O domingo visitamos O Souto

A Historia

O domingo o CD Baio viaxa ata Padrón para enfrontarse ao Flavia SD. O equipo padronés foi fundado en 1964 baixo a denominación Padrón Frente de Juventudes, que en 1967 mudou por Padrón S.D., e xa desde 1979 adoptou o actual nome en recordo do antigo club desta vila. Participou sempre na Liga do Sar ata que se converteu en Flavia SD, que foi cando comezou a subir de categoría. Foron 14 temporadas na Liga do Sar ata que se produce unha subida fulgurante: na 1978-79 xoga na 1ª Rexional, na 1979-80 na Preferente, e na 1980-81 está xa na 3ª División, categoría na que vai botar catro anos seguidos. Volve descender á Preferente, pero axiña volve á 3ª División, na que estará tres anos. Tres temporadas máis na Preferente e na 1991-92 xoga de novo na 3ª División, mais será esa campaña pois volve á Preferente outros tres anos, para xogar por última vez na 3ª División na 1995-96. A partir de aquí descenso seguido, primeiro á Preferente e despois á 1ª Rexional; nesta categoría provincial bota cinco temporadas ata que descende á Liga do Sar. Xoga nesta liga na 2002-03, pero á seguinte xa está na 1ª Rexional e á seguinte outra vez na Preferente, na que durará sete campañas. Na 2011-12 xoga na 1ª Autonómica provincial e a partir da seguinte na semiprovincial, na que acumula oito campañas coa actual. En resumo o Flavia SD leva 9 temporadas competindo na 3ª División, 16 na Prefetente, 1 na 2ª Rexional e esta será a 14ª campaña na 1ª Rexional ou Autonómica. Ten un gran palmarés, pois gañou unha liga de Preferente (1984-85), outra de 1ª Rexional (2003-04) e tres Ligas do Sar (1967-68, 1969-70 e 2002-03); pero onde destacou foi na Copa do Sar, xa que é o club con máis títulos, nada menos que oito (67-68, 77-78, 78-79, 03-04, 06-07, 07-08, 14-15 e 15-16).

Esta é a duodécima temporada que coinciden os dous conxuntos, as tres primeiras na Rexional Preferente e as demais na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento tivo lugar o 9 de setembro de 1984, e o Flavia impúxose no seu campo ao Baio (3-0), para remataren os padroneses como campións de liga esa temporada. Houbo que agardar ata a 1988-89 para que volvesen cadrar, e o Baio logrou gañar no Souto, igual que o fixo na súa seguinte visita, na campaña 1996-97. Na temporada 1999-2000, os dous equipos estaban na 1ª Rexional e non houbo goles no partido xogado en Padrón, gañou o Flavia na 2000-01 e de novo empate sen goles na 2001-02. Despois de moitos anos sen enfrontarse volveron coincidir na 2013-14, e de novo se produciu un empate, neste caso a uns. A última vez que o Baio gañou no Souto foi na 2014-15 e fíxoo por 1-4, devolvendo o equipo padronés a goleada na 2015-16 cun contundente 6-2. Nas últimas visitas, nas campañas 2017-18 e 2018-19, tamén gañou o Flavia, neste caso por 2-0 e 4-0, respectivamente. Así pois, as estatísticas dos partidos xogados en Padrón amosan certa superioridade para o Flavia, con cinco triunfos locais e tres visitantes, con tamén tres empates. Vantaxe que tamén se dá nas estatísticas xerais, con oito vitorias para o Baio por nove derrotas.

O partido do domingo

O Flavia SD despois da excelente temporada que fixo o ano pasado, que rematou na terceira posición pero sumando moitos puntos, que noutra temporada calquera lle había de dar o título pero neste caso non puido co Fisterra e co Sigüeiro, volve intentar gañar a liga esta temporada. E faino cunha mellora no seu plantel, do que hai baixas significativas, como as dos veteranos Padín e Jesús, ou outras como o central Salva Arufe. Pero incorporou moitos xogadores que, en teoría, deberían mellorar o proxecto. É o caso do defensa Iago Pérez (Puebla) ou do dianteiro Adrián Beiroa (Sp. Santiago); ademais dos Labandeira (Bastavales), Kevin Armas (Sar Extramundi), David (Furia), Bryan (At. Ribeira xuvenil) ou recentemente Dimitar, que chega do Estudiantil. O míster e alma máter do club, Camilo Perol, conta con 23 fichas (aínda que dúas son restos do primeiro proxecto que non foi adiante deste verán), e xa participaron 20 xogadores (excepto a última fichaxe), aínda que David -porteiro suplente- o fixera de xeito testimonial. É o porteiro titular, Diego Perol o único que foi titular nas sete xornadas, e só se perdeu un minuto de xogo. En seis partidos saíron de inicio Óscar, Jorge Rama, Iago Pérez, Víctor, Andrés Seijas, Uxío, Álex Pérez e David Triñanes. Polo tanto quedarían dúas prazas libres que se disputaron ata o momento Marcos, Checho, Adrián Beiroa e Kevin Mosquera. Menos minutos tivo o lesionado David Pérez, e tamén os Damián, Kevin Armas, Labandeira, Iago Antelo e Bryan.

Actualmente o Flavia SD ocupa a 8ª posición, con 11 puntos. O mal inicio, condicionado parece polas baixas dalgún xogador (lesións e sancións), parece que foi revertido nas últimas xornadas. Leva tres vitorias, dous empates e dúas derrotas, con 14 goles a favor -o segundo do grupo- e 10 en contra. Estes números poden sorprender, pola pouca solidez defensiva dun candidato ao título, pero as cousas cambian se falamos dos partidos no Souto. Tres encontros e estes resultados: Tordoia (4-0), O Pino (0-0) e Piloño (2-0); polo que vemos que marcou seis goles e non encaixou aínda ningún como local. Os goles no Flavia teñen nome propio, e son os catro de arriba os que os meteron case todos: Uxío (4), Adrián Beiroa (3), David Pérez e Álex Pérez (2); completan a terna de goleadores Marcos (2) e Iago Pérez, que marcou 1 de penalti.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

FLAVIA S.D. – C.D. BAIO

Domingo 27 de outubro; 16:45 horas.

Saída de Baio ás 14:30 horas.

Campo: Municipal do Souto (Padrón).

Árbitro: Pedro Mirazo Insua.

Asistentes: Diego García Agra / Sergio Villanueva Lorenzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *