Porty (San Román, 1993) comezou a súa traxectoria futbolística no Laracha CF, onde estivo dende Benxamíns ata o primeiro ano de Sénior. Tivo que deixar o club cando foi estudar, xa que ao estar lonxe non podía adestrar catro días á semana como se requiría en Preferente, categoría na que debutou con 16 anos. Foi entón para o Club do Mar, onde estivo un ano ata fichar pola UD Paiosaco, onde competiu 4 temporadas e tamén conseguiu o ascenso a esta categoría. Fichou entón polo C.D Larín, pasou unha temporada ata que decidiu deixalo temporalmente por “non sentirse cómodo consigo mesmo”, ata que este pasado febreiro recalou nesta casa.
Antes de comezar, por que “Porty”?
Pois o meu mote vén dende hai moito tempo, concretamente dende Benxamíns. Antes tiña olfato goleador, non coma agora que non lle marco ó arco iris (risas) e xogaba de dianteiro. Había outro compañeiro que se chamaba coma min (se alguén non o sabe, chámome Iván) e para poder distinguirnos, o Míster (o gran Eliseo Velo, ao que por certo lle estou moi agradecido), púxome Portillo, como o mítico dianteiro do Real Madrid.
Como estás levando o parón? Es dos que está cumprindo coas rutinas de adestramento que vos manda o Míster ou son tan duras?
Máis ou menos, realmente como podo. Supoño que como o resto da xente, é unha situación nova e mentalmente complicada de levar, pero esperando a que pase o máis rápido posible. Se estou facendo as rutinas? Sinceramente só fixen unha das catro táboas que mandou o Míster (as de exercicios de preventivo). E non porque non queira, senón porque mentalmente cóstame.
Como definirías esta temporada a nivel persoal e grupal?
Pois para ser sincero, persoalmente o meu nivel é pésimo. Non quero poñer excusas, pero tampouco é que tivera moita sorte cas lesións. Perdinme toda a pretemporada xa que no primeiro partido da Copa Deputación fractureime o dedo gordo do pe e estiven un mes completamente parado. Chegue xusto ó inicio de tempada e, cando empezaba a estar algo ben, no cuarto partido rompín fibras dous centímetros e estiven parado outro mes e pico. Pero, sen contar todo isto, dende decembro ata agora o meu nivel non é o que se corresponde co que hai que ter para competir nunha categoría así.
A nivel grupal? Pois está claro que non estamos ó nivel que se esperaba, por unhas circunstancias ou por outras, pero o que teño moi claro é que este grupo ten un nivel infinitamente máis alto do que está mostrando, e na miña opinión entre os mellores equipos da categoría. Tamén é certo que a limitación nos adestramentos (tamén por culpa miña, non me escondo) é un lastre para a preparación dos partidos, tanto para o Míster como para nós.
Peke enviouche unha pregunta: “como podes regatear tan fácil aos rivais, sacarlles tanta vantaxe, ter todo o tempo do mundo e non centrar unha vez ben??”
Pois primeiramente dicir que ten toda a razón do mundo, é lamentable a toma de decisións que tomo en momentos claves do partido. Aí está a diferencia dun bo futbolista a un futbolista mediocre. Tamén teño que dicir que nese aspecto mellorei bastante, senón preguntádelle aos meus ex-compañeiro do Paiosaco cando lle intentaban meter a cabeza ós meus centros que parecían mísiles (risas).
Como está sendo o grupo na distancia? Que Manu Santiso é o que máis se está coidando é a resposta unánime de todos os teus compañeiros; exceptuándoo a el, por quen apostarías que se está coidando máis?
O grupo ben, con algún movemento que outro para botarnos unhas risas. Si Manolito si, Manolito ten sorte que fisicamente sexa así e non ten moito que traballar. Dos que se coidan? Pois eu creo que Bieito é un deles e tamén Diego Mallo, que ten que perfilar ese abdominais para o verán, a ver se hai sorte e pode mostralos na praia (risas).
A quen lle poñerías as pilas?
Pois en primeiro lugar a min. Como xa mencionei en preguntas anteriores, creo que o meu nivel non é o que se corresponde, por unhas circunstancias ou outras, e teño que darlle unha volta á situación cando volvamos á normalidade. De feito quero aproveitar esta entrevista para pedirlle desculpas aos meus compañeiros e ao Míster, porque eles son quen sufren isto.
Por outro lado, aos xogadores novos da plantilla e da casa: Sergio, Mohedano e Julián. Eu creo que deben valorar a oportunidade que se lle está dando e poñer algo máis de actitude e de empeño. Todos queremos xogar todos os minutos, pero teñen que pensar que veñen de xuvenís e que están sendo moi afortunados de estar no CD Baio. De feito, fixeron unha pretemporada espectacular e deixáronse ir, así que ánimos para que lle dean unha volta coma min e que volvan a eses meses, que estou seguro que serán importantes.
Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?
A verdade é que máis ou menos xa os coñecía a todos. Sen embargo, os que me seguen sorprendendo sempre son Bieito e Yago. Son dous dos futbolistas que teñen una regularidade espectacular en todos os partidos, e iso no mundo do fútbol é complicado. Aparte hai que valorar a temporada de Manolito Santiso, que está sendo moi moi boa, e tamén do capitán, porque claro, facíame gracia que se cuestionara que non marcara a un xogador que o ano pasado marcou 34 goles (máximo goleador de todas as Primeiras autonómicas) e que cada ano non baixa de 15 goles mínimo. E aí o tiñamos outra vez esta temporada, empezando a funcionar.
Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?
Os meus compañeiros de bus son normalmente Yago, MC e Bruno, que somos os que normalmente imos atrás. A Bruno aceptámolo a ver se nos baixa un pouco as multas, sobre todo a min, que vou ter que pedir un crédito para pagalas (risas).
Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?
A pregunta é para Manolito Santiso: Por que sendo tan burro xogando, tes tanta sorte e marcas tantos goles?
O ano pasado chegaches coa temporada comezada e as túas arrancadas pola banda non pasaron desapercibidas, levando as maiores ovacións da grada sen apenas coñecerte. Este verán fuches un dos que recibiches ofertas económicas de clubs de categoría superior e, a pesar diso, decidiches quedar con nós. Que te levou a tomar esa decisión?
O primeiro que quero dicir é que me levou un segundo decidir renovar polo Baio, sempre que directiva e o Míster quixeran. A decisión a pesar das ofertas económicas? Sinceramente, na miña maneira de entender o fútbol, valoro outras cousas antes que os cartos. Para min é importantísimo sentirme valorado e importante no sitio no que estou, e no Baio atopei iso. Dende o primeiro día que cheguei o vestiario acolleume como se fora un máis (a pesar de ser bipolar como di MC), a directiva (Chino, Rebeca, Chema, Bertiño…), as persoas de cantina (María, Vero, Uxía…),e a afección … Todo o mundo me fixo sentir como se fora de Baio de toda a vida, e iso non hai cartos que o paguen.
Marcácheste algún obxectivo no CD Baio? Que che gustaría conseguir nesta casa?
Pois gustaríame gañar unha Copa da Costa porque dende o ano pasado sei a importancia deste torneo e a repercusión que ten. Non todo mundo ten o privilexio de dicir que é Campión da Copa da Costa. Outro dos obxectivos é, con este grupo de futbolistas pero espectaculares persoas, intentar xogar unha fase a Preferente. O ano pasado estivemos a punto e quedoume esa espiña cravada. Creo que un equipo de amigos como é este merece algo así, nun mundo do fútbol onde é complicado ver este tipo de equipos polo tema económico.
Coñecías o fútbol da Costa antes de vir? É como te esperabas?
Non o coñecía persoalmente pero si de escoitar falar del. Pois non, porque a xente sempre soe falar que hai pouco nivel e esas cousas. Pero eu xa digo, cando cheguei a Baio quedei abraiado da capacidade técnica-táctica de eses xogadores que xogaron toda a vida na Costa, así que creo que non se debe desprezar tanto o fútbol da Costa porque hai bos xogadores. A veces o único motivo polo que non están máis arriba é polo tema de adestramentos. Non a todo mundo lle gusta adestrar 4 ou 3 días, ou simplemente o seu traballo non llo permite. E tamén teño que recalcar que me sorprendeu o grupo 2 da Primeira Autónomica. Eu xogara toda a vida no grupo 1 e pensaba que había máis nivel, pero agora claramente comprobei que o que pensaba non era verdade.
Na túa ampla traxectoria, tiveches que cadrar con xente de peso antes de chegar a Baio. Cal dirías que foi o mellor xogador e o mellor adestrador cos que cadraches nun vestiario?
Pois a verdade é que cadrei con moitos xogadores na miña etapa futbolística pero se me teño que quedar con un é con Hadrián Rama (porteiro da U.D Paiosaco) xa que é un exemplo de que con traballo e esforzo pódese conseguir o que te propoñas, e explico porqué. Comezou a quedar de porteiro en cadetes (antes era xogador), empezou no Paiosaco en Segunda Autonómica e ascendeu sendo imprescindible ata Terceira División, e sendo un dos máis destacados da categoría. Creo que é un claro exemplo de esforzo, pero sobre todo de sentimento de pertenencia a un club, xa que sempre rexeitou ofertas económicas mellores para quedarse no club da súa vida.
Como adestradores podía mencionar a todos os que tiven porque de cada un deles aprendín algo deles. Pero quedaríame con tres: Manuel Mosquera, por darme a oportunidade de xogar una temporada enteira de xuvenil en Preferente, Juan Riveiro porque con el aprendín conceptos tácticos que antes non tiña, e con Pablo Torreira por confiar en min despois de case un ano parado.
Cales foron o mellor e o peor recordo como futbolista?
Sen dúbida, o meu peor recordo como futbolista foi quedarme fóra da final da Copa da Coruña disputada en Riazor. Para min iso mentalmente foi moi duro, porque cría que non se fora xusto comigo. O meu mellor recordo é o primeiro partido do comezo de liga de Preferente Norte, sendo xuvenil e rodeado de futbolistas de renome na categoría; Manuel Mosquera dérame a oportunidade de saír como titular.
Gustaríache deixar algunha mensaxe á afección?
Primeiramente darlle as gracias por todos eses ánimos, aplausos e acollerme tan ben dende que cheguei sen coñecerme de nada. E segundo, que sigan animando sempre, tanto nos momentos complicados coma nos bos, porque estou seguro que lle daremos unha alegría esta temporada. Sei que non está sendo unha temporada fácil e que a todos nos gustaría que non fose así, pero realmente onde se ve a grandeza dun club é pola forza da súa afección nestes momentos e vós estádelo facendo. Vémonos pronto no Platas!