A piques da campanada en Bastavales

BASTAVALES UD 1 – CD BAIO 1

Tarde con sol pero ventosa que trouxo algo de frío segundo o paso dos minutos. Bo ambiente nas bancadas do pequeno campo Municipal de Brión, cunhas 200 persoas contemplando este aburrido partido, que só a chegada dos goles espertou ao público dos seus asentos.

Primeira parte tremendamente aburrida con moito centrocampismo e escasas, por non dicir nulas, ocasións de gol. Aínda que o Bastavales se fixo dono do balón e intentaba xerar máis perigo, non chegou a ter moito traballo Dani neste primeiro tramo do encontro. Do mesmo xeito, David Insua estivo máis ou menos tranquilo, con algunha aproximación en balóns sobre Martín MC. Polo tanto, o empate a ceros co que se chegou ao intermedio pódese considerar lóxico.

Polo mesmo camiño parecía que ía o segundo tempo ata que chegou o primeiro gol do partido, que foi favorable ao CD Baio, cun bo pase de Martín para Martín MC, que bate por alto a David Insua (min.57). O gol desatou o encontro e o Bastavales foise arriba e espoleou ao público. Así, tres minutos despois chegou un penalti sinalado polo colexiado, que se encargaría de lanzar Fran García, pero Dani conseguiu rexeitar o seu disparo. Seguiron apertando os locais, embotellando un pouco ao Baio, que se foi vendo cada vez máis metido na súa área. Aproveitou o míster local para facer debutar a Adrián Beiroa, e os balóns sobre a área eran constantes. Nun balón parado chegou o empate, ao aproveitar un rexeite do despexe dos baieses e na frontal Sergio Villaverde conseguía colocar ben o seu disparo para que Dani non puidese chegar (min.70). Aproveitou o Bastavales o efecto do gol para intentar remontar, e dous minutos despois tivo a súa ocasión Laba, pero o seu disparo foise arriba. E noutra xogada a balón parado, Beiroa estivo a piques de debutar con gol, pero o seu remate de cabeza foise ao traveseiro (min.81). Foi a partir de aquí cando o Baio se sacudiu o dominio e conseguiu igualar o xogo, e incluso tivo algunha chegada, pero non houbo acerto no último pase para que fose con verdadeiro perigo.

Empate que permite seguir sumando, pero vendo como outros equipos van sumando de a tres nos colocan en postos de descenso, aínda que preto da salvación. A vindeira semana visitará o Platas Reinoso o novo líder, o Piloño, que releva ao Bastavales no máis alto da táboa, e que chegará invicto ao campo baiés.

O resto da xornada

Dous goles do veterano Marc en apenas cinco minutos mediada a segunda parte foron suficientes para que o Piloño se impuxese ao Tordoia, que maquillou o marcador cun gol no desconto, e puxo ao equipo de Vila de Cruces no máis alto da táboa en solitario. Segundo vai agora o Bastavales, pero xa empatado co Agolada, que se impuxo ao Lalín no derby e no que era o partido da xornada. Un gol de Brais na primeira parte foi suficiente para que os agoladenses se fixesen coa vitoria, e colocarse no podio, recuperando ademais ao seu goleador Aitor. A sorpresa chegou un Vimianzo, coa derrota do Soneira ante o Chaián, que lle impediu aos locais subir ata o segundo posto; adiantáronse os visitante por medio do espigado Iván, pero Basti puxo a igualada, pero ao minuto seguinte Jacobo López adiantou de novo aos visitantes, conseguiu de novo empatar o Soneira por medio de Álex Figueiras, pero foi de novo o pichichi dos de Trazo, Jacobo López, o que lles dese a vitoria a cinco minutos do final. Outro que aproveitou para achegarse aos postos altos é o Flavia, que grazas aos goles de David e Padín conseguiu gañar en Fisterra, que só se meteu no encontro no desconto logo do gol do xuvenil Ezequiel. O Puebla logrou sacar os tres puntos na súa visita ao Lino Balado, cun gol na primeira parte do retornado Jorge Viturro, ante un Sigüeiro que remataría o encontro con dous expulsados. O Bertamiráns tamén conseguiu vencer a domicilio, no seu caso en Valga ante o Cordeiro, con goles de Pinaque e Adrián Arnejo. Na Fieiteira o Silleda conseguiu por dúas veces igualar os goles do Ribeira, pero Madiop, xa o pichichi do grupo, marcaba o seu segundo penalti no desconto e dáballe os tres puntos aos locais. Por último, o San Lorenzo abandonaba o último posto coa súa segunda vitoria consecutiva, neste caso nas Pedreiras ante o sempre difícil Unión, con dous goles no primeiro tempo de Yago e Diego, e tan só a expulsión de Luciano mediado o segundo tempo lle deu algo de emoción, pero os rianxeiros só puideron marcar no desconto.

Bos partidos para a semana, con enfrontamentos entre os primeiros clasificados, como o Agolada-Bastavales, o Flavia-Soneira ou o Puebla-Lalín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *