Previa Xuvenil: CD Baio-Muxía CF/SD San Lorenzo

Volve a Liga da Costa Xuvenil esta semana ao Platas Reinoso e faino por partida dobre, coa visita este sábado do Muxía CF e o vindeiro mércores da SD San Lorenzo, para disputar o encontro suspendido polo temporal. Logo da derrota da semana pasada en Vimianzo ante o Soneira, máis avultada do que realmente foi o transcurso do partido, o equipo baiés ten que volver á senda da vitoria este sábado fronte ao Muxía CF, que ocupa a penúltima posición do grupo. O equipo muxián pechaba a clasificación ata a semana pasada pero a súa vitoria ante o Sofán fixo que adiantase ao Camariñas. Tres vitorias e un empate é o seu balance nos 25 partidos disputados, sendo o equipo menos goleador, con só 30 goles a favor, e é o segundo máis goleado, con 153 (unha media de seis por partido). A vitoria ante o Sofán cortou unha xeira de oito derrotas consecutivas, e agora tratarán de repetir triunfo, polo que os rapaces de Bieito e MC non deben relaxarse como lles acontece moitas veces con equipos da parte baixa.

Pola contra, o mércores a visita do San Lorenzo traerá un dos mellores equipos do grupo, que neste momento figura na segunda posición. O equipo berdillés tratará de manter esta posición para disputar a promoción de ascenso, para o que está en dura loita co Fisterra, co que iguala a puntos, e coa Esteirana, dous por debaixo deles. Ao contrario que os muxiáns, o San Lorenzo é o menos goleado, pois só leva 23 goles na súa contra, por 114 a favor nos 26 partidos que leva disputados. É este o encontro da xornada 23ª suspendida polo temporal, que aproveitamos a semana vacacional para poñer ao día o calendario competitivo.

XUVENIL (1ª AUTONÓMICA – GRUPO 2)

C.D. BAIO – MUXÍA C.F.

Sábado 24 de marzo; 16:30 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Luis M. Insua Lago.

C.D. BAIO – S.D. SAN LORENZO

Mércores 28 de marzo; 18:00 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Iván Ferreiro Santos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *