Peke: “Esta plantilla debería estar loitando por un dos postos do podio”

peke entrevista

Peke (Zas, 1991) é un deses casos pouco comúns nos que un futbolista cambia a súa camiseta pola do club co que están historicamente “enfrontados”, nesas rivalidades deportivas entre dous clubs que corresponden ao mesmo Concello. Comezou a xogar en alevíns no Sporting Zas e alí pasou practicamente toda a súa traxectoria deportiva, exceptuando tres anos no Santa Comba, dende segundo ano de cadetes a segundo de xuvenil. Regresou ao Sporting no seu último ano de canteirán e alí permaneceu ata que fichou polo máximo rival; esta é a súa quinta temporada nesta casa.

É imposible non empezar coa pregunta que che envía Diego Mallo, quere saber como levas os adestramentos do Míster na distancia.

Pois a verdade é que os estou levando bastante ben, estou afeito a ter que facelos moitos días na casa xa que falto bastante ós adestramentos por motivos de traballo (risas). O que si que se leva bastante peor é o non poder ver ós compañeiros.

Como está sendo o grupo en cuarentena? Son moi vacilóns?

Si, o grupo mantense bastante activo, sobre todo Mc, Guachi, Norbi….e claro, está Santiso caendo en todas as súas provocacións (risas).

Como resumirías esta temporada? Firmarías que rematase así?

A temporada como mala, xa que se analizas a plantilla creo que poderiamos estar moito máis arriba. Creo que esta plantilla debería estar loitando por un dos postos do podio.

Cal dos teus compañeiros cres que é o que máis se está coidando neste parón? Estás de acordo coas respostas dos teus compañeiros?

Si, nisto coincido cos demais, Manu Santiso, e especialmente co que di Guachi (risas).

A quen lle poñerías as pilas?

Un pouco o tirón de orellas sería para todos, xa que todos podemos dar bastante máis.

Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?

Sen dúbida Braian, estaba a xogar a un nivel moi alto antes de todo isto.

Guau dixo que se tivera que escoller un compañeiro de bus serías ti, que acostumas ser o máis tranquilo nas viaxes. Ti se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?

Esta pregunta é moi fácil: dependendo de como fora o día anterior, ou con calquera ou o máis lonxe de Mc e Norbi (risas).

Cal foi o adestrador que máis che puxo as pilas?

Por desgracia todos me poñen as pilas, xa que son un pouco vago (risas).

Como se leva ser de Zas e xogar no Baio? Aínda hai vaciles con iso? Tiveches algunha anécdota que vala a pena contar por ser o “Figo” do Concello?

Non lle dei moita importancia a iso, xa que  sempre busquei xogar con amigos e onde mellor me fixeran sentir, e sen dúbida este é dos mellores. Cando decidín marchar si que me vacilaban e se metían comigo, pero eu nunca lle dei moita importancia. Ao acabar a primeira temporada, na que nós baixamos e o Zas subiu, dicíanme que xa cumprira a miña misión en Baio de baixalos e que xa podía volver.

Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?

Sen dúbida a Porty: como podes regatear tan fácil ós rivais, sacarlles tanta vantaxe, ter todo o tempo do mundo e non centrar unha vez ben? (risas)

Para rematar, gustaríache deixar algún mensaxe á afección?

Que veña animar ó equipo cada domingo como acostuman facer e que, sen dúbida, son a mellor afección da Costa con diferencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *