Previa: SD Piloño-CD Baio

campo piloño

A Historia

O domingo o CD Baio viaxa ata Vila de Cruces para enfrontarse á SD Piloño. Este club fundouse en 1996, polo que esta é a 24ª temporada da súa historia. Tras oito campañas na 3ª Rexional, a maioría delas ocupando postos baixos, na 2003-04 queda subcampión e ascende á 2ª Rexional. Pero só botará nesta categoría un ano, polo que volve baixar á 3ª Rexional, na que estará cinco temporadas máis. Na 2009-10 proclamouse campión e ascende á 2ª Autonómica, na que prolonga os seus éxitos. Na 2010-11 queda cuarto, pero na 2011-12 é subcampión e ascende á nova 1ª Autonómica. E nesta categoría acumula xa sete temporadas consecutivas, as primeiras delas acabando na zona media, pero mellorando nestas últimas. Na campaña 2016-17 rematou na 6ª posición, aínda que lonxe dos postos de ascenso e promoción, pero na 2017-18 a piques estivo de conseguir o título, pero ao final quedou nunha meritoria 3ª posición; mentres que na pasada volveu quedar nos postos altos, 7º, aínda que a máis de trinta puntos dos dous primeiros. Polo tanto, a SD Piloño disputou 13 temporadas na 3ª Rexional 2 na 2ª Rexional e esta é a sétima na 1ª Autonómica. Nas súas vitrinas figura esa liga da 3ª Rexional (2009-10) , á que hai que sumarlle a Copa do Sar conseguida na temporada 2016-17 (impúxose ao Bastavales UD), despois de perder a final da campaña 2015-16 (co Flavia SD).

Esta é a sexta temporada na que coinciden os dous conxuntos, todas elas na 1ª Autonómica semiprovincial (ou supraprovincial neste caso). O primeiro partido dos dous conxuntos no Camballón foi o 27 de abril de 2014, e nel o Baio impúxose por 1-2. Na seguinte visita, a da temporada 2014-15 o Piloño impúxose claramente (3-0), e tamén gañaría na 2015-16 por 2-0, con dous goles nos últimos minutos. As últimas visitas a terras cruceñas do CD Baio foron nas campañas 2017-18 e 2018-19, con claras vitorias baiesas: 0-3 na primeira e 0-5 na última. Polo tanto, dos cinco enfrontamentos tres vitorias visitantes e dúas para os locais (dez goles a favor do Baio e seis a favor do Piloño). Nas estatísticas xerais, o Baio é tamén superior, pois suma 5 vitorias nos dez partidos, con dous empates e tres derrotas; leva 17 goles a favor e 15 en contra.

O partido do domingo

A SD Piloño leva varias temporadas cuns magníficos resultados, pero este verán sufriu unha pequena crise que mesmo puxo en perigo a súa continuidade. Ao final atopou unha xunta directiva que continuase co proxecto, e aínda que varios xogadores abandonaron o barco, conseguiu facer un bo plantel que vai dar guerra nesta Primeira Galicia. Novo adestrador tamén, coa chegada de Román Blanco, un clásico nos bancos do Deza. E un total de 20 xogadores, dos que doce continúan da pasada campaña. Chegaron oito fichaxes para paliar importantes baixas como as de Álex, Marc, Matías, Guille, Martín, Dani Méndez ou Manu García: así, chegou Moncho para a portería (Silleda), do Vilatuxe viñeron Marcos e Javi Rey, David do Touro, Patao do Cogalrodeiro, Íker do Bandeira, Brian, que estaba sen equipo, e o ex-goleador do Laro, Jagoba. Ata o momento o míster utilizou 17 xogadores, dos que oito foron titulares nos cinco partidos: Moncho, Otero, Imanol, Maceiro, Jagoba, David, Javi Rey e Zequi, dos cales os cinco primeiros xogaron todos os minutos. Dani foi titular nas catro primeiras xornadas, e en tres saíron de inicio Terri, Pablo Rodríguez e Tuco. Menos minutos tiveron Santi, Romero, Patao, Marcos e Íker.

A pesar de comezar tarde a pretemporada con respecto aos outros rivais do grupo polas dificultades sinaladas, iniciou de maneira meritoria a liga, con dúas vitorias de prestixio nos campos do Unión (0-1) e Mazaricos (0-1). Con todo, o seu punto feble de momento é O Camballón, onde perdeu os dous partidos disputados: O Pino (0-1) e Lalín (1-3). A xornada pasada caiu na súa visita ao Souto ante o potente Flavia (2-0), polo que suma 6 puntos, con 3 goles a favor e 6 en contra. Os goleadores son Zequi (2) e Jagoba.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

S.D. PILOÑO – C.D. BAIO

Domingo 13 de outubro; 16:30 horas.

Saída de Baio ás 11:00 horas.

Campo: O Camballón (Vila de Cruces).

Árbitro: Diego Otero Varela.

Asistentes: Bruno Iglesias Penela / José Luis Miguélez Granja.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *