Previa Copa da Costa: SD Esteirana-CD Baio

A Historia

C.D. BAIO

TOTAL LIGAS + COPAS

P. X.

P. G.

P. E.

P. P.

G. F.

G. C.

1890

743

438

709

3125

3092

TOTAL COPA DA COSTA

208

91

49

68

431

336

SD ESTEIRANA NA COPA DA COSTA

153

49

34

70

279

301

O domingo o CD Baio continúa a súa andadura na Copa da Costa e viaxa ata Esteiro para a disputa do partido dos cuartos de final ante o equipo local, a SD Esteirana. O club esteirán foi fundado en 1971, e leva 48 temporadas ininterrompidas competindo: catro en 1ª Autonómica, 28 en 2ª Autonómica e 16 na 3ª. Os seus títulos son tres Ligas da Costa (1977-78, 2012-13 e 2017-18) e unha Copa da Costa (1974-75), con dúas finais perdidas deste torneo (1973-74 e 1976-77). En canto á Copa da Costa, esta é a súa 45ª participación, pois deixou de xogala en tres ocasións: na 1977-78 por xogar a promoción de ascenso, na 1988-89 que se retirou despois do sorteo, e na 2000-01 que renunciou a participar. Ocupa o 14º posto en canto a partidos xogados neste torneo, con 153 encontros disputados. Son 79 as eliminatorias ás que se enfrontou e saíu vencedor en 36 delas. O rival que máis veces coincidiu con el foi o Corcubión, con cinco eliminatorias -das que superou dúas-, seguido polo Porteño e polo Cee, con catro -das que superon dúas con cada un deles-. Son ata o momento 42 os rivais que tivo na Copa da Costa, entre eles o CD Baio, co que xogará por terceira vez unha eliminatoria: a primeira foi na 1982-83, nos cuartos de final, e tras o empate no Balsiño (2-2) o Baio impúxose na volta (0-2); a segunda ocasión foi na 2011-12, na rolda previa, e tras o empate en Esteiro (1-1), o Baio gañaría na prórroga (2-1) nun encontro que non chegara ao final por quedar o equipo esteirán con menos xogadores dos necesarios sobre o campo. Entón, o Baio gañou dous partidos e os outros dous acabaron en empate; os goles marcados polos baieses foron 7 e polos esteiráns 4.

Para o CD Baio está é a súa 49ª participación, e na que leva disputados 208 partidos, o que supón que sexa o 3º club que máis encontros suma nesta competición por detrás de Ponteceso SD (234) e UC Cee (214). Son xa 106 eliminatorias celebradas e 59 delas gañadas, contra 42 rivais distintos: o UC Cee e UD Carnota, en 7 ocasións, o Ponteceso SD, en 6, e o Xallas FC, SD Soneira e UD Corcubión, en 5, son os rivais aos que máis veces se enfrontou o CD Baio.

O partido do domingo

A SD Esteirana compartiu este ano grupo na 1ª Galicia co CD Baio, no que non logrou a permanencia ao quedar entre os tres últimos clasificados. Un mal comezo, agravado polas lesións dalgún dos seus homes, deixouno todo o campionato nos postos baixos. E aínda que o seu xogo e os bos resultados ante equipos potentes parecían demostrar o seu potencial, non logrou abandonar a situación perigosa, e acabou ocupando unha desas tres prazas de descenso directo, tras non conseguir gañar nas últimas cinco xornadas. O míster Geno utilizou durante a temporada un total de 27 xogadores, varios deles xuvenís, mentres que mantén un total de 23 fichas sénior (houbo algunha baixa durante a temporada). Tan só Álex logrou xogar todos os partidos ligueiros, sendo ademais titular en todos eles. Xunto a el os xogadores que máis veces saíron no once inicial foron, por esta orde, Simón, Codesido, Maroñas, Raúl Lestón, Josiño Barreiro, Dani Rama, Josiño Alves, Tobío, Elías, Róber Pladur e Pablo Rama. Na portería repartíronse o mesmo número de encontros Álex de Yi e MJ, pero é certo que este chegou mediada a temporada e desde entón foi titular fixo. Adri e Samu Pensado tamén xogaron bo número de encontros no once, pero case tantos como saíron desde o banco. Manu de Yi e Pachi son habituais saíndo desde o banco, e a presenza dos demais é máis testemuñal, como é o caso de Rafa Piñeiro, David Pais, Ramiro, ou os xuvenís Xián ou Carajillo.

A Esteirana rematou a liga no 16º posto, sumando 33 puntos, con 8 vitorias e 9 empates, mentres que as derrotas foron 17. Os seus números como local son bastante mellores que os que logrou lonxe de Esteiro, pois na casa sumou 21 puntos e fóra 12. Cinco vitorias como local, por seis derrotas e outros tantos empates. En canto ás cifras goleadoras, logrou marcar 37 goles e encaixou 54, o que o converteu no segundo menos goleador e no cuarto máis goleado do grupo. Na casa marcou 25 goles e encaixou 24. O seu máximo goleador foi Róber Pladur, con 13 goles, seguido de Álex e Elías, con 5; Josiño Barreiro e Raúl Lestón, con 4; Tobío marcou 2, mentres que lograron 1 Codesido, Samu Pensado, Maroñas e Pablo Rama.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

S.D. ESTEIRANA – C.D. BAIO

Domingo 26 de maio; 18:00 horas.

Saída de Baio ás 15:45 horas.

Campo: Xosé Luis Vara (Esteiro).

Árbitro: Alberto Martínez Míguez.

Asistentes: Anxo Botana Rey / Agustín Hernández Giadáns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *