Este luns 14 de setembro ás 21:00 da noite, tivo lugar unha reunión virtual dos clubs da Costa cos membros da Real Federación Galega de Fútbol, co obxectivo de presentar unha proposta de plan competicional de cara a temporada 2020-2021. Dado que pode parecer complicado de entender, trataremos de resumilo o mellor posible:
A Primeira Galicia divídese en dous subgrupos por criterios xeográficos, tendo en conta o factor de proximidade. O noso grupo estaría formado por 10 clubs: Baio, Corme, Ponteceso, Soneira, Dumbría, Mazaricos, Volantes, Tordoia, Negreira e Belvís. Esta primeira fase sería a doble volta, sempre que comezase a competición nestas primeiras datas que manexan (finais de outubro) e que aínda están por confirmar.
Unha vez rematada esta primeira fase, os tres primeiros clasificados pasarían ao grupo de ascenso e, todos os demais, ao grupo de descenso.
- Ascenso: os tres primeiros de cada grupo pasan ao grupo de ascenso, no que empezan coa seguinte puntuación: os primeiros 5 ptos, os segundos 3 ptos e os terceiros 1 pto. Sube o primeiro deste grupo de ascenso.
- Descenso: os demais pasan aos tres grupos de descenso por sistema cremallera. Para o grupo 1 o mellor cuarto, para o grupo 2 o peor cuarto, para o grupo 3 o mellor quinto, e así sucesivamente. Tamén se inicia con puntos de bonificación de 6, 4, 3, 2 e 1 puntos según o posto da primeira fase para iniciar a segunda. Descenden directamente os tres últimos de cada grupo e os dous antepenúltimos que máis tarxetas teñan. A partir de aí sumaranse os arrastres, sempre coa deportividade como criterio de desempate entre os mesmos postos. Con este sistema ascenderá un e descenderán cinco, sen contar os moitos arrastres que poda haber.
Respecto ás datas, calculan que poida comezarse a finais de outubro ou comezos de novembro, sempre pendentes da aprobación do protocolo e das novidades sanitarias. Os dous grupos comezarían na mesma data, contando o noso con xornadas de descanso polo medio xa que somos menor número de equipos.
Será unha atípica temporada, moi diferente pero non menos ilusionante. Seguimos traballando para facelo o mellor posible!