Na Liga da Costa Xuvenil celébrase este sábado a 8ª xornada, logo de se xogase a sétima este xoves festivo. O CD Baio ocupa o 13º posto tras conseguir sumar 7 puntos nos últimos tres partidos, o que vén a premiar o xogo desenvolvido na temporada. O sábado pasado venceu no Platas ao Camariñas por 4-2, grazas a un hat-trick de Anxo e o gol inicial de Mohedano, mentres que o xoves viaxou ata Muros para sacar un empate no partido contra Os Miúdos, con goles de Anxo e Damián. Este vindeiro sábado visita o Platas Reinoso a SD Fisterra, equipo que na actualidade ocupa a segunda posición, con 16 puntos. O equipo fisterrán chega a Baio logo de perder o seu único partido o pasado sábado en Coristanco (3-0), retornando á vitoria co triunfo do xoves ante o Sofán (4-2). Non é un equipo moi goleador, pero si moi seguro atrás, pois encaixou só 9 goles nos sete partidos disputados. Isaac e Aarón, con cinco goles, son os seus máximos goleadores. Polo tanto, vai ser un duro óso para os xuvenís baieses, que non obstante, están demostrando que os resultados iniciais non facían xustiza co potencial deste equipo e que lle poden facer fronte a calquera.
XUVENIL (1ª AUTONÓMICA – GRUPO 2)
C.D. BAIO – S.D. FISTERRA
Sábado 14 de outubro; 16:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: Daniel Martínez Ferreiro.