Outro derbi

A Historia

O domingo o CD Baio vai recibir no Platas Reinoso ao CF Dumbría, noutro derbi costeiro que se deu poucas veces na historia. O CF Dumbría fundouse en 1996, e as catro primeiras campañas disputou a 3ª Rexional, para ascender á Liga da Costa logo da 1999-2000. Boas campañas na liga costeira do Dumbría pero non foi ata a 2005-06 cando se proclamou campión e ascendeu á 1ª Autonómica provincial. Cinco campañas estivo nesta categoría, ata que o subcampionato da temporada 2010-11 lle valeron o ascenso á Preferente. Outros cinco anos estivo nesta categoría ata que descendeu á 1ª Autonómica, logo da 2015-16. Pero só estivo unha campaña neste grupo semiprovincial, pois o título ligueiro valeulle para ascender de novo á Preferente. Pero a nova experiencia na Preferente tan só durou unha temporada, e descendeu outra vez para esta 1ª Galicia semiprovincial na que leva con esta a segunda campaña seguida. En total, son 6 temporadas na Preferente, 4 na 3ª Rexional, 6 na 2ª Rexional e esta é a 8ª na 1ª. As súas vitrinas teñen dous campionatos ligueiros: a Liga da Costa (2005-06) e o da 1ª Autonómica (2016-17); pero no que si conseguiu grandes éxitos foi na Copa da Costa, con catro títulos (2000-01, 2004-05, 2009-10 e 2013-14), e dúas finais perdidas (2011-12 e 2016-17).

Esta é a segunda temporada que coinciden o CD Baio e o CF Dumbría, a pesar de ser dous conxuntos costeiros. E a primeira foi a campaña pasada, con partido inicial no Platas Reinoso o 9 de setembro, que rematou sen goles (0-0) e partido da segunda volta no Conco con vitoria baiesa (0-2). Polo tanto, pouca historia previa teñen estes dous conxuntos, fóra dalgún enfrontamento máis na Copa da Costa.

O partido do domingo

O CF Dumbría mantén na presente campaña a práctica totalidade do bloque do ano pasado, no que fixo unha boa temporada e esta vén renovada no ánimo coa chegada desde o equipo xuvenil do seu míster, Pablo Conde. Fronte ás baixas na portería de Iván Baña (Dubra) e Jorge (Fisterra), xunto coas de Marcos Mouro e Loureiro (Xallas), viñeron novas incorporacións, da man de Anxo (Cee), Codesal (Brexo Lema), Pablo Landeira (Castriz) e a volta de Mataso (Ameixenda); xunto a eles subiron cinco xogadores desde os xuvenís: Isma, Gusa, Jose, Pablo Mouzo e Mario Insua. Completan así un total de 24 fichas sénior coas que competir.

Son 20 os xogadores usados no que vai de temporada (1 deles xuvenil), polo que hai cinco sénior que aínda non debutaron. E é que o míster mantén practicamente o mesmo bloque en todos os partidos, e seis xogadores foron titulares nos nove encontros: Anxo, Gusa, Mataso, Pablo Paz, Xacobe e Code; e outros tres fórono nun partido menos: Kanario, Diego Cespón e Yuyo. As outras dúas “prazas libres” fóronas alternando Marcote, David García, Rivi ou Matías. Xabier e Iago saen case sempre desde o banco, e menos usados foron o xuvenil Fandiño, Charly, e máis testimonial foi a presenza ata agora de Mario Insua, Pablo Landeira ou o porteiro Sergio.

Actualmente o CF Dumbría ocupa a 6ª posición, con 15 puntos. Leva catro vitorias, tres empates e dúas derrotas, con 17 goles a favor e 13 en contra. O equipo sacou sete puntos como visitante nos catro partidos de disputou fóra do Conco: Soneira (4-1), Praíña (1-1), Unión (0-1) e Lalín (1-2). Como vemos, marcou en todos eles, e quitando o avultado resultado de Vimianzo, poucos goles e bos resultados fóra da casa, a pesar de xogar cunha defensa relativamente nova. O seu máximo goleador é Marcote, con 5 goles, seguido por Rivi, con 3, Diego Cespón e Code levan 2, e con 1 están Yuyo, Xacobe, Xabier e Charly, xunto con outro en propia meta.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – C.F. DUMBRÍA

Domingo 10 de novembro; 16:15 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Marco García Vázquez.

Asistentes: Hiran Hismel Dopico Pérez / Andrea Baneira Suárez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *