O sorteo quixo que nos tocase a SD Esclavitude

A Historia

O domingo o CD Baio recibe no Platas Reinoso á SD Esclavitud na última xornada deste ano, antes do parón da semana que vén. O equipo padronés foi fundado en 1968, e iniciou a súa vida competitiva na Liga do Sar na campaña 1967-68, na que logrou chegar á final da primeira edición da Copa do Sar (perdeuna co Padrón), resultado que repetiría na seguinte (caeu co Laíño). As sete primeiras temporadas estivo na Liga do Sar, ata que na 1974-75 se crean as actuais categorías e o Esclavitud foi encadrado na 3ª Rexional. Proclamouse campión e ascendeu á 2ª Rexional, pero na 1976-77 xa estaba de novo na 3ª, categoría na que seguiría tres campañas máis. Na 1980-81 e seguinte estivo na 2ª Rexional, pero a formación de dous grupos na 1ª Rexional fai que na 1982-83 xogue nesta categoría semiprovincial, ao igual que ao ano seguinte. Dúas temporadas na 2ª Rexional, e nova reestruturación federativa, que subdivide os dous grupos da 1ª Rexional en catro, polo que o Esclavitud volve á 1ª Rexional, na que vai estar as cinco campañas que dura esta división. Na 1991-92 vólvese a un único grupo provincial na 1ª e o equipo padronés xoga na 2ª Rexional, e o mesmo fai na 1992-93, antes de descender á 3ª. Na segunda das temporadas na categoría máis baixa proclámase campión e ascende á 2ª Rexional, que nesa 1995-96 repite e obtén o título. Ascende á 1ª Rexional provincial, pero só agunta esta temporada 1996-97. Nove temporadas seguidas na 2ª Rexional, ata que na 2005-06 se proclama de novo campión e volve á 1ª Rexional. Outra vez só un ano na categoría provincial, para xogar dúas seguidas na 2ª Autonómica, para ascender logo do subcampionato da 2008-09 pola desaparición do campión Ciudad de Santiago; o ascenso fora concedido á última hora e o equipo só sumaría 1 punto na 2009-10 nesa difícil 1ª Autonómica. Volveu para a 2ª, na que estivo seis temporadas consecutivas, proclamándose campión na 2015-16. O ascenso á 1ª Autonómica semiprovincial foi tamén cousa dun ano, e volveu á 2ª Autonómica. Na 2017-18 foi subcampión, o que lle deu a oportunidade de xogar a liga de ascenso co Mazaricos e San Mamed, logrando o ascenso. Tras lograr a permanencia o ano pasado, esta vai ser a súa 13ª temporada na 1ª Autonómica (3 provincial, 5 semiprovincial e 5 do Sar); as outras campañas repártense entre as 7 da Liga do Sar, outras 7 na 3ª Rexional, e 26 da 2ª Rexional. Logrou dous títulos da 3ª Rexional (1974-75 e 1994-95) e tres da 2ª Rexional (1995-96, 2005-06 e 2015-16). Tamén logrou gañar a Copa do Sar na temporada 1985-86 (ante o Airiños do Ulla), perdendo tres finais.

Esta é a terceira temporada na que coinciden o CD Baio e SD Esclavitud. A primeira foi na 1983-84, na 1ª Rexional Grupo 2, na que o Baio se impuxo no Balsiño por 4-1 o 11 de decembro de 1983, e o 1 de maio de 1984, no Campo do Doce, empataron (1-1), nun dos partidos da crónica negra arbitral que figuran na memoria colectiva baiesa, pois ese empate fíxolle perder o título ligueiro ao equipo daquela adestrado por Manín. A segunda vez foi na temporada pasada, con similar vitoria (2-0) para os dous conxuntos cando xogaron na súa casa: a do Esclavitud na primeira volta e a do Baio na segunda.

O partido do domingo

A SD Esclavitud foi un dos equipos revelación da temporada pasada, cunha gran primeira volta que practicamente lle certificou a permanencia. Agora intenta manter unha liña continuísta e tratar de repetir o resultado da anterior campaña. Continúan 15 xogadores no cadro que dirixe Juanvi Cameán, e chegaron ao equipo sete fichaxes: do Xuventú de Aguiño viñeron Abeijón, José Manuel e Mon; do Chaián Adrián García e Isi; do Urdilde Jonatan, e Antón Romero, que estaba sen equipo.

Son 22 as fichas coas que conta e todos os xogadores tiveron a súa oportunidade. Ningún deles foi titular en todas as xornadas (só Andrés participou en todas elas, pero a metade foi suplente). Adrián García foi da saída en 14 encontros, e un menos Pichy e José Manuel; e moi repartidos os minutos entre moitos dos demais membros do plantel. Na portería Diego Couso saíu en 9 partidos por 6 de Flori; iván Angeira, Mon e Hugo González, con 10 titularidades, Álex Gallego, Isi e Gonzalo, con 9, e Abeijón, Andrés e Abel, con 8 son os que se reparten a maioría dos minutos. Tamén contaron con moitas oportunidades Borja, Yaki, Juan, e Jonatan saíndo desde o banco. Xenxo, Antón, Jimmy, Darío e Flori -este como dianteiro- tiveron menos minutos ata o momento.

Actualmente a SD Esclavitud ocupa a 13ª posición, con 16 puntos, colleitados mediante 4 vitorias e 4 empates, con 7 derrotas. Tan só marcou 14 goles (segunda peor cifra do grupo) e encaixou 24. A súa posición nos postos medio-baixos pode ser estraña, sobre todo se temos en conta que xogou 9 dos 15 partidos como local. Fóra da casa disputou só seis, coa escasa bagaxe de 3 puntos, con tres empates e tres derrotas. Os seus resultados como visitante foron: At. Riberia (0-0), Agolada (2-1), Soneira (4-2), Praíña (1-0), Unión (1-1) e Lalín (1-1). Con todo, vemos que os seus resultados foron moi igualados, mellorando os seus números nas últimas xornadas, sobre todo despois de vecer no derbi da semana pasada ante o Flavia. Fóra do Campo do Doce, só marcou 5 goles, pero tamén só lle marcaron 9. O seu máximo goleador é Pichy, con 4 goles, seguido de Adrián García, con 3, e Abeijón, con 2; suman 1 Xenxo, Gonzalo, Iván Angueira, Mon e Flori.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – S.D. ESCLAVITUD

Domingo 22 de decembro; 16:15 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: David Castreje Ferrío.

Asistentes: Carlos Señarís Balsas / Christian Sendón Villar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *