Hoxe sería domingo de Platas, pero a epidemia do coronavirus impídenos disfrutar do que máis nos gusta por terceiro domingo consecutivo. Neste momento tan difícil, o noso adestrador Pablo Torreira fainos chegar esta mensaxe de ánimo a toda a familia branquiazul:
“# MOITOMÁISQUEUNSENTIMENTO
Os acontecementos que vivimos nestes intres fan que o fútbol pase a un segundo plano. Para gañarlle a este maldito virus temos que ser máis equipo que nunca, porque xuntos, quedando nas nosas casas, remataremos derrotándoo por goleada.
É inevitable esquecer os días de adestramento no Platas… A primeira vez que entrei nel foi na final da Copa da Costa, e o primeiro que sentín foron os pelos de punta pensando en que oxalá puidese estar nunha, cas cores do meu novo equipo.
Os domingos sen o sorriso de Budi. Sen comprar rifas ó Señor Julio (debe vendernos as que non entran no sorteo). Sen saudar á xente que colabora na cantina (María, Vero, Bertino – camareiro e tesorero-). Sen o ¡Ola! do Presi (Chino), pendente de que todo estea en orde. Sen baixar a escaleira na que, en canto pisas o primeiro chanzo camiño ó vestiario, comezas a sentir ese formigueo no estómago que so coñecen aqueles que viven ou viviron este deporte con tanta paixón.
No vestiario agarda unha familia, unha familia que non escolles que vai moito máis aló que once xogadores correndo detrás dun balón… os de sangue Baiesa e branquiazul, que acollen a cada forasteiro como se fose da casa. Ás veces dan ganas de mallalos porque nin eles son conscientes do seu verdadeiro potencial, pero son moi boa xente. Apoiámonos mutuamente, nos bos e nos malos momentos, nun vestiario no que cada un ocupa o seu espazo grazas ó traballo de Bruno e Chema, calquera deles envexa do fútbol costeiro.
Despois da charla, saimos ó campo no que xa está preparada a cámara de Santi para recoller instantáneas ou gravar os goles do seu Baio… do noso Baio, que despois podemos ver nas Redes Sociais que tanto chaman a atención ó resto de clubs, polo gran traballo na escuridade de Rebeca.
Agardamos con ansia voltar canto antes sen perder a ninguén polo camiño. Agardamos poder agasallar tardes de gloria a un pobo, a unhas cores e a un sentimento, porque ser do Baio é…MOITO MÁIS QUE UN SENTIMENTO.
Agardamos voltar a ser os que éramos, recuperar o xogo que vos facía desfrutar, escoitarvos esporear a garra de Norberto, Yago, Peke e Rubio; ver as paradas de Diego Mallo; o bo facer de Álex; as conexións de Dami e Bieito para que este surta de balóns ás carreiras de Manu, Porti, Braian e Javi Suárez; o xogo en equipo, palabra que representan en toda a súa esencia dous xogadores: Mario Domato e Guau, porque un Baio sen Guau non sería o Baio.
Agardamos que os que vimos de fóra sigamos tinguindo o sangue de azul e branco: Diego, Dami, Álex, Manu, Braian, Mario…
Agardamos que os que veñen dende abaixo, se contaxien da paixón dos de sempre: Julián, Sergio, Mohedano, Carlitos, o futuro é voso.
Agardamos ver celebrar os goles de MC a cada un de vós pero, en especial, a dous fans incondicionais que se poñen ó lado do banquillo e nunca teñen unha mala palabra: Canosiña e a súa nena.
Agardamos ver pronto o sorriso de Toniño despois dunha vitoria…
Cando voltemos temos a obriga de quedar o mellor posible na Liga e romper o maleficio de cuartos, que as bágoas queden no esquecemento e que Daniela veña cunha Copa Da Costa baixo o brazo, porque o único rival que me preocupa, somos nós.
Temos que crer, a pesar das limitacións e das adversidades, e loitar cada partido como se fose o último.
Ó mesmo xeito que debemos loitar, todos xuntos, para vencer ó rival máis difícil da nosa historia… o coronavirus.
Voltarán os domingos no Platas, máis fortes e unidos que nunca.
#SOMOSUN #VAMOSBAIOVAMOS”