro arzúan de fútbol 11, e Johny Cendón, que xogou as dúas últimas temporadas no Ordes da Preferente e anteriormente no Arzúa, co que ascendeu da 1ª á Preferente e nesta xogou tres campañas. Menos participación tiveron Mini, un ex do At. Pino, titular na última xornada; Óscar Bendaña, outro futbolista saída da canteira arzuá, que foi titular no debut co Piloño; Damián, ese veterano que por motivos laborais só puido xogar uns minutos nas primeiras xornadas, e que conta co mellor currículo do plantel, xogando as oito últimas temporada na Preferente no Arzúa, Lalín e Compostela, e incluso co Ourense na 3ª División; e poucos minutos aínda para un home clave a pasada campaña como Ferreiro, e tamén para Xenaro. Dos 18 xogadores quen non se estreou aínda foi Jano, que segue arrastrando a lesión que o apartou case toda a temporada anterior.

En definitiva, un gran equipo que suma xa 7 puntos logo de impoñerse na primeira xornada no Camballón (0-1), na segunda en Reboredo ao Lalín (2-0) e empatar no sempre complicado Souto ante o Flavia (0-0) o pasado domingo. Polo tanto, xa se enfrontou a outros dous dos chamados a estar arriba e saíu ben parado, polo que este domingo teremos un duro rival ao que facerlle fronte. Non podemos escusarnos nas baixas nin nas lesións e é hora de demostrar o que este equipo pode dar de si. Mellor rival quizais non podemos ter.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

S.D. PINO – C.D. BAIO

Domingo 29 de setembro; 18:30 horas.

Saída de Baio ás 16:00 horas.

Campo: Reboredo (Arca-O Pino).

Árbitro: Miguel Teijeiro Fernández.

Asistentes: Óscar González Torres / Paula González Pombo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *