Previa do CD Baio – Chaián CF

Volve o CD Baio á 1ª Autonómica, agora rebautizada como 1ª Galicia, categoría que disputará por 13ª ocasión dentro das 55 que leva o club baiés competindo. Os 418 partidos que leva disputados convérteno no segundo equipo da Costa nesta categoría, por detrás do Camariñas (449), club ao que superará esta temporada.

Preséntase moi competida esta 1ª Galicia, con equipos que fixeron grandes investimentos, como é o caso do Flavia, Lalín, Sigüeiro ou Soneira, que parten no paquete de favoritos xunto con outros que manteñen a liña de temporadas anteriores, como é o caso do Agolada, Piloño ou Puebla. Nas novidades están os ascendidos, que como Bastavales ou Chaián tamén se reforzaron para a nova categoría. E como dato a subliñar a presenza de xogadores históricos nesta liga, como é o caso de Juanito, que próximo aso 50 anos segue unha temporada máis no Sigüeiro; ou Padín, que cambiou de aires este ano e fichou polo Flavia desde o Cordeiro; e chega a esta liga un ilustre como Changui, que recalou no Puebla, procedente do Ribadumia.

O debut desta campaña 17-18 para o CD Baio será cun vello coñecido, o Chaián CF, co que coincidira nos comezos do século XX nesta mesma categoría. Será un duelo de campións da temporada pasada na 2ª Galicia, o Baio na Liga da Costa e o Chaián na Liga do Sar (Grupo 5º da 2ª Galicia). O equipo do concello de Trazo foi campión con suficiencia sobre o Belvís e o Conxo, conseguindo o título con xornadas de antelación. Nos 35 partidos disputados gañou 25, empatou 7 e perdeu 3, conseguindo 77 goles e encaixando 26, cifras estas dúas que o colocan como o máximo goleador do seu grupo e o menos goleado. E dentro do conxunto destacou o seu goleador Jacobo López, que conseguiu 34 goles.

Esta é a quinta temporada que coinciden os dous conxuntos, todas elas na 1ª Rexional. As catro anteriores foron consecutivas entre a campaña 01-02 e a 04-05. O primeiro enfrontamento foi o 11 de novembro de 2001, no Platas Reinoso, con vitoria baiesa por 3-2. Participaron naquel partido tres xogadores que seguen aínda hoxe no plantel baiés, como son Ramón, Martín e Mario. Na temporada seguinte o Chaián gañaría en Baio, para empatar na 03-04 e gañar de novo o Baio na última visita tracense ao Platas Reinoso, na 04-05 (2-1). As estatísticas amosan unha igualdade entre os dous equipos, que son lixeiramente favorables aos baieses nos partidos xogados como local.

O partido do domingo

Coincidindo coas festas baiesas dispútase este encontro, que supoñerá unha pedra de toque para o equipo de Pedro Gómez, pois o Chaián demostrou a temporada pasada unha gran fortaleza e esta reforzouse con xogadores expertos na categoría. Segue mantendo a base da campaña anterior, na que foron xente imprescindible xogadores como Raúl, Pájaro, o porteiro Peri, Jacobo López, Carracedo, Jacobo Estévez, Antón ou Roberto Prendes. As novidades desta temporada veñen da man do porteiro Miguel, que destacou estes anos no Mazaricos; o defensa Jacobo Paz, que deixou o Sigüeiro logo de 3 temporadas; para a medular chegaron Pablo, que alternou o ano pasado o Sigüeiro da 1ª Galicia co filial, Cea, que chega do Bertamiráns B, e Martín González, que deixou o Villestro despois de 5 temporadas. Para a dianteira firmaron a Iván, procendente do Esclavitud (5 goles), e Álex Caeiro, que chega do desaparecido Conxo, no que o ano pasado só marcou 11 goles, pero fora o pichichi do grupo na temporada anterior.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
C.D. BAIO – CHAIÁN F.C.
Domingo 3 de setembro; 18:30 horas.
Campo: Platas Reinoso (Baio).
Árbitro: David Vázquez Lema
Asistentes: Pablo Rama Cotelo / Santiago Boedo Varela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *