PUEBLA FC 2 – CD BAIO 0
Tarde de calor na península do Barbanza neste domingo de outubro no que o CD Baio visitaba o campo da Alta, para enfrontarse ao Puebla FC. Unhas 200 persoas nas bancadas presenciaron un entretido partido con moitas ocasións, a maior parte delas do lado local, sobre todo cando estaban por diante no marcador.
Principiou o partido de xeito estraño, pois converteuse axiña nun ida e volta propio de minutos finais, que dun comezo de encontro, pero nos primeiros dez minutos o balón circulaba de área a área. A primeira ocasión veu nun balón sobre Martín MC, que disparou cruzado e o balón foise fóra (min.3), ao que respondeu no minuto seguinte Espi, cun lanzamento que atallou sen dificultade Dani. A oportunidade máis clara da primeira parte veu nunha xogada persoal dentro da área de Changui, que se desfixo dos defensas e ante Dani disparou pero o porteiro sacou fenomenalmente co pé (min.7). Tras este arreón inicial, o xogo foise calmando e as ocasións vindo a menos, e só lanzamentos desde fóra da área inquietaban aos gardametas. Nos minutos finais do primeiro tempo, volveron as hostilidades, e tras ter a oportunidade Espi cun lanzamento desde o pico da área que se lle foi alto (min.43) foi Martín MC o que estivo de marcar un golazo desde máis de 30 metros pegado á banda, pero Juan recuou e consegueu sacar o balón a córner coa punta dos dedos (min.45).
Reanudouse o xogo tras o descanso, e na primeira xogada o Puebla conseguiu marcar o primeiro gol, nunha xogada embarullada na frontal da área, pero Changui, xa caendo meteu a punteira e colocou o balón pegado á cepa do poste e a pesar de que Dani rozou o balón non logrou impedir que entrase na súa portería. Tivo o empate Martín MC, nun balón que controlou dentro da área, pero o seu lanzamento cruzado sacouno moi ben Juan co pé a córner (min.55). Pouco despois o dianteiro baiés tivo que retirarse lesionado e perdeuse en mordente ofensiva. E ademais o Puebla pechou moi ben liñas atrás, fiándoo todo ao contraataque a través de Pap ou de Espi. Foi o dianteiro senegalés o que tivo a súa oportunidade, tras controlar o balón na área e disparar cruzado pero Dani conseguiu sacar a córner (min.66). Novas ocasións para os locais na contra, como unha nova de Changui, que disparou fóra cando estaba só ante Dani, tras bonita parede (min.73), ou un córner que remata Pablo Pérez de cabeza e tras botar o balón pega no pau (min.76). E nunha contra na que Pap se foi da defensa por velocidade e consegue meter a punteira antes de que chegase Dani e o balón cóase na meta baiesa para poñer o definitivo 2-0 (min.80). Tivo Changui a última tras unha xogada colectiva, pero cando quixo regatear a Dani, este intervén moi ben e arrebátalle o balón (min.82).
En definitiva, superioridade do Puebla, sobre todo co marcador a favor, que soubo moi ben explotar os seus puntos fortes, como é a velocidade en banda e a seguridade defensiva. Non puido sacar nada da súa visita ao campo pobrés o CD Baio, que procurará o vindeiro domingo coa visita do equipo top da liga, o CD Lalín, reverter esta situación.
O resto da xornada.
O sorprendente líder do grupo é o ascendido Bastavales, que este domingo goleou no derby ao Bertamiráns por 3-0. Canda el figura o Piloño, que en tres minutos remontou o gol que Padín conseguira para o Flavia, e segue sendo o único invicto do grupo. A un punto deles colócase o Soneira, que tamén tivo que remontar ante o Silleda; adiantáranse os locais pero en tres minutos os de Tabeirós remontaron, para igualaren os soneiráns á hora de xogo, pero os silledenses viron como lles expulsaban dous homes e contra nove os locais levaron a vitoria con dous goles máis. Terceira semana consecutiva que o Lalín non gaña, o que o leva á cuarta praza, e foi o Tordoia o que sumou un punto no Cortizo, tras empatar de penalti Liñares despois de que dous minutos antes se adiantase Brais. Os seus veciños da Agolada xa os pillaron tras a brillante vitoria en Sigüeiro, con goles de David e Jemba, que recurtou Pepe Cidranes, pero non lles deu aos de Oroso para empatar. Con estes dous e co Puebla figura empatado o Unión, que levou a vitoria de Fisterra no último minuto, despois de que os fisterráns igualasen os dous goles de vantaxe que tiñan os de Asados. En Valga, o Cordeiro tamén perdía por dous goles ante o Chaián, pero logrou a igualada a falta de cinco minutos. No último encontro da xornada, dous equipos da zona baixa enfrontábanse nas Pedreiras, e o At. Ribeira logrou a vitoria con tres goles na primeira parte, que os locais só puideron recortar cun gol no tramo final.