Previa: CD Baio-CD Lalín

A Historia

O domingo o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao CD Lalín. Fundado en 1974, o equipo lalinense converteuse nun dos clásicos do fútbol galego, polas súas moitas temporadas na 2ªB, a onde chegou grazas a un adestrador que daba os seus primeiros pasos, como Fernando Vázquez, e ex-xogador da Liga da Costa. O CD Lalín non comezou a competir ata a temporada 1976-77, na 2ª Rexional, categoría na que botou tres temporadas. E en só tres anos o equipo pasou á 1ª Rexional, á Preferente e á 3ª División. Desde a campaña 1981-82 á 2009-10 estivo ininterrompidamente en categoría nacional, combinando a 3ª División con algunha campañas na 2ª División B. Tras o descenso á Preferente e novo ascenso á 3ª División, chegou un novo descenso que mantivo o Lalín catro temporadas na Preferente ata que descendeu á 1ª Autonómica, categoría na que cumpre a cuarta campaña consecutiva.

É esta, pois a súa 44ª temporada, que se dividen nas 3 iniciais na 2ª Rexional, 6 na 2ª División B, 24 na 3ª División, 6 na Preferente, e esta é a quinta na 1ª Autonómica. Temos que destacar que o CD Lalín figura na 10ª posición entre os clubs galegos que máis partidos xogaron na 3ª División, na que suma 912 encontros. Os seus títulos veñen dados de 2 ligas da 3ª División (1984-85 e 1990-91), 1 liga da Preferente (2010-11) e 1 liga da 2ª Rexional (1978-79), sumando ademais 7 fases de ascenso á 2ª División B.

Esta é a terceira temporada que CD Baio e CD Lalín coinciden, as tres consecutivas. A primeira foi na 2017-18 e os dous partidos remataron en empate: o 22 de outubro de 2017 xogaron no Platas Reinoso con con moitos goles (4-4), e o 11 de marzo de 2018, no Anexo ao Cortizo, sen goles (0-0). A temporada pasada o Baio logrou vencer nos dous encontros: na primeira volta impúxose no Cortizo (1-2) e na segunda volta volveu gañar no Platas Reinoso (1-0).

O partido do domingo

O CD Lalín renovou esta temporada a súa directiva e o seu banco, cun proxecto máis ambicioso que anos anteriores para intentar o salto a categorías superiores. Continúan 12 xogadores dos 19 que compoñen o primeiro plantel, e incorporaron varios ex que participaban noutros equipos do Deza. O primeiro cambio veu da man do adestrador, Julio Alberto, que procede do Piloño. Para a defensa viñeron Álex Rivas e Canutas desde o Agolada, e Nuno do Silleda; para o medio do campo ficharon a Guille (Piloño) e subiron dos xuvenís a Gaveiro; e reforzaron a dianteira con dous ex do Piloño: Martín Taboada e Dani Méndez. Ata o momento o míster fixo intervir a 20 xogadores (18 sénior -todos menos Nuno- e dous xuvenís). Tres xogadores foron titulares os seis partidos: Martín Taboada -que xogou todos os minutos- e Dani Méndez, na dianteira, e Rucho -que este ano recuperou o seu posto na defensa-; xunto a eles Ulloa, Xocas e Fer interviron en cinco encontros desde o inicio. Na portería Cristian e Marcos xogaron cadanseus tres partidos, mentres que para os outros postos compiten Tibu, Gavieiro, Jordi, Rubén Ferreiro e Canutas. Rubén García, o xuvenil Eloy e Álex Rivas tamén acumulan bastantes minutos, mentres que tiveron menos oportunidades o xuvenil Joseph, Guille, Rego ou Ferreiro.

Actualmente o CD Lalín é colíder na clasificación, empatado co Soneira e o Praíña, con 13 puntos. Catro vitorias, un empate e unha derrota son de momento as súas credenciais. Fóra da casa venceu en dous partidos (Piloño 1-3 e Mazaricos 0-2) e perdeu no Pino (2-1). Dez goles a favor e catro en contra no seu total, pero que son 6 a favor e 3 en contra como visitante. Moi repartidos os goles, pois ata oito xogadores lograron marcar: Martín Taboada e o xuvenil Eloy Ferreira levan dous, e con un están Rucho, Jordi, Ferreiro, Ulloa, Rego e Guille.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – C.D. LALÍN

Domingo 20 de outubro; 16:30 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Eloy Galán Lagüela.

Asistentes: Álvaro Puga Noriega / José Miguel Ballester Martínez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *